Miércoles, 08 de Abril de 2026

Actualizada Martes, 07 de Abril de 2026 a las 22:23:38 horas

Xornal21.es
Domingo, 26 de Diciembre de 2021 Tiempo de lectura:
TOMIÑO

Falece Manuel Garcés, mestre que da nome ao Centro Rural Agrupado de Tomiño

Fai máis dunha década os seus compañeiros de profesión decidiron dar o seu nome ao CRA de Tomiño despois de cincuenta e nove anos adicado ao ensino

Este 26 de decembro faleceu na parroquia de Estás (Tomiño) aos 88 anos o mestre Manuel Garcés Estévez, que da nome a Centro Rural Agrupado deste concello. Manuel Garcés foi o nome escollido hai preto de vinte anos polos profesores do Centro Rural Agrupado para homenaxear a este profesor que se xubilou despois de adicar a súa vida ao ensino rural.


Manuel Garcés foi mestre en Mougás (Oia), en Pías (O Rosal), Amorín (Tomiño) e xubilouse na parroquia de Estás despois de ensinar durante 27 anos na pequena escola da Fundación Peirópois, construída grazas ao benfeitor Abdón Alonso. A escola de Estás na que tamén deu escola o seu pai é un dos exemplos de “escolas indianas” ou da emigración construída grazas á filantropía dos que marchaban alén mar.  


[Img #73283]No total da súa vida foron 59 anos adicados ao ensino, nun momento no que as escolas rurais acollían entre sesenta e setenta rapaces de todas as idades. Aqueles escasos anos de escolarización rural eran a única oportunidade para moitos nenos e nenas de ter algo de formación. A figura do mestre era un referente, unha persoa a respectar e así foi a figura de Manuel Garcés, que gardaba escrupulosamente os cadernos coas cualificacións de xeracións de alumnos de Tomiño e Oia aos que recoñecía por nome e apelidos.


Casado coa veciña de Estás, Argentina Martínez Gómez, a vocación do ensino viulle a Manuel Garcés do seu pai Domingo Garcés, figura clave na súa vida e tamén mestre na escola de Estás. Domingo Garcés foi o encargado de que o seu fillo Manuel preparara por libre primeiro o Bacharelato e logo o Maxisterio, indo a examinarse a Vigo e Pontevedra, como moitos dos mestres daquela.


Persoa de profundas conviccións morais, foi un mestre querido e admirado polos seus veciños. Formou a varias xeracións de tomiñeses e grazas ao coidado e mimo co que tratou todo o que tiña que ver coa escola, consérvase na parroquia de Estás unha pequena Aula Museo que garda material didáctico, bibliográfico e documental dos anos 30, dende expedientes académicos de varias xeracións até libros das Misións Pedagóxicas ou mapas da época.


A parroquia de Estás e moitos veciños e veciñas Tomiño de quen foi profesor, así como o Concello, lamentan a súa perda e recoñecen en Don Manolo, como se lle coñecía popularmente, un home apaixonado polo ensino e unha boa persoa que deixou fonda pegada na vida de centos de nenos e nenas que pasaron polas súas aulas.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.163

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.