Martes, 07 de Abril de 2026

Actualizada Martes, 07 de Abril de 2026 a las 17:41:02 horas

Xornal21.es
Jueves, 17 de Junio de 2021 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Comeza a cuarta campaña de voluntariado de WWF no Parque das Illas Atlánticas

Ata o vindeiro mes de setembro organizaranse catro quendas de traballo de 13 días de duración e cada equipo estará integrado por catro voluntarios e mais os monitores

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a organización ecoloxista WWF colaborarán desde hoxe e durante os próximos catro meses nunha campaña de voluntariado no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia para obter información sobre a interacción humana co medio mariño e as poboacións de aves mergulladoras presentes nesta zona.

 

Este é o cuarto ano no que as illas acollen esta actividade, que ten como principal obxectivo contribuír á conservación da vida mariña no único parque nacional da Comunidade. En total, hai programadas catro quendas de traballo de 13 días de duración cada unha, comezando a primeira mañá, 17 de xuño, e con regreso previsto para o día 29.

 

Os voluntarios organizaranse en equipos de catro persoas, sen contar ao monitor responsable, e desenvolverán o seu traballo en tres dos catro arquipélagos do Parque (Cíes, Ons e Sálvora). No caso deste primeiro grupo, comezarán a súa estadía en Cíes e rematarana en Sálvora.

 

Deste xeito, sairán do porto de Vigo ás 17,00 horas con dirección a Cíes, onde pasarán as primeiras xornadas de traballo para ir rotando despois a Ons e Sálvora co fin de poder tomar datos das tres illas.

 

As outras tres quendas de traballo desenvolveranse do 15 xullo, con saída do porto de Bueu, ata o 28 xullo, con regreso a Vigo; do 12 ao 24 de agosto, partindo neste caso de Aguiño (Ribeira) e con volta prevista a Bueu; e do 9 ao 21 de setembro, con saída en barco desde Vigo e regreso programado a Ribeira. As 16 prazas dispoñibles para participar na campaña de voluntariado nas Illas Atlánticas deste ano xa están cubertas.

 

Coincidindo co inicio de cada unha das catro quendas, os participantes deberán presentarse na Oficina do Parque Nacional en Vigo para recibir unha primeira formación a cargo de WWF, co fin de garantir o correcto desenvolvemento dos traballos. Desde alí, serán trasladados en barco desde Vigo, Bueu ou Aguiño —dependendo da súa quenda— para continuar nas illas co apartado formativo desde un punto de vista práctico.

 

O labor dos voluntarios consistirá na realización de actividades de observación directa das zonas do Parque Nacional previamente identificadas a través de aparellos ópticos axeitados e ferramentas para a súa localización. Así, os distintos grupos irán recollendo e anotando información que describa a situación observada (situación exacta, especies, número de aves, tipo de actividade humana, embarcacións…) incluíndo, de darse o caso, posibles capturas accidentais.

 

 

 

 

Os primeiros participantes sairán mañá de Vigo e regresarán o 29 de xuño a Ribeira

 

 

 

 

Grazas á información que se recompile durante os catro meses que durará a campaña deste ano aumentarase o coñecemento existente sobre os usos humanos do medio mariño no Parque Nacional (pesca, actividades náuticas e recreativas, turismo, transporte…) e tamén a información dispoñible sobre as poboacións de aves mariñas mergulladoras e o uso que fan das augas desta zona.

 

Requisitos e apoio durante a estadía nas illas
Para poder intervir na campaña de voluntariado nas Illas Atlánticas os requisitos esixidos son ser maior de idade, ter coñecementos básicos de ornitoloxía e estar familiarizado co manexo de aparellos como prismáticos ou telescopios, e dispor da resistencia física, autonomía e responsabilidade mínimas necesarias para poder camiñar e observar aves durante varias horas. Tamén se valora a experiencia na recollida sistémica de datos sobre o terreo e os coñecementos para o manexo dun ordenador e de follas de cálculo.

 

A participación na actividade é totalmente gratuíta, contando con financiamento do Organismo Autónomo Parques Nacionais (OAPN) en colaboración con WWF. Así, a organización ecoloxista achegará todo o material requirido e asumirá os gastos de manutención dos voluntarios durante a súa estadía nas illas, mentres que a dirección do Parque ocuparase dos traslados por terra e mar e do aloxamento, que se fará nas súas propias instalacións, poñendo ademais ao seu persoal a disposición dos voluntarios.

 

Os participantes, en todo caso, terán que chegar por medios propios ao punto de recepción establecido para cada quenda (Vigo, Bueu ou Aguiño).

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.163

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.