Miércoles, 26 de Noviembre de 2025

Xornal21
Domingo, 25 de Junio de 2017 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

O CIFP A Xunqueira (Pontevedra) será o primeiro que oferte o ciclo de Promoción de igualdade de xénero

A Consellería de Cultura e Educación oferta máis de 9600 prazas en primeiro curso de FP na provincia de Pontevedra.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de por a disposición da cidadanía no portal educativo http://www.edu.xunta.es/fp/  o borrador da oferta de ciclos formativos para o curso 2017/18, a través do que se ofrecen 9.643 prazas en primeiro curso en centros públicos da provincia de Pontevedra (un incremento de aproximadamente o 0,8%), en 383 ciclos e programas formativos autorizados; entre eles, o primeiro ciclo de Promoción de igualdade de xénero. Delas, 7057 forman parte do réxime ordinario – 2863 en grao medio, 3034 en grao superior e 1160 en FP Básica-, mentres que outras 1579 son do réxime modular para persoas adultas – 724 en grao medio e 855 en grao superior-, 600 do réxime modular a distancia – 150 en grao medio e 450 en grao superior-,  227 en FP Dual – 85 en grao medio e 142 en grao superior-, e outras 180 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa.

 

Esta oferta avanza na implantación dos ciclos adaptados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e ás necesidades do sistema produtivo galego, ao tempo que se axusta á demanda analizada de anos anteriores e á do mercado laboral, unha das claves para a empregabilidade dos titulados na FP galega. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería mantén un contacto constante co tecido socio-produtivo de cada comarca para dar resposta á demanda de titulados que solicitan as empresas, o que redunda nunha maior facilidade para que o alumnado da FP galega acceda a un posto de traballo ao rematar os seus estudos.

 

Novos ciclos
A principal novidade na provincia para o curso que vén é a oferta de tres ciclos de nova creación, nomeadamente os de FP Básica de Mantemento de vivendas (IES Chan do Monte, Marín) e de Actividades domésticas e limpeza de edificios (IES Primeiro de Marzo, Baiona) e o de grao superior en réxime ordinario de Promoción de igualdade de xénero (CIFP A Xunqueira, Pontevedra), o primeiro que se pon en marcha en Galicia.

 

Ademais, implantaranse como novidade nos respectivos centros os ciclos de grao superior en réxime ordinario de Deseño e amoblamento (CIFP A Xunqueira) e o de Sistemas de telecomunicacións e informáticos (IES Escolas Proval, Nigrán). No réxime modular para adultos, en modalidade presencial, o CIFP Manuel Antonio (Vigo) ofertará por primeira vez o de grao superior de Anatomía patolóxica e citodiagnóstico.

 

Aposta pola FP Dual
Asemade, o CIFP Carlos Oroza ofertará unha das tres dobres titulacións dos ciclos superiores en Dirección de cociña e en Dirección de servizos de restauración, que se imparten por primeira vez en Galicia, en colaboración con Arlea Hotels. Deste xeito, o alumnado poderá obter estes dous títulos en tres cursos académicos en lugar dos catro habituais. Ademais será novo nesta modalidade o ciclo de grao superior de Mecatrónica industrial (IES Fermín Bouza Brey, Vilagarcía de Arousa, con 8 empresas do sector de conservas de produtos do mar e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos - Centro Técnico Nacional de Conservación de Productos de la Pesca -ANFACO-CECOPESCA-).

 

No referido ás reedicións (proxectos de FP Dual xa desenvolvidos en anos anteriores, que ofertan de novo prazas en primeiro curso), seráo en grao medio o ciclo de Confección e moda (CIFP Manuel Antonio, Vigo, Sociedad Textil Lonia). En grao superior reeditarase o ciclo de grao superior de Xestión de aloxamentos turísticos (CIFP Carlos Oroza, Pontevedra, con Arlea Hotels).

 

Modificacións
Como é habitual, a oferta de FP fluctúa para adaptarse á demanda do alumnado e ás necesidades do tecido produtivo de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados. Deste xeito, o novo mapa contempla cambios dun ciclo por outro ou dun réxime a outro en diferentes centros.

 

Así o IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña) deixará de impartir o ciclo de FP Básica de Fabricación e montaxe e Electricidade e electrónica (este último tamén deixa de ofertarse no IES Primeiro de Marzo de Baiona) para incorporar o ciclo de FP Básica de Instalación electrotécnicas e mecánica.

 

No caso dos ciclos de grao medio e superior en réxime ordinario os principais cambios prodúcense no IES Monte da Vila (O Grove), onde se cambia o de Instalacións de telecomunicacións polo de Sistemas microinformáticos e redes, ambos de grao medio; e no IES Ramón Cabanillas (Cambados), que comeza a impartir o superior de Vitivinicultura e deixa de ofertar o medio de Aceites de oliva e viños. Ademais, e polo réxime rotatorio que teñen estes ciclos, o Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Illa de Arousa incorpora o ciclo de grao medio en Operacións subacuáticas e hiperbáricas.

 

No réxime modular de adultos en modalidade presencial, o grao superior de Fabricación de produtos farmacéuticos, biotecnolóxicos e afíns no CIFP Manuel Antonio (Vigo) substitúese polo devandito de Anatomía patolóxica e citodiagnóstico, ambos de grao superior. Na modalidade a distancia, deixa de ofertarse no CIFP Manuel Antonio de Vigo o ciclo de grao superior en Laboratorio de análise e de control de calidade, que si se ofrece en presencial.

 

Por outra banda, deixa de ofertarse por falta de alumnado, no réxime modular para adultos presencial o ciclo de grao medio de Instalacións de produción de calor do IES Chan do Monte (Marín) e o de grao superior de Eficiencia enerxética e enerxía solar térmica do CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo).

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.153

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.