Miércoles, 22 de Octubre de 2025

Xornal21
Lunes, 21 de Marzo de 2016 Tiempo de lectura:
MOS

A Policía Local de Mos vólcase na prevención de accidentes de tráfico

Consideran fundamental educar dende a infancia e, para elo, estes día están a levar a cabo unhas xornadas sobre seguridade vial nos colexios mosenses.

[Img #23699]

 

Como cada ano a Policía Local de Mos imparte nos colexios públicos de Educación Infantil e Primaria do municipio unhas xornadas sobre seguridade vial promovidas pola concellería de Educación e Participación Cidadá. Hoxe desenrolouse no CEIP Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda, onde os cativos recibiron a visita da edil mosense Sara Cebreiro.


Estas xornadas, que xa se levaron a cabo nos colexios de Petelos, Atín e Pena de Francia, e mañá chegarán ó CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, ensinan ós cativos a actuar de xeito seguro tanto no rol de peóns coma o de condutores. Cada día, nas nosas carreteiras, teñen lugar accidentes de tráfico que, na maior parte dos casos, poderíanse evitar cunha conduta axeitada á hora de circular pola calzada.


Os/As nenos/as non son alleos ao fenómeno do tráfico, dende os primeiros anos de vida están inmersos neste entorno, e é nestas idades temperás cando é preciso transmitir boas actitudes como condutor, acompañante e, sobre todo, como viandante, tendo sempre en conta as peculiaridades do noso Concello (carreteiras estreitas e con curvas, menos iluminación que nas grandes cidades, etc.).


Conscientes desta situación, dende a concellería de Educación e Participación Cidadá do Concello de Mos organízase un programa preventivo sobre seguridade vial, a desenvolver nos centros educativos, co que se pretende colaborar na educación dos máis pequenos e pequenas xunto coa inestimable participación de Helena, técnica especializada da DXT, e coa colaboración da Policía Local.


O programa vai dirixido aos  alumnos/as da etapa de Educación Infantil  e de 3º de primaria, dos centros educativos de Mos. Os obxectivos da iniciativa son fomentar entre o alumnado a conciencia cidadá e desenvolver hábitos que favorezan unha actitude viaria responsable, colaborar na seguridade dos escolares do noso Concello, fomentar actitudes responsables e seguras á hora de circular pola calzada, dentro ou fora dun vehículo, lograr que os máis cativos coñezan a principais sinais de tráfico e  aprendan a respectalas, promover a autonomía persoal e dar a coñecer o traballo da Policía Local e da Garda Civil como servizos de axuda.


Os contidos impartidos durante as xornadas son: o peón acompañado e autónomo, o uso dos vehículos dende a condición de pasaxeiro, principais normas e sinais de tráfico, os distintos vehículos oficiais e os servizos que ofrecen e o traballo da Policía Local.


Ademais de reforzar a figura de peón acompañado e o do cinturón de seguridade e os sistemas de retención infantil, nestas xornadas analízanse os elementos da rúa, incidindo na identificación e diferenciación dos conceptos das aceras, bordillo e calzada. Tamén se tratan as normas de comportamento como viaxeiros de vehículos particulares e escolares.


A metodoloxía desta actividade inclúe unha parte teórica e unha práctica. A parte práctica consiste nun circuíto no que os/as alumnos/as percorren un circuíto en triciclos, patinetes, correpasillos ou como peóns, tendo que respectar as diferentes sinais de tráfico, como por exemplo, o estado dos semáforos, os stops ou as direccións obrigatorias. Deste xeito poden comprender dende pequenos como debemos actuar e responder na calzada ante os distintos elementos, persoas, beirarrúas, sinais, outros vehículos... Na realización desta actividade están acompañados por un policía local, o monitor da unidade móvil da DXT, e o examinador da Xefactura.
Cada un dos grupos será dividido en dúas partes equitativas, e mentres uns realizan a visita ós vehículos oficiais os outros fan o circuíto, e viceversa.


Sistemas de retención infantil
A Policía Local de Mos atópase inmersa e moi involucrada en labores de educación e prevención en materia de seguridade vial. Precisamente a semana pasada na aula de maternidade do Centro de Saúde de Mos, sito no Rebullón, impartían unha charla formativa sobre sistemas de suxección infantil nos vehículos, titulada ‘Coida o que máis che importa’. A ela asistiron numerosos pais e nais con fillos/as de curta idade, así como futuras nais que se atopan en período de xestación.


O curso impartido sobre sistemas de retención infantil tiña como obxectivo fundamental concienciar á poboación de que tódolos nenos/as que viaxen en coche deben levar sempre a súa cadeira adaptada.


Así mesmo os menores con altura igual ou inferior a 135 centímetros deben viaxar obrigatoriamente nos asentos traseiros do vehículo pola súa seguridade. Excepto cando o vehículo non dispoña de asentos traseiros, estes estean ocupados por outros menores coas mesmas características, ou cando non sexa posible instalar nos asentos traseiros tódolos sistemas de retención infantil.


Dende a Policía Local de Mos considérase fundamental a concienciación respecto deste tema, pois os sistemas de retención infantil reducen nun 75% as mortes en un 90% as lesións. As lesións máis frecuentes cando non se utilizan os S.R.I son lesións de pescozo en cativos de ata 2 anos de idade, lesións na cabeza entre os 2 e os 4 anos; e lesións abdominais entre os catro e dez anos. Outros aspectos abordados polos axentes policiais locais foron como elixir o sistema de retención máis axeitado, nocións para mercar unha cadeira adecuada, e para instalala correctamente con cintos de seguridade ou Isofix.


Detalladamente explicáronse durante esta actividade matinal os grupos de idade e as características dos sistemas de suxección específicos de cada grupo. O grupo 0 e 0+ que integra ós recén nacidos de ata 13 quilos aproximadamente, o grupo 1: de 9 ata 18 quilos aproximadamente, os grupos 2 e 3: de 15 ata 36 quilos aproximadamente e a partir de 135 centímetros de altura.


Para as mulleres embarazadas asistentes á acción formativa explicouse tamén como empregar o cinto de seguridade durante o embarazo. E os policías mosenses concluíron a súa exposición con cinco regras de ouro sobre os sistemas de retención infantil que son empregar sempre o sistema de retención infantil axeitado á altura e peso do/a neno/a, colocar o maior tempo posible a cadeira en sentido contrario á marcha, asegurarse de que a cadeira está ben anclada ao vehículo e que o neno/a vai ben suxeito/a, vixiar os traxectos curtos e dar exemplo ós cativos poñéndose sempre o cinto.Por último, lembróuselles ás futuras nais que as cadeiras de protección deben empregarse dende o primeiro viaxe en coche dos recén nacidos, á saída dos mesmos do hospital.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.136

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.