Miércoles, 22 de Abril de 2026

Actualizada Martes, 21 de Abril de 2026 a las 23:16:17 horas

Xornal21.es
Sábado, 07 de Agosto de 2021 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

A provincia de Pontevedra logra en xullo un 65% de ocupación media

Carmela Silva: “Trátase dun salto importantísimo con respecto a xullo de 2020, ao medrar 17 puntos, o que sitúa á provincia como un destino moi potente e resiliente”

“Cando remate a temporada turística, Rías Baixas estará moi ben posicionada en Galicia e no conxunto do Estado” asegurou a presidenta da Deputación ao dar a coñecer os datos de ocupación do mes de xullo rexistrados polo Observatorio de Turismo Rías Baixas. En establecementos hoteleiros a ocupación media foi do 65%, “un salto importantísimo con respecto a xullo do 2020, ao medrar 17 puntos, o que sitúa á provincia de Pontevedra como un destino moi potente e resiliente”, informou Carmela Silva.

 

“Os establecementos hoteleiros de todas as comarcas –destacou a presidenta – superaron con creces os resultados acadados en xullo do 2020”. Así, a comarca de Vigo chegou ao 77%, 29 puntos máis que o pasado ano; O Morrazo ao 76%, 8,8 puntos máis; O Salnés ao 74%, 23,7 puntos máis que en xullo do 2020; a comarca de Pontevedra ao 71%, 25,7 puntos máis; O Baixo Miño chegou ao 70%, 17,6 máis; Deza e Terra de Montes ao 55%, 17,2 máis; Condado e A Paradanta superaron o 53%, 6,4 puntos máis que en xullo do 2020 e a comarca de Caldas o 50%, 11,3 máis. No que respecta aos concellos, os establecementos hoteleiros de Vigo superaron o 81%, os de Baiona o 80%, os de Sanxenxo o 77%, os do Grove o 69% e os de Pontevedra o 68%.

 

En canto ao turismo rural, a ocupación media na provincia foi do 73,3%, o que supón 8,8 puntos máis que en xullo do 2020. “Non medrou tanto, en comparación cos establecementos hoteleiros, pero porque as casas de turismo rural xa foron os aloxamentos que a cidadanía escolleu maioritariamente o pasado ano”. Neste eido, Baixo Miño superou o 86,5%; O Morrazo o 84,2%; a comarca de Caldas o 83%;  O Condado e A Paradanta o 77,7%; a comarca de Pontevedra o 67,2%; a de Vigo o 66%; O Salnés o 64% e Deza e Terra de Montes o 58%. Pola súa banda os cámpings rozaron o 61% de media provincial, sendo  a ocupación do 71,2% na comarca do Morrazo, do 70% no Salnés, Condado e A Pardanta, do 60% na zona de Vigo e do 31% no Baixo Miño.

 

As vivendas turísticas acadaron unha media provincial en xullo do 88%, 20 puntos por riba do obtido no mesmo mes do 2020. Neste tipo de establecementos a provincia de Pontevedra foi a que concentrou a maior ocupación de Galicia, con visitantes procedentes maioritariamente de Asturias, Castela e León e o País Vasco.

 

En canto ás visitas ao Castelo de Soutomaior, os datos son “sobresalientes e amosan –tal e como asegurou Carmela Silva – que as iniciativas que estamos impulsando é o que a cidadanía demanda”. Así, en xullo de 2021 visitaron Soutomaior 5.275 persoas o que supón 3.102 máis que en xullo do 2020, e mesmo un incremento do 34% con respecto a 2019, cando se achegaron ao recinto 3.933 persoas.

 

No que respecta ao perfil das persoas que acoden ás oficinas de información turística da Deputación foron maioritariamente españolas (94%) procedentes de Madrid, Barcelona, Bizkaia e Asturias. En canto ás persoas estranxeiras (6%) proveñen maioritariamente de Francia, Portugal, Alemaña, Estados Unidos e Italia.  A media de idade entre os 35 e 60 anos e permanecen na provincia entre 7 e 15 días motivadas/os pola oferta de ocio e cultura.

 

Previsións para agosto
“Hai que facer as estimacións con todas as cautelas”, asegurou a presidenta ,recordando que “a pandemia cambiou os hábitos das persoas e as reservas prodúcense con moi poucos días antes de viaxar, que a situación e moi variable e que a climatoloxía tampouco esta á axudar”. Sen embargo, nestes momentos, o Observatorio prevé unha ocupación en establecementos hoteleiros da provincia superior ao 71%. Espérase un 80% na comarca de Vigo; de preto do 79% no Morrazo; no Baixo Miño do 76%; do 72,4% no Salnés; do 72,1% na comarca de Pontevedra; nas comarcas do Condado e da Paradanta superior ao 71,6%; do 63% na comarca de Caldas; e en Deza e Terra de Montes por riba do 60%.  

 

 

 

 

As estimacións, “con todas as cautelas”, para o mes de agosto sitúan á provincia cunha ocupación media en establecementos hoteleiros superior ao 71%

 

 

 

 

Xa no que respecta a concellos no mes de agosto agárdase que os establecementos hoteleiros de Vigo cheguen ao 75,4%, de Sanxenxo ao 63,6%, de Pontevedra ao 63%, do Grove ao 62,9% e de Baiona ao 60%.

 

Pola súa banda os establecementos de turismo rural da provincia esperan unha ocupación do 80,1% en agosto. Agárdase un 92% no Baixo Miño; 89,4% no Morrazo; do 85% na comarca de Caldas; superior ao 81% nas comarcas do Condado e da Paradanta; 75,4% no Salnés; do 75,2% na comarca de Pontevedra; do 74,4% en Deza e Terra de Montes; e do 68,3% na comarca de Vigo. Nos cámpings a estimación é do 65,5% de media na provincia, chegando ao 80% no Condado e A Paradanta, ao 78% en Vigo, ao 69,5% no Morrazo, ao 61% no Salnés e ao 39% no Baixo Miño. No caso das vivendas turísticas agárdase un 90% de ocupación.

 

Campaña “É o teu momento”: 13 millóns de impactos
A presidenta da Deputación tamén puxo en valor os “espectaculares” datos da campaña de promoción “É o teu momento”, que en xuño e xullo acadou ata 13 millóns de impresións, con máis de 2,4 millóns de visualizacións completas dos vídeos e 46.000 clics nos anuncios. “A nosa promoción segue chegando cada vez a máis persoas o que nos permite seguir posicionando o destino pontevedra provincia”, subliñou Carmela Silva.

 

No pasado mes de xullo a Deputación desenvolveu u a campaña entre os días 12 e 25 de xullo conseguindo máis de 5,4 millóns de impactos nas redes sociais e medios de comunicación dixital. Durante este período leváronse a cabo tres tipos de anuncios: en vídeo a través de YouTube, Facebook, Instagram e Twitter que sumou os 2,6 millóns de impactos; un carrusel fotográfico en Facebook e Instagram con máis de 1,1 millóns de impactos; e un banner en medios de comunicación dixital que acadou os 1,7 millóns de impactos.  En total xeráronse preto de 20.000 clics nos anuncios e detectouse un incremento nas visualizacións completas do vídeo promocional.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.217.8

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.