Jueves, 23 de Abril de 2026

Actualizada Miércoles, 22 de Abril de 2026 a las 21:33:57 horas

Xornal21.es
Viernes, 06 de Octubre de 2023 Tiempo de lectura:
TOMIÑO

O alumnado do CEP Pedro Caselles degusta un menú personalizado con produto local

A presidenta de Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou o comedor escolar, que forma parte do proxecto piloto da Rede EcoComedores

A Rede EcoComedores de Eu Rural avanza coa posta en marcha de propostas de menú para os padais máis esixentes. A presidenta de Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou esta semana o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán, que está a degustar un menú especialmente deseñado ao abeiro do proxecto con produto local, de tempada e ecolóxico.


Ao longo destes días, case 180 rapaces e rapazas que acoden ao comedor escolar poderán probar un menú elaborado con produtos servidos por empresas provedoras do territorio de Eu Rural. Así, o luns comezaban cunha ensalada de tomate e revolto de ovo con espinacas; o martes degustaron arroz 3 delicias e polo guisado con verduras; o mércores é a quenda de ensalada de garavanzos e fideuá de verduras; o xoves haberá ensalada de pasta de entrante e pescada en salsa verde de prato; e o venres brócoli gratinado con patacas guisadas con tenreira. De sobremesa haberá todos os días froita de tempada, agás o xoves que irá acompañada de requeixo ou queixo fresco.


“É fundamental achegar aos nosos nenos e nenas dende ben cativos aos produtos da nosa comarca, porque temos unha oportunidade única de inculcarlles hábitos alimenticios saudables e fomentar que incorporen produtos locais á súa dieta”, salienta Sandra González. A presidenta de Eu Rural sinalou a importancia de que “familias, educadores e sociedade en xeral traballemos todas e todos xuntos para ensinar á rapazada a procedencia dos alimentos e como a súa elección pode ter un impacto positivo na comarca e no medio ambiente”.


Todos os produtos empregados para a elaboración dos menús están a ser servidos por empresas provedoras do territorio de Eu Rural. Así, por exemplo, o pan é do Porriño; a carne do Suído de Fornelos de Montes dun gandeiro con carnicería propia; o pito ecolóxico e o queixo de Redondela; os cereais integrais, o arroz e as legumes da Guarda; a horta e a froita do Rosal e o peixe de Mos.  


A Rede EcoComedores é un proxecto de cooperación que busca tecer unha rede para asesorar, promover e formar ao persoal de cociña e responsables dos comedores escolares na elaboración de menús equilibrados e saudables que inclúan produto local, de tempada e ecolóxico. Coordinado polo grupo de desenvolvemento local Mariñas-Betanzos, nesta iniciativa participan Eu Rural e outros oito GDR: Seitura 22, Asociación Ulla-Tambre-Mandeo, Asociación Desenvolvemento Comarcal Terras de Miranda, Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá, Asociación Terras de Lugo, Asociación Montes e Vales Orientais, GDR Limia-Arnoia e Asociación Condado-Paradanta. Conta tamén coa participación de Gadisa e a Axencia Galega de Servizos Sociais (AGSS) como entidades colaboradoras,


O proxecto está cofinanciado nun 90% pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, en un 10% polas entidades colaboradoras do proxecto.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.217.8

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.