Viernes, 28 de Noviembre de 2025

Xornal21
Lunes, 18 de Abril de 2016 Tiempo de lectura:
O PORRIÑO

O Festival de Cans pon á venda mañá as primeiras 500 entradas para a sección oficial

Dani de la Torre protagonizará a sección “Rebobinando: o filme contado”, explicando en tempo real os segredos de “El desconocido”, acompañado polos premios Goya Jorge Coira e David Machado.

[Img #24269]

 

O martes 19 de abril a partir das 12h00 poñeranse á venda on line as primeiras 500 entradas para o Festival de Cans, que dan acceso á proxección da sección oficial de curtametraxes a concurso do sábado 21 de maio, 200 delas para a sesión matinal e 300 para a sesión de tarde. Poderán adquirirse a través da tenda oficial en packs de entrada+camiseta pensados exclusivamente para os máis fieis seguidores do certame.  

 

Como agasallo e agradecemento a esa fidelidade incondicional por cada entrada recibirase tamén unha chapa exclusiva e de tirada limitada, que só se poderá conseguir por esta vía. Ademais, os compradores poderán recoller tamén de forma gratuíta durante os días do festival o catálogo con información ampliada de todas as actividades. O prezo do pack completo é de 20€ (+1'5€ de gastos de xestión), cunha oferta de lanzamento con respecto ao prezo real que serían 27€ (12€ entrada + 12 € camiseta + 2€ catálogo + 1€ chapa). Os packs poderán recollerse a partir do día 9 de maio nas tendas do Rei Zentolo en diversas cidades de Galicia (A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo), así como na tenda Tía Tata do Porriño.

 

A tenda virtual do Festival de Cans está aberta todo o ano e nela poden adquirirse  tamén todos os produtos de merchandising: o suadoiro “Agroglamour” en edición limitada, camisolas da última edición, chaveiros, cuncas, calcetíns e chapas do festival, ademais de ofertas exclusivas e a sección “outlet” do stock de edicións anteriores a prezos rebaixados. A organización do festival lembra que as compras a través da tenda on line constitúen unha contribución fundamental para garantir a viabilidade do certame, como vía de financiamento alternativa e fórmula para xerar novos recursos propios, un dos obxectivos continuos do festival na loita para intentar garantir cada ano unha nova edición.

 

Rebobinando El desconocido
O ano pasado o Festival de Cans estreou unha sección que era unha aventura arriscada baixo o título “Rebobinando, o filme contado” e que consistía en propoñerlle a un director que contase os segredos da súa película en tempo real, falando cun micro ao mesmo tempo que transcorría a proxección, durante os silencios do filme. Ignacio Vilar foi o primeiro cineasta que se prestou a tal xogo con A Esmorga. Tanto lle gustou o resultado que acabou metendo os seus comentarios nos extras do DVD do filme. Foi unha grande escusa para ter un encontro diferente co público.

 

A sección foi moi comentada entre os profesionais do sector e moi agradecida polo público asistente, que puido dialogar co director, polo que se decidiu incorporala á programación habitual do festival, como sección singular dedicada ás producións que se popularizan nas pantallas cada tempada. Deste xeito, nesta edición recollerá o relevo deste reto Dani de la Torre, para explicar en directo El Desconocido, sen dúbida unha das películas do ano. Esta proxección contada será o xoves 19 de maio ás 17h00 no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño e nela o director estará acompañado polos dous premios Goya que conseguiu a cinta, Jorge Coira na categoría de montaxe e David Machado na de son, os tres profesionais do sector audiovisual moi vinculados ao festival, onde xa teñen participado coas súas curtametraxes e filmes e onde os espectadores viron medrar o seu traballo.

 

Protagonizada por Luis Tosar e Javier Gutiérrez, outros dous fieis de Cans, e producida por Vaca Films, El desconocido estreouse nas salas comerciais españolas o 25 de setembro de 2015 e situouse entre os filmes máis taquilleiros da última tempada, cunha recadación superior aos 6 millóns de euros e medio millón de espectadores. Recibiu en total 8 nominacións aos Premio Goya, 15 aos Premios Mestre Mateo, 6 aos Premios Feroz e 7 ás Medallas CEC. Ademais, Dani de la Torre foi recoñecido co premio “El Ojo Crítico” de RNE por este traballo.

 

É a ópera prima deste director e guionista que se forxou en Cans, onde competiu en varias ocasións na sección oficial coas súas curtametraxes, acadando o premio do xurado en 2009 pola curta X nada, e onde presentou os seus proxectos na sección Fill@s de Cans. O festival cumpre así o seu obxectivo de facer seguimento, visibilizar e impulsar o traballo dos cineastas que van medrando con el edición tras edición.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.21

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.