Miércoles, 08 de Abril de 2026

Actualizada Martes, 07 de Abril de 2026 a las 22:23:38 horas

Xornal21.es
Miércoles, 27 de Septiembre de 2023 Tiempo de lectura:
TURISMO

Luis lópez enxalza o castelo de Soutomaior como xoia turística no Día Mundial do Turismo

O presidente da Deputación de Pontevedra destacou as actividades culturais que se realizan no recinto de Soutomaior ao longo de todo o ano e o crecemento das visitas ao castelo durante o pasado verán

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo en valor este mércores o uso do Castelo de Soutomaior como símbolo cultural, turístico e de coidado do medio ambiente para o conxunto da cidadanía de toda a provincia. “É unha xoia que temos a sorte de desfrutar e o deber de coidar”, puntualizou o dirixente. Fíxoo no acto de conmemoración do Día Mundial do Turismo, que contou cunha visita guiada polos xardíns e o bosque do castelo no que participaron escolares do CEIP Manuel Padín Truiteiro.

 

Acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, o presidente provincial destacou o crecemento das visitas ao castelo e as actividades lúdicas e culturais programadas ao longo de todo o ano deseñadas para toda a cidadanía. Deste xeito, Luis López recordou que ao longo do verán, entre xuño e agosto, visitaron o complexo de Soutomaior 14.997 persoas, un total de 1.750 visitantes máis que no mesmo período do ano anterior.

 

Pero a acción non remata co fin da época estival. Para o outono están previstos novos programas que xa teñen as súas prazas case esgotadas. As visitas teatralizadas para celebrar o Samaín terán lugar os sábados e domingos de outubro para un público familiar e polas noites do venres e dos sábados para un público adulto. Mentres que o 28 de outubro terá lugar un obradoiro sobre árbores e froitas típicos desta tradición e o 4 de novembro una ruta polo bosque para apañar castañas e degustalas que xa ten todas as súas prazas reservadas.

 

“No Castelo de Soutomaior temos actividades durante toda a época do ano. Actividades pensadas para a xente que nos visita, pero tamén para a xente da casa. Porque este castelo é patrimonio de todas a todos. E toda a cidadanía ten que poder desfrutar del”, afirmou o presidente da Deputación, Luis López, quen destacou tamén as boas cifras da tempada alta de turismo que se pecharon na provincia cunha ocupación nos hoteis do 86,5 % no mes de agosto ou o crecemento do número de peregrinos que completan algunha das variantes do Camiño de Santiago.

 

“Investimentos Verdes” é o lema elixido este ano pola Organización Mundial de Turismo para a conmemoración do Día Mundial de Turismo e o mandatario provincial sinalou que “é un lema que se adapta moi ben á nosa provincia”. A sustentabilidade, o respecto polo medio ambiente, a desestacionalización e un crecemento controlado son os obxectivos do goberno de Luis López en materia de turismo para este mandato.

 

A provincia vai polo bo camiño, pero “aínda non tocamos teito”, asegura o presidente, poñendo como un exemplo do camiño a seguir a celebración de eventos fóra da tempada alta de verán como a final das series mundiais de tríatlon que encheu a cidade e a comarca de Pontevedra de visitantes e situou ás Rías Baixas nun atractivo escaparate para o turismo mundial.

 

Un proxecto que Luis López resume nunha frase: “Pontevedra é desfrutar”. As praias, o sol, a natureza, a gastronomía, o termalismo, a enoloxía, a paisaxe, a cultura e o ocio que ofrece a provincia e as Rías Baixas son atractivos para “desfrutar todo o ano”, rematou o presidente da Deputación.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.163

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.