Martes, 20 de Enero de 2026

Xornal21
Domingo, 05 de Febrero de 2017 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

O Goberno de Carmela Silva colaborará co Concello de Cambados nas actividades do ano como Cidade Europea do Viño

Cambados acollerá, entre moitas outras actividades, unha acción dos Festivais Rías Baixas e a final da Copa Feminina de Fútbol da Deputación de Pontevedra.

[Img #30226]

 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, mantiveron esta semana no Pazo provincial unha reunión, acompañadas polo deputado delegado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, e o concelleiro cambadés de Enoturismo, Xosé Ramón Abal, na que comezaron a concretar as actividades coas que a institución provincial apoiará o Concello de Cambados durante todo este ano 2017, no que a vila do Salnés foi nomeada Cidade Europea do Viño. Tal e como salientou a presidenta provincial, "imos asinar un convenio onde todas estas actividades estarán claramente delimitadas, amosando que o compromiso da Deputación de Pontevedra con Cambados é total xa que as palabras as pode levar o vento pero os convenios son de obrigado cumprimento".

 

Carmela Silva asegurou que "durante a reunión xa comezamos a falar de actividades concretas xa que, para a Deputación, este nomeamento é fundamental para toda a provincia" e fixo un chamamento "a todas as Administracións para que se comprometan e estean do lado de Cambados, apostando por ela para se converter no centro do viño en toda Europa". A este respecto, a presidenta provincial asegurou que "imos facer que quen propuxeron e decidiron que Cambados sexa a Cidade Europea do Viño se sintan moi satisfeitos e satisfeitas, orgullosos e orgullosas e teñan a seguridade de que acertaron". A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, sumouse á petición de axuda ao conxunto das administracións e asegurou que "para Cambados este nomeamento supón unha gran responsabilidade que non poderiamos asumir se non fose pola colaboración da Deputación de Pontevedra, que respondeu axiña cunha dispoñibilidade absoluta e mesmo foi a única Administración que estivo ao noso lado en Fitur nese momento tan importante para o noso concello".

 

Entre as actividades que se comezaron a barallar atópase o desenvolvemento dunha "acción conxunta de todos os Festivais Rías Baixas, que se agruparon o ano pasado por primeira vez cun éxito notable", que se materializará "na realización dun evento musical en Cambados na primavera, como algo especial e específico para celebrar este nomeamento". Ademais, Cambados tamén terá presenza nos programas do Servizo de Cohesión Social e Xuventude da institución provincial "En ruta coa Depo" e "Depo Andainas", "no apartado de diversidade funcional, xa que queremos que as actividades que organizamos sexan accesibles a todos e a todas", sinalou o concelleiro de Enoturismo de Cambados, Xosé Ramón Abal, que tamén avanzou que "a final da Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra Feminina vai ter lugar en Cambados, cun premio vinculado coa Cidade Europea do Viño pola Igualdade".

 

Precisamente a igualdade será outro dos eixes da colaboración da institución provincial, xa que a Deputación promoverá accións de igualdade coma os congresos nos que se implicarán entidades coma IGADI ou FADIMUR e actividades asociadas aos sectores primarios onde as mulleres tiveron e seguen a ter unha gran presenza, caso das redeiras ou mesmo as escolas de cantería. Cambados tamén acollerá actividades gastronómicas coma exhibicións ou showcookings nos que "imos vincular a todos os centros de formación que xa traballan coa Deputación de Pontevedra para que poidan desenvolver a formación que están adquirindo nas nosas actividades", afirmou o concelleiro. Respecto ás actividades que se materializarán no convenio, Carmela Silva asegurou que "temos que establecer un calendario porque moitas delas son actividades complexas que nos farán ter que falar con outros actores". A Deputación de Pontevedra tamén colaborará na divulgación e promoción e na creación de estilos e deseños para estas actividades.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.149

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.