Miércoles, 22 de Abril de 2026

Actualizada Miércoles, 22 de Abril de 2026 a las 11:01:38 horas

Xornal21.es
Miércoles, 01 de Marzo de 2023 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Deputación fixo un investimento de 69 millóns de euros nos concellos próximos a Vigo

A presidenta Carmela Silva fai balance de xestión dos últimos dous mandatos nos que a Administración provincial investiu un 87% máis que cando gobernaba o PP

A Deputación alcanza un investimento acumulado de 69 millóns de euros nos sete concellos de menos de 50.000 habitantes próximos á área de Vigo: Redondela, O Porriño, Fornelos de Montes, Mos, Pazos de Borbén, Salceda de Caselas e Soutomaior. A presidenta, CarmelaSilva, fixo balance de xestión e dación de contas na recta final deste segundo mandato á fronte da Administración provincial cun almorzo informativo celebrado en Redondela. Un período de case oito anos que tradúcese, en grandes números, nun total de 677 obras, na celebración de case 2.400 actividades socioculturais e deportivas e na xeración de 1.130 postos de traballo vinculados aos servizos municipais para persoas desempregadas. Un balance específico destes concellos que se suma aos das comarcas do Val Miñor, onde se produciu un investimento de 41,8 millóns de euros no mesmo período, e  das comarcas do Condado e A Paradanta, onde as achegas da Deputación acumulan outros 81,1 millóns de euros.

 

Carmela Silva reivindicou a necesidade de facer balances de xestión por comarcas para que a cidadanía saiba o que se fai cos cartos públicos e amosou o seu desacordo  cun Partido Popular, “que estes días amosábase indignado de que eu, como presidenta da Deputación faga estes almorzos informativos”. Considerou como “normal” a indignación do PP “porque gústanos comparar co que fixeron eles” e demostrar con datos que transformamos esta provincia con investimentos estables tódolos anos e tamén con cero euros de libre disposición, en contraste cos 20 millóns que o anterior presidente da Deputación manexaba tódolos anos ao seu criterio. “Todo é mellorable”, recalcou, “pero creo fixemos unha grande xestión, que fixo posible que tódolos concellos progresaran como nunca, con moito traballo e tamén moi boa relación coa maioría dos alcaldes e alcaldesas, que saben recoñecelo, aínda que sempre hai algún/algunha que prefire a confrontación ao acordo”.

 

A presidenta tamén comparou a transversalidade do modelo da Deputación “que inviste en tódolos concellos e tódolos anos, de xeito regrado, para mellorar a vida da xente, viva onde viva” e o modelo da Xunta, “que é un escándalo total porque abandona aos concellos onde non goberna o PP”. Deste xeito criticou a ausencia total de investimentos autonómicos en Fornelos, Redondela ou Salceda de Caselas cos sete convenios “a dedo” asinados  recentemente con Mos. Tamén detívose no caso do Porriño, “onde durante 7 anos non investiron nada e agora que chegaron ao Goberno produto dunha moción de censura tras facer un dano intolerable á alcaldesa, tristemente falecida, agora prometen 15 millóns de euros  xusto antes das Eleccións”. A presidenta comentou especificamente o caso de Redondela, para recordar que “cando había aínda alcalde do PP asinaron un deses convenios a dedo para obras de humanización da avenida de Mendiño  con 1,6 millóns de euros, pero en canto perderon o Goberno de Redondela paralizaron o proxecto e decidiron incumprir cun convenio asinado”. “É unha vergoña como está a avenida de Mendiño”, concluíu.

