Na última sesión plenaria do ano 2023, a Corporación Municipal de Mos expresou de maneira unánime o seu rexeitamento á deficiente xestión levada a cabo por Unión Fenosa nas obras de mellora da rede eléctrica no concello.
A moción presentada polo grupo de goberno foi respaldada por todos os membros do Pleno, quen expresaron a súa preocupación polas continuas avarías e fallos no subministro eléctrico que afectaron diversas parroquias, especialmente Mos, Guizán, Torroso, Dornelas e Pereiras. Estes problemas interromperon a vida diaria dos veciños, causando cortes periódicos no subministro eléctrico e incidencias que complicaron a realización das súas tarefas cotiás.
Os incidentes, derivados da actuación de mellora de liña levada a cabo por Unión Fenosa, provocaron numerosos danos tanto nos fogares particulares como nos negocios locais. Empresas vironse obrigadas a pechar temporariamente as súas portas, sufrindo perdas materiais e económicas. A afectación estendeuse tamén a particulares, con equipos eléctricos e electrónicos averiados, así como a perda de alimentos conxelados en datas próximas ás festividades de Nadal.
Fronte a esta situación insostible, o Concello de Mos decidiu poñer en marcha un servizo de atención persoal no departamento Municipal de Medio Ambiente. Este servizo permite á veciñanza notificar averías e presentar queixas relacionadas coa deficiente xestión de Unión Fenosa. As incidencias rexistradas serán trasladadas á empresa co obxectivo de buscar solucións rápidas e eficaces.
O Concello tamén habilitou un número de teléfono (986 09 70 37) e un correo electrónico (afectadosUFD@concellomos.es) para facilitar a comunicación dos afectados. Ademais, anima a aqueles que o desexen a presentar as súas reclamacións directamente no departamento de Atención ao Cliente de Unión Fenosa.
Con esta moción, a Corporación Municipal de Mos esixe a Unión Fenosa o inmediato restablecemento da normalidade no subministro eléctrico ás familias e empresas do concello. Solicita tamén a implementación de medidas e garantías para evitar situacións semellantes durante futuras obras de mellora da liña eléctrica. Ademais, insta a Unión Fenosa a asumir a responsabilidade polos desperfectos materiais en vivendas particulares e empresas, así como pola compensación das perdas sufridas polos comercios afectados polos cortes de subministro.
O Concello de Mos lamenta a falta de resposta por parte de Unión Fenosa ás múltiples peticións realizadas dende a concellería mosense de Eficiencia Enerxética e agarda unha pronta solución para evitar máis agravios á veciñanza e aos negocios locais.
Normas de participación
Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
Normas de Participación
Política de privacidad
Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.183