Domingo, 18 de Enero de 2026

Xornal21
Miércoles, 28 de Diciembre de 2016 Tiempo de lectura:
MOS

Mos insta a Vigo a que "non discrimine aos cidadáns mosenses"

O Pleno da Corporación Municipal aproba unha moción para que o transporte urbano vigués entre no Transporte Metropolitano "evitando diferenzas tarifarias altamente perxudiciais para os veciños de fóra da cidade olívica".

[Img #29523]

 

O Pleno da Corporación Municipal mosense aprobou onte por maioría unha moción sobre a integración efectiva do transporte urbano de Vigo no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, mediante a que se insta ao seu alcalde a que incorpore o transporte urbano ao Plan de Transporte Metropolitano nos termos acordados con todos os alcaldes e asinados, a que cese na intención de adoptar medidas discriminatorias que pretenden converter aos veciños do Concello de Mos en cidadáns de segunda categoría; e preténdese que o Concello de Mos, así como os seus representantes na Área Metropolitana de Vigo esixan para participar na Área a integración efectiva do Transporte Urbano de Vigo no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, cesando a discriminación dos veciños mosenses no uso do mesmo.

 

Esta moción, que foi presentada por Nidia Arévalo como alcaldesa do Concello de Mos, en representación do Grupo Municipal do Partido Popular, contou co voto favorable do PP de Mos, as abstencións de PSOE e BNG e o voto en contra de GañaMos.

 

Respecto da mesma interviu tamén o voceiro dos populares mosenses, Camilo Augusto, quen destacou que “con esta moción non lle estamos esixindo ao Concello de Vigo nada que o seu alcalde, Abel Caballero, non asinase previamente no convenio coa Xunta de Galicia”. “Simplemente lle pedimos que cumpla o que está asinado”, destacou Augusto.

 

Pola súa banda a rexedora local mosense argumentou que “con esta moción queremos reivindicar que respecto do transporte metropolitano os veciños de Mos non somos nin máis nin menos que os de Vigo, somos iguais; e así debemos facelo valer”. Explicou tamén que nas outras Áreas Metropolitanas de Galicia as cidades cabeceira das mesmas, como son Santiago, A Coruña, e Lugo participan no transporte en igualdade de condicións que o resto de concellos membros; polo que Vigo ten que proceder de igual xeito “e non querer o señor Caballero enganarnos a todos e rirse dos máis de 15.000 veciños de Mos”.

 

Nidia Arévalo informou ademais de que “o Concello de Mos leva pagando o Transporte Metropolitano un ano e medio, cousa que non fixo o de Vigo; e lembroulle a Abel Caballero que existe unha Lei da Área Metropolitana e que as normas están para cumplilas”.

 

Con esta moción reclámase para os mosenses igualdade de condicións cos veciños/as de Vigo e non ter que pagar case o triple (2,17€ por traxecto ata a farola de Urzaiz-Príncipe) do que pagarían se o señor Caballero cumprise a Lei da Área Metropolitana entrando, como sería lóxico, no Transporte Metropolitano (0,85€ por traxecto ata a farola de Urzaiz-Príncipe). Preténdese loitar polos dereitos dos habitantes de Mos, para que non sexan tratados como cidadáns metropolitanos de segunda, en contraposición dos de primeira que serían os vigueses.

 

A decisión de levar esta moción a debate plenario nace ante a intención do Concello de Vigo e o seu alcalde, Abel Caballero, de que non paguen o mesmo prezo de 0,85 euros polo Transporte Metropolitano todos cidadáns dos diferentes concellos da Área. Considérase que, de producirse dita situación, estarían a existir cidadáns de primeira (os veciños e veciñas de Vigo) e de segunda (os dos demais municipios da Área Metropolitana).

 

 A Tarxeta Metropolitana de transporte ten que ser común a todos e servir para viaxar por tódolos concellos metropolitanos. Con ela todos os usuarios teñen que ter os mesmos beneficios e condicións, entre eles a tarifa única de 0,85 euros; ó igual que se habitantes de fóra de Mos e integrantes da Área viaxan no Transporte Metropolitano enlazando co bus urbano mosense, ó facer trasbordo a este último van a recibir o mesmo trato e viaxar nas mesmas circunstancias que se fosen veciños de Mos.

 

Ademais é que o que se pretende dende a alcaldía de Vigo é ilegal, ao contradecir a reforma da Lei da Área Metropolitana de Vigo, aprobada polo Parlamento de Galicia, nos seguintes puntos:

 

  • “A efectiva posta en funcionamento da Área Metropolitana de Vigo requerirá a previa integración efectiva do transporte urbano de Vigo no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, logo da formalización do correspondente convenio de adhesión entre a Xunta de Galicia e o Concello. Esta incorporación realizarase nas mesmas condicións ca o resto dos concellos galegos adheridos ao plan, garantindo a igualdade de tratamento de todas as persoas usuarias”.

 

  • “Esta incorporación non supoñerá ningún incremento na achega prevista no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia para a Xunta de Galicia ou para os outros concellos, nin ningunha limitación ao numero de persoas usuarias."

 

É certo que moitos máis viaxeiros se dirixirán a Vigo que ao resto de localidades, pero é o normal posto que é a cidade cabeceira da Área Metropolitana, e as mesmas condicións para todos os cidadáns metropolitanos forman parte do asinado no convenio; convenio que ten que ser cumprido por tódalas partes, xa que a lei é igual para todos.

 

No caso de materializarse a decisión de Caballero de establecer distintas tarifas para o Transporte Metropolitano, en función de que o usuario do mesmo esté empadroado en Vigo ou en outro lugar, suporía o incumprimento das condicións establecidas no convenio de adhesión do Concello de Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, e en consecuencia, o incumprimento do establecido na Disposición Adicional Decimoprimeira da Lei 4/2016, do 27 de xullo, pola que se modifica a Lei 4/2012, do 12  de abril, da Área Metropolitana de Vigo.

 

Circunstancia que ten que ter consecuencias legais, especialmente se a diferenciación de tarifas indicada incumpre os termos do convenio de adhesión ao Transporte Metropolitano de Galicia.

 

Vigo ten que ser igual que outras cidades de Galicia que teñen Transporte Metropolitano e nas que as tarifas para viaxar nel son exactamente iguais para tódolos cidadáns metropolitanos, procedan do municipio que procedan.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.149

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.