Martes, 03 de Marzo de 2026

Actualizada Lunes, 02 de Marzo de 2026 a las 20:03:27 horas

Redacción / Xornal21.es
Martes, 28 de Marzo de 2023 Tiempo de lectura:
PROVINCIA DE PONTEVEDRA

Massouda Kohistani, “un exemplo para todas as mulleres do mundo”

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recibiu a refuxiada e activista afgá da man de Amnistía Internacional e púxose á súa disposición para “construír unha rede de mulleres en España que apoie as vosas xustas e imprescindibles reclamacións”

“Convertícheste nun orgullo e nunha referencia para todas as mulleres do mundo, a túa loita é difícil e complexa e hai que ser moi valente para erguer o peso da bandeira da loita por todas as mulleres afgás”. Con estas palabras, e con moita emoción, Carmela Silva definiu a activista e defensora dos dereitos humanos Massouda Kohistani, refuxiada en España desde agosto de 2021 trala chegada ao poder do réxime talibán en Afganistán. A recepción da presidenta da Deputación de Pontevedra foi unha das paradas da súa visita a Galicia da man da ONG Amnistía Internacional, que remata esta tarde na cidade de Pontevedra cunha conferencia pública na Casa das Campás ás 18:00 horas.

 

“Podes contar con esta administración –asegurou Carmela Silva a Massouda Kohistani–. Levantaremos a voz para defender a todas as mulleres afgás e o conxunto do pobo afgán, porque o mundo ten que estar do teu lado e hai que facer moito máis do que se está facendo. É unha obriga política, ética e de valores”. A presidenta púxose á súa disposición para “que construamos unha rede de mulleres en España que apoie as vosas xustas e imprescindibles reclamacións”. E manifestou compartir “plenamente a loita que están levando a cabo as mulleres de Afganistán. As mulleres que cremos na igualdade estamos moi preocupadas polo que está a acontecer, que me afecta no máis profundo dos meus valores e principios”, xa que “como filla e neta de mulleres que viviron nunha ditadura e non tiñan dereitos, que sufrían violencias machistas e nin a lei as protexía, son moi consciente da situación que viven”. Ante isto, “Europa non pode mirar cara a outro lado, é fundamental que nos unamos e esixamos compromiso a todos os gobernos porque o que acontece é intolerable”, remarcou a presidenta, que agradeceu o labor de Amnistía Internacional como “unha ferramenta fundamental para lograr un mundo onde os valores humanos sexan o centro”.

 

A activista Massouda Kohistani asegurou estar “moi satisfeita pola gran comprensión, que me chega ao corazón”, e “moi orgullosa de ver unha muller nunha posición de responsabilidade, sei que poderás comprender e facer chegar mellor a nosa situación”. Kohistani lembrou que o grupo terrorista talibán “non respecta nin os dereitos máis básicos das mulleres mentres pide negociar esixindo que se respecte a súa cultura e ideoloxías, algo imposible cando din que o noso papel está na casa ou baixo terra”. Ante iso, a activista asegurou que “que calquera organización que vaia negociar será unha perda de tempo porque non obterá nada, e a única solución, aínda que non me gusta a guerra, é enfrontarse a eles e loitar”. Por iso, solicitou “que se apoie a Fronte Nacional de Resistencia de Afganistán –milicias opostas ao réxime– e a Admah Masud –líder desta alianza–, que están loitando pola liberdade, xa que os talibáns están en contra do desenvolvemento, da liberdade e mesmo da felicidade das persoas, e que trataron sen éxito de deter as matanzas contra o noso pobo”. E é que o réxime talibán “mata, viola, obriga a matrimonios forzosos con nenas e a migracións forzosas, realiza xenocidios contra as persoas e asasinan os soldados do anterior réxime”, relatou Kohistani. Cébanse especialmente coas mulleres, “que non teñen dereito nin a ter negocios no interior das súas casas, que estaban dirixidos sobre todo a outras mulleres, porque non queren que teñan interacción entre elas”. As mulleres que protestan “son arrestadas, violadas e asasinadas”, e malia iso “a xente non cala, porque non protestar significaría aceptalos como gobernantes”.

 

Trala toma de Kabul por parte do exército, Massouda Kohistani chegou a Barcelona da man do Goberno de España e de CEPAIM (Fundación sen ánimo de lucro de Acción Integral con Migrantes). Desde entón, está dando visibilidade á situación que viven as mulleres e nenas de Afganistán desde que subisen de novo ao poder os talibáns en 2021, tras dúas décadas de políticas tuteladas polos Estados Unidos e forzas aliadas que supuxeron un gran desenvolvemento dos dereitos das mulleres. Desde entón, perderon o dereito á educación, ao traballo remunerado e á representación, ademais de ter moi limitadas as liberdades de movemento, de expresión e de asociación.

 

Kohistani formaba parte de movementos a prol dos dereitos das mulleres como a Unidade de Investigación e Avaliación de Afganistán (organización independente para a mellora da situación social) ou Asemblea Nacional Consultiva para a Paz que desembocou no proceso de paz de Doha. Nesta última defendeu que as mulleres debían participar na esfera pública e acadar representación no Goberno. Tamén foi integrante da Rede de Mulleres Afgás, o que a fixo coñecida na defensa dos dereitos das mulleres e a converteu nun obxectivo vulnerable para o exército talibán. As ameazas de morte chegaron despois de que convocase a primeira manifestación tras a volta dos talibáns ao poder, poñendo en risco a súa integridade, e de que participase no apoio ao proceso de evacuación.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.149

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.