 

A aposta da Deputación polo impulso a estes sete concellos traduciuse nun 87% máis de recursos que os que chegaban á comarca durante o anterior período de goberno do Partido Popular á fronte da institución provincial. Así, nestes dous últimos mandatos, Redondela recibiu 14,4 millóns de euros millóns de euros; O Porriño, 13,8 millóns de euros; Fornelos de Montes, 6,2 millóns de euros; Mos, 11,7 millóns de euros; Pazos de  Borbén, 4,9 millóns de euros; Salceda de Caselas, 9,5 millóns de euros e Soutomaior, 6,7 millóns de euros. Un fluxo que chegou maioritariamente do Plan Concellos, que se distribúe anualmente con criterios nos que se valora a poboación, extensión e dispersión. A este reparto, Carmela Silva, sumou ademais os 1,8 millóns de euros investidos pola Deputación nestes últimos anos na posta en valor da “xoia” que é castelo de Soutomaior, co gran proxecto de musealización á cabeza de tódalas intervencións. Adiantou que hai presentado un proxecto de 3 millóns de euros aos fondos Next Generation para facer “un cambio espectacular” na iluminación do castelo e os seus  xardíns. “Hoxe é un castelo da xente, para o turismo e a cultura, e xa non un mero recurso para actos electorais do PP”.

 

O Plan Concellos, cun total acumulado de case 42 millóns de euros, foi “o motor do cambio” nestes concellos da área de Pontevedra, achegando un torrente de financiamento estable que se traduciu na execución de 323 obras.  En Redondela executáronse 51 obras (9,4 millóns de euros) como a humanización da avenida de Santa Mariña (a piques de rematar), a ampliación do paso superior sobre a liña férrea en Os Valos, ou a pavimentación da contorna do Pazo de Torres de Agrelo. Agora estase construíndo o aparcamento de Vilavella (546.536 euros) ou a renovación de redes de servizos no camiño de Cidadelle (355.465 euros). En O Porriño foron 74 as obras realizadas (8,6 millóns de euros) entre as que destaca a adquisición de catro locais para servizos municipais na rúa de Antonio Palacios ou as humanizacións nas rúas Aloques e Manuel Rodríguez. Agora estanse financiando asfaltados por valor de 330.000 euros e reforzando o firme da estrada Centeáns-Corzón (136.432 euros). En Fornelos de Montes o Plan Concellos financiou 39 obras (3,1 millóns de euros), como pavimentacións e ensanches de camiños, a reforma do centro cultural de Pardalongas ou a plataforma para a cafetería da praia fluvial de Portovilán. Agora mesmo estanse realizando melloras rurais en Calvos e pavimentando camiños, por valor de máis de 160.000 euros. En Mos foron 30 as obras (7,7 millóns de euros) destinadas maioritariamente a humanización e mellora da seguridade viaria en Puxeiros, Camiño das Pozas, estrada Generoso Domínguez, baixada a Buenos Aires, Baloutas, Camiño de Zapateira, Cela e Tameiga, no alto de Barreiros ou en Guizán e Tameiga. Agora estase financiando a senda do Foxo Vello na parroquia de Pereiras (406.926 euros), a nova beirarrúa de Guizán a Cruce Moreno (657.456 euros) e a mellora da seguridade na estrada de Tameiga a Dornelas e Torroso (354.929 euros). En Pazos de Borbén, 26 obras (3,3 millóns de euros) para ampliar saneamentos, pavimentacións e construír a senda peonil e ciclista entre Moscoso e Xunqueiras. Nestes intres estase reformando o centro social de Cepeda (103.447 euros) e acondicionando a zona deportiva de Nespereira (49.231 euros). En Salceda de Caselas foron 52 obras (5,4 millóns de euros) para urbanizar o acceso ao centro de saúde, mellora da rúa Compostela, o paseo fluvial e parque etnográfico do río Landres ou a recente mellora do recinto das piscinas municipais, entre outras actuacións. Agora estanse acondicionando os accesos a Budiño, Parderrubias e San Xurxo (158.294 euros), ampliando os vestiarios das piscinas municipais (135.178 euros) e impermeabilizando o pavillón municipal (47.857 euros). Finalmente, en Soutomaior executáronse 51 obras (4,4 millóns de euros) para mellorar fontes e lavadoiros, humanizar a rúa do Peirao (Arcade) e habilitar o local multifuncional de Moreira.  Entre as actuacións en marcha están a humanización da rúa Lameiriña e praza de Cimadevila (286.208 euros) ou a pavimentación de camiños en Barreiros, O Conde, Piñeiro e Rial (206.365 euros).

