Miércoles, 08 de Octubre de 2025

Xornal21
Domingo, 04 de Febrero de 2018 Tiempo de lectura:
MOS

Estudan a posibilidade de ampliar o centro para enfermos de Alzheimer en Petelos

Alcaldesa, concelleira de Política Social e presidente de AFAGA reuníronse esta semana co conselleiro José Manuel Rey Varela e o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.

[Img #38598]

 

Esta semana a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira mosense de Política Social, Sara Cebreiro, e o presidente de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia), Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, reuníronse co conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Varela, e o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños.


Durante a xuntanza, os representantes municipais trasladaron o seu interese na ampliación de instalacións e servizo do centro mosense para enfermos de Alzheimer e outras demencias, sito en Petelos, de xeito que poida permanecer aberto de luns a venres e así eliminar a lista de espera de usuarios/as que solicitaron asistir ao mesmo.


Arévalo, Cebreiro e Rodríguez Bernárdez solicitaron tamén que este Centro de Día, que ata o de agora é 100% municipal, pase a estar integrado na Rede Galega de Centros de Día de Atención Social. Así mesmo plantexáronlle ao conselleiro Rey Varela a necesidade de continuar coa mellora do edificio da antiga Casa Reitoral de Petelos que acolle o Centro de Día de Mos.


Ademais Arévalo e Cebreiro informaron ao conselleiro de que o Centro de Día comezará agora a permanecer aberto en horario de mañá para acoller un curso dirixido a tódolos maiores de Mos que estean interesados e que leva por título ‘Cultiva a túa mente’.


A concellería de Política Social da Xunta de Galicia aprobou concederlle, dende o pasado 1 de setembro, á administración local mosense 6.812 horas anuais máis para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o que supón 567,66 horas mensuais a maiores. Actualmente o SAF presta servizo a 91 mosenses beneficiarios, que representa o maior número de usuarios da historia de Mos.


A día de hoxe non queda ningún usuario de grao III (que é o grao máis grave) en lista de espera e tan só quedan pendentes 6 de grao II. En total o Concello de Mos investiu no SAF en 2017 640.022,82 euros.


Escola Infantil da Veigadaña
A Consellería de Política Social a través do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar está a acometer tamén en Mos unha importante infraestrutura socio-educativa, a terceira Esccola Infantil A Galiña azul mosense, sita na Veigadaña.


Os traballos de construción desta Escola Infantil prevese que estarán rematados antes da vindeira primavera, data na que tamén se producirá a apertura do prazo de matrícula na mesma, ao igual que no resto de Escolas Infantís da rede ‘A Galiña Azul’. Deste xeito a Escola Infantil da Veigadaña entrará en funcionamento co inicio do curso escolar 2018-2019 (no mes de setembro), dando resposta ós 80 cativos de familias en lista de espera para matriculalos nunha Escola Infantil de Mos.


A Escola Infantil da Veigadaña será de seis unidades e está cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.


A tramitación da contratación da obra foi ordinaria e documentalmente simplificada, e tratouse dun procedemento aberto. O orzamento base de licitación era de 863.466,82 euros, IVE incluído.


O proxecto da Escola Infantil foi redactado e aprobado polo Concello de Mos. Con esta nova Escola Infantil “Mos convertirase nun Concello de referencia a nivel autonómico no que respecta ao número de prazas de Escolas Infantiles ofertadas”, segundo declaraba hoxe a rexedora local, Nidia Arévalo.


A futura nova Escola Infantil da Veigadaña será a terceira para o Concello de Mos. O novo centro infantil de 0-3 anos emprazarase na Veigadaña. Esta escola vaise converter no terceiro centro da rede autonómica ‘A Galiña Azul’ na localidade e vai elevar ata 164 as prazas públicas de educación infantil do Concello. O novo edificio constará de 82 prazas e 6 unidades.


Ademais deste novo centro na Veigadaña, a Xunta de Galicia puxo en marcha a Escola Infantil de Cototorrón (41 prazas), que abriu as súas portas en xuño de 2011. Unha vez aberta a futura gardería da Veigadaña vanse multiplicar por catro as prazas públicas de educación infantil existentes en 2009.


O Concello de Mos dispón xa de 82 prazas distribuídas en dúas escolas: a de Porteliña, que oferta 41 prazas, e a de Cototorrón, con outras 41 prazas.


A nova Escola Infantil da Veigadaña terá unha superficie útil de 600 metros cadrados, situada no núcleo rural de Veigadaña.


A terceira Escola Infantil da localidade mosense será pronto unha realidade. A alcaldesa de Mos explica neste sentido que “a necesidade dunha nova gardería era de vital importancia, dada a enorme demanda de prazas, demanda que ademais crece cada ano”, declarou Nidia Arévalo.


Dada a gran demanda de prazas de gardería que aumenta anualmente de xeito substancial, a nova Escola Infantil que se construirá en Mos será do formato de seis módulos, que é o máis grande de entre os existentes.


A nova Escola Infantil en Veigadaña configúrase cunha xeometría circular, optimizando a superficie e o aproveitamento da luz solar do edificio. Para formular a disposición dos distintos elementos, realizouse un estudo das orientacións da parcela, de modo que a zona de aulas disponse na parte sur e oeste, recibindo a máxima achega solar, mentres que a zona de servizos disponse na parte norte.


Dispóñense ademais diferentes espazos libres interiores para a realización de actividades de ocio.
Formúlase a utilización de sistemas de xeración de enerxía pasivos, tratando de adaptar o deseño do edificio aos estándares de sostibilidade. O proxecto pretende xerar un espazo interior de calidade no que alumnos e profesores poidan desenvolverse e gozar do proceso de aprendizaxe, unha actividade fundamental en idades tan temperás.


O proxecto foi realizado polos arquitectos Juan Ignacio Prieto López, Faustino Patiño Cambeiro e Estefanía Grandal Leirós (que estiveron tamén presentes hoxe na vista do xerente do Consorcio ao Concello de Mos); esta última é ademais unha novísima profesional veciña de Mos, que está a facer unha contribución de gran relevancia ó seu Concello con esta innovadora construcción de importantísima función social.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.180

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.