Miércoles, 08 de Abril de 2026

Actualizada Martes, 07 de Abril de 2026 a las 22:23:38 horas

Xornal21.es
Domingo, 03 de Septiembre de 2023 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Luis López anuncia investimentos para melloras nas instalacións de Areeiro

O presidente da Deputación, acompañado do deputado de Medio Rural, Jorge Cubela, realizou a súa primeira visita oficial á Estación Fitopatolóxica de Areeiro como “mostra do compromiso que temos con esta finca e co traballo que aquí se realiza”

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado do deputado provincial de Medio Rural, Jorge Cubela, realizou a súa primeira visita oficial á Estación Fitopatolóxica de Areeiro como “mostra do compromiso que temos con esta finca e co traballo que aquí se realiza”. Durante o percorrido ás instalacións do centro dependente da institución provincial, López anunciou unha inxección económica de preto de 130.000 euros para reformar e rehabilitar o laboratorio fitopatolóxico e a casona.  

 

Cos recursos que o presidente provincial acaba de anunciar para Areeiro vanse arranxar “complicacións existentes nos edificios, pendentes desde hai moitos anos”. López explicou que  90.000 € irán destinados á reforma e rehabilitación do acceso ao primeiro andar do edificio do laboratorio fitopatolóxico e outros 40.000 € a substituír elementos estruturais da casona, emendando danos producidos polas filtracións de auga nas fachadas este e sur do seu primeiro andar. O presidente tamén recordou que dende que Jorge Cubela asumiu a responsabilidade de xestionar Areeiro leva “tres semanas traballando intensamente para impulsar con carácter urxente estas actuacións”, que se estima que sairán a licitación “no prazo máis breve posible para poder chegar de cara á parte final do inverno coas obras xa executadas”.

 

Na súa primeira visita a Areeiro, López e Cubela percorreron os seus laboratorios e departamentos e coñeceron tanto o seu persoal como os servizos que o centro presta aos concellos, empresas e cidadanía da provincia de Pontevedra. “Queremos coñecer as cousas de primeira man, analizar as necesidades que existen e que o persoal poida formularnos as súas propostas”, remarcou o presidente.

 

A visita de Luis López e Jorge Cubela a Areeiro rematou cunha degustación de té verde de camelia elaborado en Areeiro. O centro da Deputación tamén se dedica aos usos produtivos desta planta –té e aceite–, cunha área de cultivo que suma 500 m2 e 300 plantas. Ademais este ano os seus xardíns acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia (os segundos da Deputación xunto co Castelo de Soutomaior, os quintos da provincia e sextos de España) e ten impulsado un Plan Estratéxico do Té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo, entre cuxas accións atópase o rexistro da marca “TéAreeiro”.

 

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, creada en 1981 trala adquisición da “Granxa Areeiro” por parte da Deputación en 1963, é un centro de investigación pioneiro en Galicia, dedicado principalmente a asesorar os agricultores da provincia no relativo á sanidade dos seus cultivos. O seu persoal proporciona información con solucións aos problemas fitosanitarios que, de non seren controlados, poden levar á diminución ou á desaparición dos cultivos, e analiza solos para poder asesorar sobre as correccións e fertilizantes adecuados para os cultivos. Entre as súas iniciativas figuran os limiares de tratamentos, as notificacións de primeiras deteccións de pragas, a análise de mostras, a elaboración de avisos fitosanitarios, un programa de doazón de especies vexetais para xardíns de acceso público, cursos formativos, proxectos de investigación ou un programa de visitas guiadas aberto a toda a cidadanía.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.163

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.