 

 

 

 

“É unha vergoña como está a avenida de Mendiño. A Xunta incumpre o convenio porque en canto perderon a Alcaldía de Redondela decidiron paralizar a actuación”

 

 

 

 

Os plans extraordinarios convocados pola Deputación nestes dous mandatos financiaron 13 obras emblemáticas cunha achega global de máis de 4,6 millóns de euros, todos eles adxudicados en concorrencia competitiva. Agora mesmo, con cargo ao plan ReacPon estanse impulsando catro grandes proxectos na área de Vigo como son a humanización da rúa da Picota e a súa contorna en Redondela (212.314 euros), a rehabilitación do pavillón municipal de deportes de Fornelos (281.265 euros), a reforma integral do centro cívico da Devesa (Salceda de Caselas), con outros 538.939 euros e a reforma do edificio da Biblioteca e os Xulgados de Mos (361.032 euros). Carmela Silva detívose en concreto nesta última obra e lamentou a recente fotografía do conselleiro de Cultura, aproveitando que a Xunta achega unha pequena subvención para o amoblamento, tratando de facer ver de que se trata dunha obra autonómica.  “É sorprendente esta forma de facer política; a veciñanza debe saber que este edificio se arranxa con recursos da Deputación e que tódalas grandes obras da comarca, goberne quen goberne, son da Deputación”.

 

Ademais, con cargo aos anteriores plans extraordinarios (PICEI, Reequilibrio, DepoRemse e Ágora) executáronse outras grandes obras de equipamentos públicos. En O Porriño, a mellora da rúa Doantes de Sangue, e a construción do Módulo de Atletismo, a mellora do campo de fútbol de Atios e a segunda fase da humanización da rúa Manuel Rodríguez. En Fornelos de Montes saíu adiante a remodelación da praza central do concello, o novo ximnasio e pista de pádel e a primeira reforma do pavillón municipal. En Salceda de Caselas urbanizouse o campo da feira da Devesa para construción dun parque e un aparcamento. Finalmente, en Soutomaior modernizouse o campo de fútbol de Arcade, todo elo cualificado como “investimentos extraordinarios que moitos concellos non poderían nin soñar co anterior Goberno provincial”.

 

As estradas provinciais da comarca recibiron máis de 8,2 millóns de euros cos que se realizaron 328 obras entre as de mobilidade peonil, pavimentacións, calmado de tráfico e conservación. Destacou que ningunha Administración fai un investimento comparable pola mellora e mantemento da súa rede, a pesar de que as estradas provinciais suman máis kilometraxe na nosa provincia que as estatais e autonómicas xuntas. Tamén se financiaron os plans de mobilidade urbana sustentable nos seis concellos que o solicitaron (todos agás Mos). Entre as 39 grandes obras de seguridade viaria para dar prioridade ás persoas que camiñan destaca a transformación da estrada redondelá de Os Valos-Guizán, con 402.341 euros para dotala de senda peonil e plataformas de convivencia con preferencia para as persoas. En Salceda de Caselas xa é realidade tamén a mellora da mobilidade no tramo urbano da estrada a Caldelas (679.516 euros), unha obra que se prolongará cunha senda peonil en dirección á ermida de San Brais e para a que xa se reservan outros 470.000 euros. En Mos saiu adiante a gran obra da estrada Puxeiros-Peinador (632.857 euros) e está en execución a primeira das catro fases da senda peonil na estrada de Puxeiros no tramo coincidente co Pazo de Mos (446.545). A Deputación quere executar as tres fases seguintes ata Dornelas, Tameiga e Torroso e está comprometida a avanzar en liña coa colaboración que vaia ofrecendo o Concello na posta a disposición dos terreos. En Soutomaior mellorouse a mobilidade na contorna do instituto de Secundaria de Arcade na estrada Arcade-Amoedo (176.191 euros) e está a rematar a pavimentación na estrada Mosende-Morgadáns, no acceso a Chenlo (O Porriño) (487.867 euros).

