Miércoles, 14 de Enero de 2026

Xornal21
Sábado, 27 de Febrero de 2016 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Versos de Rosalía no Museo de Pontevedra para homenaxear o aniversario do nacemento da autora

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, encabezou a lectura institucional coa que a Deputación de Pontevedra conmemorou, por primeira vez, o Día de Rosalía de Castro.

[Img #23299]

 

A sala do Museo de Pontevedra na que se expoñen os sete cadros que Ovidio Murguía de Castro pintou para a sala de fumadores do pazo de Lourizán foi o escenario escollido pola Deputación de Pontevedra para a lectura institucional coa que conmemorou, por primeira vez, o Día de Rosalía de Castro. Participaron unha ducia de persoas, co titular provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, á fronte, que representaban diversas institucións relacionadas coa cultura e a literatura. Representando a propia Deputación estaban, ademais, as deputadas Eva Vilaverde, Digna e o deputado Javier Dios. Por parte do Museo participaron o seu director, Carlos Valle, a bibliotecaria e especialista en bibliografía galega, Ana Barbazán, e as responsables do Gabinete Didáctico, Paula Tilve e Lourdes Parada. Tamén participaron a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, o vicerreitor de Cultura do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, o secretario da Asociación Amigos do Museo, Ernesto Vázquez-Rey Farto, e a escritora pontevedresa e membro da Real Academia Galega, Fina Casalderrey.

 

"Lembro a primeira vez que tiven a oportunidade de dar clase en galego e entrei na aula recitando Negra Sombra"; foi unha das vivencias persoais que Fina Casalderrey comentou antes da lectura do poema que escollera para esta homenaxe. A escritora escolleu "Silencio", de Follas Novas, como un símbolo da vertente reivindicativa da autora de Padrón, da que salientou a súa loita polo idioma dicindo que "Rosalía buscou nas palabras do pobo o galego falante", así como a súa loita polo papel da muller remarcando que "moito lles debemos a mulleres coma Rosalía, que tomaron a palabra para explicar como vían o mundo".

 

Cada persoa participante, ademais de ler o poema escollido, explicaba previamente o motivo da escolla. Así, Eva Vilaverde leu "Castellanos de Castilla" polas súas lembranzas persoais no colexio por ser "un poema que nos ensinou a ler a propia Fina Casalderrey cando nos deu clase en Moraña". Pola súa banda, Anxos Riveiro escolleu "Xoia" explicando "e non sei dicir por que, e penso que iso precisamente é o bonito da poesía en moitas ocasións". Digna Rivas escolleu "Pasa río", referido á emigración, que vinculou directamente coa súa área de Xuventude e coa problemática á que hoxe en día teñen que facer fronte as persoas máis novas. Na elección deste poema coincidiu con Lourdes Parada, que no seu caso o escolleu pola nostalxia que lle transmitía e pola relación coa sala na que estaba tendo lugar a lectura, en referencia ao naturalismo pictórico de Ovidio Murguía de Castro. Coa referencia naturalista e o papel da paisaxe tamén se identificou Javier Dios na súa escolla.

 

Juan Manuel Corbacho, que escolleu "Eu tiven un cravo", lembrou como cando chegou de Alemaña a estudar a Pontevedra lle pediu referencias ao seu decano sobre literatura galega e lle recomendou a Rosalía de Castro. Paula Tilve escolleu "San Lourenzo" pola contraposición entre natureza "e todo aquilo que a corrompe" e por ser tamén o nome da parroquia na que naceu. Ana Barbazán escolleu "Dulce sono", que leu nun exemplar procedente da biblioteca Sánchez Cantón. Ernesto Vázquez-Rey escolleu un poema sobre o matrimonio para poñer o foco sobre como a autora recollía a problemática social "que deixa ver a pouca capacidade que tiña unha muller para elixir".

 

Carlos Valle leu "Negra sombra" despois de explicar o simbolismo do lugar escollido para esta lectura. O director do Museo lembrou que a institución museística de Pontevedra foi unha das impulsoras da creación do Padroado da Fundación Rosalía. Tamén fixo mención a que o Museo de Pontevedra conta cunha biblioteca con primeiras edicións de case todas as obras da autora de Padrón e que é unha referencia en Galiza, ademais de contar coa sala na que se exhiben as sete obras do seu fillo pintor Ovidio Murguía de Castro.

 

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, rematou o acto lendo "Vaguedá", unha escolla coa que quixo dar conta da "gran variedade temática da obra poética de Rosalía". Da autora homenaxeada destacou a súa defensa e compromiso coa lingua e reivindicou a súa figura como "poeta nacional". Xosé Leal tamén foi o encargado de dar lectura ao Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, titulado "Rosalía libre e sen medo ningún" e escrito por Suso de Toro.

 

 

Listaxe de persoas participantes e orde de lectura:

  1. Carlos Valle, director do Museo
  2. Anxos Riveiro, concelleira de Cultura
  3. Eva Vilaverde, deputada provincial
  4. Juan Manuel Corbacho, vicerreitor de Cultura do Campus de Pontevedra
  5. Digna Rivas, deputada provincial
  6. Ana Barbazán, bibliotecaria do Museo e especialista en bibliografía galega
  7. Javier Dios, deputado provincial
  8. Paula Tilve, responsable do Gabinete Didáctico do Museo
  9. Ernesto Vázquez-Rey, secretario da Asociación Amigos do Museo
  10. Lourdes Parada, responsable do Gabinete Didáctico do Museo
  11. Fina Casalderrey, escritora pontevedresa e membro da Real Academia Galega
  12. Xosé Leal, deputado de Cultura
Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.191

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.