Sábado, 11 de Abril de 2026

Actualizada Viernes, 10 de Abril de 2026 a las 20:07:06 horas

Xornal21.es
Domingo, 03 de Diciembre de 2023 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

O Museo de Pontevedra recibe 68 obras de Leopoldo Nóvoa doadas pola súa viúva

Rafa Domínguez: “É un día de alegría para o Museo de Pontevedra. Sentímonos moi orgullos de poder acoller estas obras que, sen dúbida algunha, contribuirán a seguir posicionando este recinto como o museo provincial máis importante de España”

O Museo de Pontevedra acaba de incorporar á súa colección 68 obras asinadas por Leopoldo Nóvoa, un dos artistas galegos máis importantes da segunda metade do século XX. O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Dominguez e a viúva do artista, Susana Carlson, asinaron a acta de doazón pola que Carlson entrega ao Museo un amplo conxunto de obras sobre lenzo, pinturas sobre papel, gravados e libros, ata agora da súa propiedade. “É un día de alegría para o Museo de Pontevedra, sentímonos moi orgullosos de poder acoller estas obras que, sen dúbida algunha, contribuirán a seguir posicionando este recinto como o museo provincial máis importante de España”, asegurou Rafa Domínguez quen tamén agradeceu o xesto de Carlson coa institución provincial.

 

As obras doadas están datadas entre 1987 e 2010. Inclúen 15 cadros de técnica mixta sobre lenzo, varios deles de gran formato. Os títulos dalgunhas destas obras describen as técnicas e materiais característicos do artista nacido en Pontevedra: ‘Gran espacio vertical con cenizas y pinchotes’, ‘Negro dominante perforado’, ‘Doble espacio con relieves perforados’ ou ‘Dominante horizontal con 12 rasgaduras’. As 21 pinturas sobre papel doadas foron realizadas con técnica mixta. O conxunto inclúe tamén 27 gravados, realizados coas técnicas de augaforte ou de serigrafía. Completan a doazón cinco libros de Catherine Topall, Julio Cortázar e José Ángel Valente, edicións especiais con ilustracións do artista.  

 

Sete das obras recibidas en doazón atópanse agora mesmo cedidas á exposición temporal ‘Leopoldo Nóvoa. O silencio da pintura’, que se celebra no Museo Provincial de Lugo ata o 4 de febreiro de 2024. Son ‘Cenizas con cuadrángulos’, ‘Relieve cruzado con madera quemada’, ‘Dominante vertical con rasgadura’, ‘Forme erecte à deux fentes’, ‘Forme erecte à grande fente’ e os libros ‘Tempos de soufre’ de Catherine Topall e ‘De otros usos del cáñamo’ de Julio Cortázar. Ao remate da exposición incorporaranse á colección do Museo de Pontevedra.

 

As 68 obras recibidas súmanse ás seis que xa formaban parte do acervo do Museo, tres delas presentes na exposición permanente. En 2020, o Museo dedicoulle unha exposición retrospectiva que conmemoraba o centenario do seu nacemento e na que se exhibiron varias das obras agora doadas por Susana Carlson.

 

Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919 – París, 2012) é un dos grandes referentes da arte abstracta na segunda metade do século XX, tanto dentro como fora de Galicia. Artista rigoroso, home reflexivo e profundo, viviu unha longa e prolífica existencia en lugares e circunstancias moi dispares que o converteron nun personaxe cosmopolita e de vasta cultura. Un caudal persoal que transmitiu e plasmou en toda a súa prolífica produción creativa.

 

Pasou os seus primeiros anos en Uruguai e Arxentina, onde se xestou o valor que a forma e a materia terán na súa obra posterior. Llogo viviu en París, onde se desenvolverá a súa madurez creativa, o que  alternou con longas tempadas na súa casa-obradoiro de Armenteira. Tras o dramático incendio que sufriu o seu obradoiro de París, dilúense cada vez máis os límites entre a pintura e a escultura, con obras en tons brancos e cinza e que adquiren volume e incorporan fragmentos de materia. A esta etapa pertencen as obras que se incorporan agora ao Museo.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.163

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.