Lunes, 06 de Octubre de 2025

Redacción / Xornal21.es
Viernes, 14 de Agosto de 2015 Tiempo de lectura:
Nigrán

Persoas de toda España acoden ao Pazo Pías, en Nigrán, para formárense como terapeutas ‘morfoanalistas’

Trátase da duodécima promoción deste cadro terapéutico en España, e nela participarán, sobre todo, especialistas e profesionais da psicoloxía, a fisioterapia e a docencia

[Img #19858]

O Pazo Pías de Nigrán acollerá o próximo día 23 de agosto a apertura dun novo período formativo en Terapia Morfoanalítica, que se desenvolverá durante tres anos e medio e culminará na duodécima promoción de profesionais neste cadro terapéutico, que actualmente está presente no Brasil, España, Francia e Suíza.

 

Será a cuarta formación en Terapia Morfoanalítica que se desenvolva integramente en Galicia e a ela acoden persoas de toda España. “Hai perfís moi variados, pero os que máis abundan son fisioterapeutas, psicólogos e xente que procede dun colectivo que tira moito proveito desta formación: o do profesorado”, afirma Otilia Carballa, que forma parte do Equipo Pedagóxico da Formación en Terapia Morfoanalítica.

 

A Terapia Morfoanalítica, que naceu en 1985 da man do terapeuta francés Serge Peyrot, quen dirixirá este novo curso na especialidade, é un cadro terapéutico psicocorporal con personalidade propia, que toma elementos da psicoloxía e a fisioterapia. “É un método pensado para atender patoloxías corporais e psicolóxicas”, asevera Peyrot, “axudamos os nosos pacientes a tomar consciencia dos lazos que unen o corpo coas emocións e as sensacións para desactivar os mecanismos patolóxicos que son responsables da aparición do síntoma”.

 

Para isto, a Terapia Morfoanalítica sérvese dun amplo abano de ferramentas, verbais e corporais, que inclúen a masaxe, a respiración diafragmática ou traballos de consciencia da postura, entre moitas outras.

 

Durante a formación, os candidatos a futuros terapeutas experimentarán en si propios, de modo intensivo, o método que algún día proporán aos seus propios pacientes. “Trátase de aprender a partir da práctica, do sentido, do experimentado”, comenta Otilia Carballa.

 

“Auténticamente innovadora, podería chamarse revolucionaria”

 

Nos xa case corenta anos de presenza en España, os profesionais da Terapia Morfoanalítica teñen colaborado con especialistas doutras disciplinas, e particularmente da psiquiatría.

 

Unha das máis notables destas colaboracións tense producido co prestixioso psiquiatra catalán Ramon Andreu Anglada, con máis de corenta anos de experiencia, que no seu último libro, Las cartas que los padres nunca recibieron, considera este cadro terapéutico “unha derivación [dentro das terapias psicodinámicas] autenticamente innovadora, que podería chamarse revolucionaria”.

A historia da Terapia Morfoanalítica

 

O creador da Terapia Morfoanalítica, o fisioterapeuta e psicoterapeuta francés Serge Peyrot, comezou a tratar pacientes como fisioterapeuta clásico: isto é, abordando problemas corporais con accións centradas nas rexións onde se localizaba o malestar. Após varios anos de exercicio, Serge Peyrot constatou que as problemáticas que aliviaba cos seus tratamentos volvían, en moitos casos, a manifestarse co paso do tempo, deducindo que o tratamento non era suficientemente completo.

 

Isto levou a Serge P. a acudir á tamén fisioterapeuta François Mézières, que entendía o corpo como un todo que non pode ser abordado como un conxunto de compartimentos estanco se se queren encontrar solucións duradeiras ás patoloxías físicas. Cada músculo está estreitamente ligado a outros, formando cadeas musculares. Unha tensión nun músculo afecta a unha cadea muscular completa, que á súa vez, afectará a outras cadeas musculares e á propia estrutura ósea do individuo, repercutindo na súa postura cuxa análise, por tanto, tamén debe incluírse no traballo terapéutico.

 

Da Fisioterapia á Terapia Morfoanalítica

 

Serge P. utilizou a metodoloxía de Mézières entre os anos 1979 e 1985, tratando unha grande cantidade e diversidade de pacientes. Durante estes anos atopou que, en moitos casos, a” liberación de tensións corporais ía acompañada da manifestación de emocións: persoas que durante a sesión non podían evitar a risa, o choro, a angustia, o enfado…” Onde Mézières vira unha reacción de tipo histérico, que non cabía abordar, Serge P. encontrou “unha ligazón profunda e inseparable entre a psique e o corpo: a maior parte dos problemas corporais teñen unha orixe psicolóxica que ha de ser incluída no cadro terapéutico se se quere encontrar unha solución definitiva”. Por outro lado, asegura que “o corpo é unha chave para acceder ao inconsciente da persoa, de modo sutil e non verbal e, por iso, con alta eficacia e profundidade”.

 

Para acoller e analizar a dimensión psíquica que aparecía nas sesións terapéuticas, Serge P. recorreu á súa formación como psicanalista, adquirida da man do psicoterapeuta e psiquiatra suízo Jean Sarkissoff. Deste modo, Serge P. podía acompañar o paciente na comprensión das emocións que eran liberadas nas sesións, facéndoas pasar da inconsciencia á consciencia e conseguindo, así, a súa reparación.

 

Serge Peyrot sistematiza os seus coñecementos teóricos e experiencias nun novo cadro terapéutico que comeza a aplicar aos seus pacientes en 1985. Naceu a Terapia Morfoanalítica.

 

O colofón: unha metodoloxía versátil e viva

 

Ao contar con ferramentas para abordar tanto a dimensión psíquica como a física do individuo, o Morfoanalista é un terapeuta con grande capacidade de adaptarse aos ritmos e necesidades de cada paciente en cada momento.

 

Esta mesma versatilidade e a propia historia da TM, fortemente ligada á praxe, determinan que o cadro terapéutico sexa particularmente vivo, en constante evolución.

 

A metodoloxía da Terapia Morfoanalítica

 

Para a TM corpo e mente son dúas caras da mesma moeda: o Ser. As dúas conteñen a mesma memoria corporal-emocional vivida desde que o bebé está no útero materno até o momento presente.

 

Con traballos posturais, de estiramentos, masaxe e un acompañamento respectuoso e empático, o terapeuta consegue que o corpo se vaia liberando das máis intensas e antigas tensións acumuladas no corpo liberándose, con elas, as tensións psíquicas asociadas, que moitas veces eran inaccesibles e incomprensibles para o paciente, por estaren no seu inconsciente.

 

Pouco a pouco, o terapeuta axuda o paciente a pór palabras e dar un sentido a estas tensión liberadas, pasando así a ser conscientes, producíndose un efecto reparador e desbloqueador tanto da parte psíquico-emocional como do corpo que albergaba esas tensións.

 

A TM propón, pois, un traballo á vez físico e psíquico que permite á persoa tomar plena consciencia de si mesma, e recuperar espazos eivados a custo dun importante investimento de enerxía que agora poderá ser investida de modo máis proveitoso.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.101

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.