Miércoles, 22 de Abril de 2026

Actualizada Miércoles, 22 de Abril de 2026 a las 16:06:21 horas

Xornal21.es
Domingo, 12 de Marzo de 2023 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

A Deputación mobiliza preto de 10 millóns en novos recursos aos concellos

Carmela Silva: “Seguimos co apoio aos concellos e ás entidades para garantir dereitos e servizos en todos os eidos e avanzar, así, na transformación desta provincia”

A Xunta de Goberno da Deputación vén de mobilizar outros 9,8 millóns de euros “para o apoio aos concellos da provincia” en materia de cooperación, infraestruturas, promoción económica e fondos europeos, e tamén de respaldo ás asociacións en materia de cohesión social. Da citada cifra, como avanzou a presidenta provincial Carmela Silva, 3,1 millóns están destinados a novas achegas do Plan Concellos e tamén a mesma cantidade á mellora de sete estradas provinciais baixo o modelo de mobilidade amable e sostible. Amais, en fondos europeos mobilízanse 2,5 millóns para proxectos de instalacións xeotérmicas sostibles, instalacións de biomasa, iluminación exterior sostible e para “Da Túa Man Rural”, e case medio millón destínase ao programa “En Ruta coa Depo”. Así mesmo, adxudicouse outra parcela do polígono de Barro por máis de 280.000€.

 

No que se refire ao Plan Concellos, aprobáronse un total de 18 achegas para 12 municipios e na Liña 1 de Investimentos a de maior contía é para Sanxenxo, con 866.427€ que se destinarán ao financiamento do plan de asfaltado de viarios municipais. Por outra banda, Meaño contará con 383.186€ para financiar a mellora e pavimentación dos camiños en Vista Alegre, A Toxa, Freixeiro, Os Pasales, Tanoira, Río da Vila, Broullón, Eiravedra, Morouzos e rúa dos Colexios, mentres que Cambados contará con 243.415€ para financiar a mellora de camiños rurais nas parroquias de Corvillón, Vilariño e Castrelo. Para o municipio de Bueu aprobáronse dúas achegas, unha de 237.828€ para financiar o proxecto de urbanización da contorna da Casa de Música e outra por 107.753€ para financiar a ampliación da rede de saneamento e abastecemento no lugar de Cabreira.

 

Así mesmo, Cangas contará con dúas achegas, unha de 234.999€ para costear o proxecto de obras para a mellora da cuberta e graderío do Estadio Municipal de Atletismo e outra de 67.926€ para financiar a pavimentación da rúa Preguntoiro-Coiro-Viñó; Oia terá 236.350€ para o cambio de céspede no campo de fútbol de As Tornas; O Grove recibirá 158.916€ para costear o soterramento de instalacións, separación de residuais e pluviais e humanización da rúa Oscura; Dozón, 119.779€ para financiar a renovación de formigón de rúas interiores nos lugares de Quintá, Seixas, Cubelos e O Castro;  Vilagarcía, 117.532€  para a reforma do mercado de Vilaxoán e Nigrán, 113.311€ para a mellora de camiños e ampliación da rede de saneamento en Chandebrito.

 

No que atinxe á Liña2 de amortizacións de gastos e de actividades socioculturais, Oia contará con 140.082€ con destino ao financiamento do gasto corrente correspondente á limpeza de edificios públicos e tratamento de residuos urbanos; Vilagarcía, con 120.362€ para financiar a realización de actividades culturais, sociais e deportivas; O Grove, 75.611€ para costear a prestación de servizos municipais e a realización de actos culturais, deportivos, sociais; Cerdedo-Cotobade recibirá 71.432€ con destino ao financiamento de varias actividades;  As Neves, 70.145€ para financiar actividades culturais  e Bueu, 62.626€ para costear o servizo de iluminación pública.

 

En materia de Infraestruturas, aprobáronse os expedientes de contratación para licitar actuacións, entre elas a ampliación de obras de drenaxe na EP-8504 Forno-Cernadas, no Concello de Valga, cun orzamento de 290.782€ e a reposición de firme na EP6410 Bodaño-Merza, en Vila de Cruces, na que se investirán 465.874€. No concello de Forcarei intervirase en dúas estradas na contorna de Soutelo: dunha banda, abordarase unha actuación na EP7204 Soutelo-Ratel, cun orzamento de 361.143€ para repoñer o firme en máis de catro quilómetros e, por outra banda, mellorarase a mobilidade peonil na EP-7203 para transformar o casco urbano de Soutelo por 345.823€. Amais, deu luz verde ao proxecto de execución da mellora da seguridade viaria nun tramo de 11 quilómetros da EP-2703 Pazos de Borbén-Ponteareas que transcorre por ambos concellos, cun orzamento de 789.520€. Tamén se aprobou o expediente para contratar en Gondomar a segunda fase da mellora da seguridade viaria da EP2403 Mosende-Morgadáns, que abranguerá 5,5 quilómetros cun orzamento de 617.265€, e na Illa a mellora da seguridade viaria na EP 9801 Ponte-A Laxes, por 293.461€.

 

Na sesión da Xunta aceptáronse tamén as axudas de fondos europeos para os proxectos de Instalacións xeotérmicas sostibles nos municipios da Cañiza e A Illa de Arousa, do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), cun orzamento de 410.913. Tamén a do proxecto “Da túa Man Rural”, concedida polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo no marco do plan de recuperación para o apoio da actividade comercial en zonas rurais. Cun orzamento de 784.905€, esta iniciativa beneficiará aos concellos de Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Pontecesures e Rodeiro. Ademais, adxudicáronse por 343.433 € as obras de renovación das instalacións de uso térmico de biomasa nos concellos de Cangas, A Cañiza, Portas, Redondela, Tomiño e Vilaboa e aprobouse o expediente de contratación para adxudicar os traballos de renovación das instalacións de iluminación exterior en Tomiño, tui, O Porriño, Pazos de Borbén, Arbo, Meis, Meaño e Vilanova de Arousa, por 993.569 €.

 

No eido de Cohesión social adxudicouse o servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa En Ruta coa Depo 2023, que este ano ten un orzamento de 479.450€ e ofrece un total de 20.000 prazas. Como explicou Carmela Silva, a través desta iniciativa, as persoas de entidades da provincia poden elixir entre 33 rutas por lugares emblemáticos “a fin de favorecer o envellecemento activo e o coñecemento da provincia”, coas novidades dos itinerarios da Illa de Tambo e o denominado Galaicos, polo museo e o xacemento de Castrolandín en Cuntis, dirixida especificamente para Anpas. Agora mesmo está aberto o prazo de inscrición, que finaliza o 14 de marzo. Desde 2016 participaron neste programa 93.000 persoas.

 

Por último, en materia de promoción económica, aprobouse a adxudicación á empresa Transfrío Rías Baixas S.L. da parcela A-18 do polígono industrial Outeda-Curro de Barro, por 280.664€. A presidenta provincial lembrou neste eido que na provincia “hai unha enorme demanda de chan industrial. Quixera que a Xuntade Galicia tomara nota e  puxera en marcha proxectos potentes porque Barro está a piques de rematar coa posibilidade de ofertar solo industrial”. “Aínda que non era a nosa competencia, que é da Xunta –indicou Carmela Silva-, púxose en marcha este polígono. Gustaríame que o tiveran en conta e puxeran en marcha moitos proxectos que están paralizados e comprometidos desde hai tempo. En cada período electoral veñen a prometernos chan industrial e nunca se fai. Como estamos de novo en período electoral, encantaríame que en lugar de anunciar, confirmen que os van poñer en marcha xa”.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.217.8

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.