Domingo, 21 de Septiembre de 2025

Redacción / Xornal21.es
Sábado, 13 de Mayo de 2017 Tiempo de lectura:
Porriño

A Xunta de Montes de Atios dí que “a alcaldesa da marcha atrás” no acordo para recoñecer a titularidade do campo de tiro

Din que “é unha nova afronta á nosa parroquia por parte dun goberno local que carece xa de toda credibilidade”

A Xunta reitora da CMVMC de Atios emitiu um comunicado no que dí que “ Eva García de la Torre, nunha decisión que para a xunta reitora da comunidade de montes de Atios demostra a falla de afouteza e seriedade do goberno que preside, traizoa a palabra dada aos veciños e solicita no xulgado ‘deixar sen efecto’ o acordo asinado por ambas partes, polo que se recoñecía a titularidade comunal dos terreos onde se ubica o antigo campo de tiro”. Así o fai constar nun escrito presentado polo seu avogado o pasado 4 de maio ante o xulgado de Instrucción nº 1 do Porriño,  onde se segue o procedemento xudicial segundo sinala no comunicado.

 

Para a Xunta de Montes “a decisión da alcaldesa só responde ao seu interese persoal de defenderse ante unha hipotética denuncia por prevaricación, como se desprende dun informe elaborado ao efecto polo secretario municipal. Nese informe -en que destacan algunhas medias verdades difíciles de xustificar dado o coñecemento sobre a materia que ten o seu autor- déixase entrever que o goberno municipal incorrería nun delito de prevaricación por non defender o patrimonio municipal. Unha eventual denuncia neste senso está, ao noso parecer, destinada ao fracaso. Polas seguintes razóns” segundo explican  dende a Xunta de Montes de Atios.

 

Os comunheiros explican que “o informe obvia, supoñemos que interesadamente, que foi a comunidade de montes de Atios quen durante toda a vida fixo acto de disposición dos terreos e por iso asinou un convenio de cesión por 15 anos coa sociedade de tiro. Obvia tamén o informe que as cesións realizadas polo concello no ano 2013 e o prego de condicións aprobado ao efecto foron anulados en sede xudicial. Non se menciona tampouco que a recente resolución  da Consellería do Medio Rural (DOGA do 17 de xaneiro de 2017) sobre o terceiro treito do deslindamento administrativo do Monte Veciñal en Man Común de Atios di literalmente que non se considera a alegación formulada polo concello, porque “esta superficie encravada no monte (Carrascal e Laxedo) na parte nordés e con uso deportivo (a parcela do campo de tiro) non foi excluída na resolución de clasificación”, é dicir, está integrada na parte clasificada como comunal que é propiedade dos veciños. E por último, un aspecto irrelevante dende o punto de vista xurídico pero moi clarificador a respecto do teor que percorre todo o informe. Cremos que a opinión do secretario municipal, Eduardo Portela, está contaminada de imparcialidade pola súa afección persoal á práctica do tiro ao prato e da caza”.

 

Para os veciños “a petición do avogado do concello de deixar sen efecto a transacción coa comunidade de montes non se sostén, xa que a xustifica nas alegacións presentadas pola sociedade de tiro, ocupante (sen licenza, todo hai que dicilo) dos terreos. Pero no escrito aportado ao xulgado, a sociedade de tiro di textualmente que ‘nada ten que manifestar a respecto da propiedade da parcela’. O que demostra a falla de consistencia na solicitude do concello.

 

A Xunta reitora da CMVMC de Atios agarda que “o xulgado rexeite esta manobra e criticamos o cambio de postura da alcaldesa. Non nos parece seria a súa actitude. É unha nova falta de respeto aos veciños de Atios, que se suma á cometida no seu día cando, en contra da promesa realizada aos veciños, decidiu recorrer a denegación da licenza de atividade (...)”.

 

Por último instan “ao goberno local, especialmente á súa máxima responsable, Eva García de la Torre, a que cumpra a palabra dada e poña fin ao preito do campo de tiro, un preito que ocasiona gastos para as dúas partes sen necesidade, xa que ese terreo foi, é e sempre será terreo comunal”.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.185

Todavía no hay comentarios

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.