Miércoles, 26 de Noviembre de 2025

Xornal21
Jueves, 29 de Diciembre de 2016 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Carmela Silva pide os 365 días do ano "para alzar a nosa voz e denunciar a violencia machista" na presentación de "Violencia zero" en Marín

A presidenta da Deputación asegurou que "nesta provincia a Deputación e os concellos loitamos xuntos" para "acabar coa peor lacra que padece a sociedade".

[Img #29558]

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a deputada provincial de Igualdade, Isaura Abelairas, asistiu  en Marín a unha nova intervención artística do proxecto "Violencia zero", a segunda edición desta mostra itinerante que xa está a percorrer 25 concellos da provincia ata outubro de 2017 e que quere, a través da cultura, contribuír á loita contra as violencias de xénero que sofren as mulleres. A acción que tivo lugar en Marín chámase "Esfolar un minotauro", unha actuación poético-musical da man de Lucía Aldao, poetisa e compoñente do dúo Aldaolado.

 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que "estamos loitando contra a peor lacra social que padece a sociedade, que é o asasinato de mulleres e as múltiples violencias machistas que sufrimos". Violencias coma, entre outras, "sermos estereotipadas nos medios de comunicación, cobrar un 24 % menos realizando as mesmas actividades ca un home, sufrir vexacións pola rúa en forma de palabras que non temos por que soportar, o feito de ter que ter coidado ao ir pola noite soas, que se atrevan a dicirnos o que non debemos facer para sufrir violencia, unha linguaxe que nos invisibiliza, vivir no século XXI sendo o 60 % das persoas que se gradúan, sendo o 60 % do talento, pero seguir a ser invisibilizadas, a infrarrepresentación nos ámbitos xudiciais, de goberno, nos órganos de decisión das grandes empresas nos altos cargos, ou a nivel público seguimos a ser unha porcentaxe moi por debaixo do 50 % en deputadas, alcaldesas, concelleiras, senadoras, mentres que somos máis do 50 % da poboación", asegurou Carmela Silva.

 

"Pero o peor é que centos de mulleres sofren maltrato físico e, o máis grave de todo, que moitas son asasinadas", sinalou a presidenta provincial, que lembrou que "este ano levamos xa 51, tres delas galegas, das que 44 están recoñecidas e outras sete sendo investigadas". Esta cifra ascende "nos últimos 10 anos a máis de 800 mulleres asasinadas, que son moitas máis mulleres que as persoas que sufriron o terrorismo do Estado, pero son noticia dun día que remata e ninguén se lembra delas", recordou a presidenta provincial.

 

Por esta razón, sinalou Carmela Silva, o proxecto "Violencia zero" ampliouse este ano para ofrecer "365 días de rabia conxunta, de alzamento da nosa voz para denunciar estas violencias machistas e que todas e todos nolo tomemos en serio e loitemos xuntas e xuntos". A alcaldesa de Marín, María Ramallo, asegurou que "se non estamos unidas e unidos seremos incapaces de pórlle fin. Toda axuda é pouca e por iso este proxecto nos pareceu tremendamente positivo. Todas as persoas, de calquera lugar, nacionalidade e ideoloxía, temos que pórlle freo saíndo á rúa e removendo conciencias". Carmela Silva agradeceulles á alcaldesa e á corporación municipal de Marín "formar parte deste proxecto conxunto da sociedade que non ten protagonismo, senón denuncias".

 

A actuación de Lucía Aldao consistiu nunha acción poético-musical, "Esfolar un minotauro", que chamou a atención sobre "dicir cruamente as verdades para acabar dunha forma máis alegre". A artista resume a súa intervención como "esfolar a sombra, a escuridade, o mínimo crime e o costume viciado. Sospeitar da existencia dun dano pequeno que provoca un dano grande. Hai algo cativo en nós que nos fai cárcere de dor. Abrazar a sombra, arrincarlle a pel para ver se hai luz". A súa intervención, como lembrou a presidenta, "culminará cun vídeo itinerante para que toda a sociedade tome conciencia de que nesta provincia a Deputación e os concellos traballamos da man para acabar coa violencia machista" e mostroulles o seu agradecemento "ás 25 mulleres artistas que visibilizan cantas mulleres creativas de altísimo nivel temos na provincia e en Galicia, mulleres con rostro e con nome pero sobre todo con moito talento que se poñen á disposición da causa máis xusta que hai".

 

A segunda edición de "Mulleres en acción. Violencia zero" amplíase este ano a 25 accións en 25 concellos, en homenaxe ao 25 de novembro. As accións desenvólvense a razón de dúas ao mes, de novembro a outubro de 2017, e culminarán cunha acción final en novembro de 2017. Os concellos que acollerán o proxecto, tras Marín, son Tomiño, Nigrán, Vila de Cruces, Cambados, Ponteareas, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, O Grove, A Guarda, Soutomaior, Poio, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.53

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.