 

Outros grandes proxectos xa redactados son a senda peonil entre Cerquido e Budiño, no Porriño (600.000 euros) e a mellora da mobilidade na estrada de Fornelos ás Estacas (238.791 euros), gracias, destacou Carmela Silva, á chegada de fondos europeos Next Generation que permiten reforzar a planificación de actuacións de mobilidade sostible. A presidenta detívose especialmente no caso da estrada de Amoedo a Os Valos (Pazos de Borbén) que a Deputación leva catro anos tratando de impulsar, cunha actuación de ensanche e pavimentación de 968.384 euros e que sufriu ata o de agora a falta de colaboración municipal para a ampliación da sección da vía. “Levamos moito tempo intentando que o alcalde “se poña as pilas” e mesmo tivemos que traballar directamente coa veciñanza”. Ademais, avanzou a presidenta provincial, a Deputación quere continuar esta obra cunha segunda fase en torno ao núcleo de Nespereira, que incluirá unha senda peonil no marco do modelo de mobilidade integral.

 

En canto aos fondos europeos captáronse máis de 1,3 millóns de euros para obras de iluminación sostible, substitución de caldeiras de calefacción de gasoil, iluminación de bens de interese cultural ou proxectos de mobilidade sostible. A Deputación achegou tamén 403.089 euros directamente a estes sete concellos durante a pandemia de Covid19 e foi a única Administración que achegou recursos para este fin.

 

Por servizos provinciais destacan as 37 subvencións concedidas aos concellos e os 212 cursos organizados para a veciñanza dende a área de Igualdade. O servizo provincial de Cohesión Social investiu 3,4 millóns de euros na área viguesa para financiar os Servizos Sociais municipais, achegou os 462.750 euros de axudas de emerxencia social repartidas a persoas vulnerables e atendeu ás 1.024 persoas que contan con teleasistencia baixo o “paraugas” da Deputación. Ademais, 17.543 persoas participaron en actividades de dinamización organizadas pola Deputación. A área de Emprego formou a 240 persoas que veñen de obter o seu grao universitario ou completaban os estudos de formación profesional. Dende Turismo financiouse con 300.000 euros  a obtención de 14 novos selos de calidade para empresas do sector, apoiouse ao festival SinSal e dixitalizouse e dotouse da Q de Calidade á oficina turística de Redondela. O servizo provincial de Transición Ecolóxica impulsou o nacemento dos parques forestais da Freaza (Fornelos) e Soutomaior e financiou ás confrarías de pesca de San Xoán (Redondela), Virxe do Carme (Arcade) e Federación Provincial de Confrarías. O programa Revitaliza impulsou a compostaxe con achegas de 102.484 euros. A área de Cultura fixo posible a realización de 1.792 actuacións culturais nos concellos e financiou catro escolas de música, así como a rodaxe de oito películas nesta contorna. Dende o servizo de Patrimonio, Lingua e Memoria retirouse simboloxía franquista e rehabilitáronse elementos patrimoniais. O servizo de Deportes achegou 1,8 millóns de euros aos 100 clubs, 26 deportistas e 24 escolas deportivas da comarca. A área de Novas Tecnoloxías fixo chegar a Administración electrónica a tódolos concellos e formou ao persoal municipal. Ademais, 167 empresas recibiron asesoramento do programa provincial SmartPeme. Finalmente, a Deputación financiou a posta en marcha da subbase do Grupo de Emerxencias Supramunicipais de Mos (96.964 euros).

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.217.8

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.