Jueves, 27 de Noviembre de 2025

Xornal21
Domingo, 18 de Marzo de 2018 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Carmela Silva da a coñecer a presentación do destino Rías Baixas no Teatro Rialto de Madrid

A acción, que terá lugar o vindeiro martes 20 ás 19.30, completarase con insercións publicitarias en mupis, traseiras de quioscos, trens e no metro de Madrid.

[Img #39778]

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta semana a campaña de promoción turística das Rías Baixas en Madrid que arranca o vindeiro martes, 20 de marzo ás 19.30, no Teatro Rialto cunha presentación de destino na que a vista, o oído, o olfato e o gusto van permitir trasladar ao público ata a provincia de Pontevedra. Esta presentación completarase con insercións publicitarias que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses en mupis, traseiras de quioscos, trens e no metro de Madrid.

 

O Teatro Rialto encherase de “Somos historias”, o lema promocional seleccionado pola Deputación de Pontevedra para dar a coñecer o destino provincia de Pontevedra este ano, Ano Europeo do Patrimonio, a un público integrado por “turoperadores, medios de comunicación xeneralistas e especializados, bloggers, instagramers, influencers, así como representantes de asociacións de empresarias e empresarios galegas e galegos en Madrid e colectivos galegos na cidade”.  

 

Deste xeito, tal e como informou a presidenta da Deputación, “en Madrid cobrarán protagonismo todos os recursos que configuran o patrimonio da nosa provincia, desde o patrimonio fortificado, representado por torres e castelos; ata o arqueolóxico, cos xacementos como abandeirados; o paisaxístico, dando a coñecer xardíns e miradoiros; o literario, amosando unha provincia inspiradora de escritoras e escritores; o relixioso e espiritual, representado polos mosteiros, cemiterios singulares; o inmaterial, cos nosos mitos, lendas e tradicións centenarias; o patrimonio natural, a través das nosas especies senlleiras, aves e espazos naturais; e o patrimonio etnográfico e cultural, representado polos museos, entre outras cuestións.

 

A presentación de destino estará conducida polo xornalista pontevedrés Xabier Fortes a modo de diálogo. Ao respecto, Carmela Silva subliñou que “temos en toda España e Europa a grandes persoas da nosa provincia ocupando espazos en diferentes eidos profesionais que actúan como as nosas e os nosos embaixadores e Xabier Fortes é un grande embaixador da provincia de Pontevedra”.

 

 

 

 

María Vinyals formará parte da presentación do destino “Pontevedra provincia”: “queremos contarlle aos madrileños e madrileñas a relación de María Vinyals coa cidade, para que se namoren dela coma nós, e pasen a formar parte do seu club de fans”

 

 

 

 

Máis polo miúdo a presidenta da Deputación, acompañada do condutor do evento, Xabier Fortes, irán dando paso a diferentes imaxes e vídeos que “porán de manifesto que Rías Baixas somos historias”, tal e como asegurou Silva.  En concreto, proxectarase o vídeo de lanzamento da campaña, no que se recorda a figura de María Vinyals, fío condutor da campaña, así como outros vídeos de patrimonio natural, de patrimonio literario e cultural, dos RíasBaixasFests e de patrimonio inmaterial, centrado nas festas de interese turístico.

 

Carmela Silva asegurou que “sabemos que a vista (a través de imaxes), e o oído (a través dos sons) son fundamentais para animar á xente a visitar un destino turístico, por iso amosaremos a provincia a través de vídeos e imaxes. Pero tamén sabemos que outro xeito de conquistar ao público é a través do gusto e do olfato, así que tamén haberá espazo para a degustación gastronómica dos produtos máis característicos da provincia de Pontevedra”.

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra adiantou que “ao igual que faremos en Madrid, tamén realizaremos presentacións do destino Rías Baixas noutros puntos da xeografía peninsular entre os que se atopan Barcelona, Lisboa ou Porto”.

 

A figura de María Vinyals en Madrid
Carmela Silva tamén adiantou que María Vinyals vai cobrar novamente protagonismo na presentación de destino no Teatro Rialto de Madrid. “Queremos contarlle aos madrileños e madrileñas a relación de María Vinyals coa cidade, para que se namoren dela coma nós , e pasen a formar parte do seu club de fans”.

 

A presidenta da Deputación adiantou que a Marquesa comezou a viaxar a Madrid desde moi nova, “acompañando ao seu tío, o Marqués de la Vega de Armijo, cuxas responsabilidades do goberno facíanlle viaxar á capital con frecuencia”. Silva informou das primeiras mencións documentais existentes de María Vinyals en Madrid, no 1890, cando participa na Exposición Nacional de Belas Artes coa obra “Ramo de flores”.

 

Tal e como recordou Silva, María Vinyals establece a súa residencia fixa en Madrid ata en tres ocasións, cando formaliza a súa relación co doutor Enrique Lluria, entre 1908 e 1910, tras perder o Castelo de Soutomaior, durante o ano 1919, e ao seu regreso de Cuba, en 1928. Tamén en Madrid casa do doutor Lluria, en 1909, e nace o seu fillo Roger, ese mesmo ano.

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra recordou anécdotas e os fitos máis importantes a nivel social da vida de María Vinyals na capital, entre os que se atopan a publicación do libro sobre a historia do Castelo e da súa novela autobiográfica, a fundación da Xunta Iberoamericana para a protección da muller, a súa participación en conferencias sobre o papel da muller, a súa entrada na Agrupación Socialista Feminina de Madrid ou o seu cargo de vicepresidenta da “Unión de Mulleres Españolas”, fundada en 1919.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.180

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.