Lunes, 19 de Enero de 2026

Xornal21
Jueves, 27 de Abril de 2017 Tiempo de lectura:
MOS

Mos decide nomear Fillo Predilecto ao ex presidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires

José Leirós foi imaxe da emigración mosense a Arxentina e prestou un gran apoio aos veciños do Concello que seguiron os seus pasos.

[Img #32195]

 

O Pleno do Concello de Mos aprobou por maioría dos seus membros en sesión ordinaria do mes de abril o nomeamento de Fillo Predilecto a José Leirós Pereira, ex presidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires.

 

A proposta de nomeamento realizouse dende a administración local mosense considerando o  Regulamento de Protocolo e Distincións do Concello de Mos e de conformidade co establecido no artigo 21 do mesmo.

 

José Leirós Pereira, naceu no Concello de Mos, tivo que emigrar moi cedo, escapando da fame e da desesperanza, cando soamente tiña 16 anos, e sufrir en primeira persoa o fenómeno da emigración, a dureza de quen chega a un país que, aínda que provocaba esperanza, tamén producía moitísima tristeza e desazón.  

 

José Leirós emigrou a 12.000 kilómetros de distancia pero o seu corazón e a súa alma permaneceron ao carón dos seus veciños e veciñas mosenses, de xeito que plasmou todo ese sentimento formando parte da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires dende os anos 50, primeiro como socio, logo como vogal e finalmente como presidente.

 

José Leirós é moito máis que un veciño de Mos que emigrou á Arxentina. El representa o esforzo dos mosenses na emigración realizado para manter vivas as raíces e tradicións dos seus ancestros. Xamais esqueceu a súa terra e dende a Arxentina sempre tivo relación con Mos. Mostra do seu apego a este Concello foi o seu labor como vogal e despois como presidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos aires.

 

Os 17 anos de presidente, desde 1998 ata 2015, caracterizáronse polo seu arduo traballo e pola intensa actividade da Asociación, dedicando gran parte da súa vida a esta entidade da que foi imaxe e insigne voceiro; tempo no que logrou consolidar a estrutura da Asociación e fortalecer nela o sentimento cara á cultura galega, sempre representada polas súas Escolas de Baile, Gaita e Canto Tradicional Galego. Un aspecto a destacar é o seu interese e esforzo para que a xuventude participara na Asociación e se convertera no seu motor e poder así manter vivas as súas raíces mosenses.

 

[Img #32196]

 

Coa súa longa e intensa actividade na Asociación, Leirós contribuiu enormemente a manter intactos e perfectamente conservados os costumes culturais que foron herdados de xeración en xeración, xa que moitos dos membros da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires son xa fillos e netos de emigrantes mosenses en Arxentina. Neste sentido hai que ter en conta a antigüidade desta asociación, que se fundou nin máis nin menos que en 1918.

 

Ademais traballou de forma voluntaria en distintas institucións galegas en Arxentina, como un xeito de sobrelevar a súa morriña.

 

Conseguiu volver por primeira vez a visitar Mos trinta e dous anos despois de abandoalo;  e, como lle pasa a moitos emigrantes, sentiuse  divido entre dúas terras: estando en Arxentina tiña nostalxia de Galicia e agora cando ven a Galicia ten nostalxia de Arxentina.

 

José Leirós non perdeu nunca esa morriña que o fai estar tan preto do seu municipio natal a pesar da distancia e inculcarlle tamén esa saudade de Mos a todos e cada un dos socios cos que convive e aos que presidiu e representou durante tantos anos. Ademais non esqueceu nunca as súas orixes e exerceu de perfecto embaixador da súa localidade.

 

Por todo isto o Concello de Mos decidiu nomear, a don José Leirós Pereira, Fillo Predilecto de Mos, pola súa traxectoria ao longo dos 17 anos como presidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires e, en definitiva, en recoñecemento na súa persoa  como imaxe e reflexo da xente, dos centos de persoas  deste Concello que deixaron a súa terra nai na procura dun futuro máis próspero para eles mesmos pero tamén  para os seus descendentes, e familiares que quedaron en Mos, como é exemplo o legado ós veciños de Mos da Escola de Cototorrón, impagable doazón en prol da súa educación e loita contra o analfabetismo dos mosenses de aqueles tempos, e que hoxe alberga unha Escola Infantil.

 

O acto de entrega deste galardón a José Leirós está previsto que sexa celebrado con motivo da Festa da Rosa, o vindeiro mes de xuño.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.149

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.