Martes, 20 de Enero de 2026

Xornal21
Martes, 22 de Mayo de 2018 Tiempo de lectura:
O PORRIÑO

O 15º Festival de Cans abre mañá pondo o foco na literatura e a veciñanza

A xente de Cans será protagonista na Noite dos veciños e veciñas, onde se estreará o documental ‘Dona Sara: a mestra rebelde’, realizado por persoas da parroquia.

[Img #41481]

 

A 15ª edición do Festival de Cans comeza mañá mantendo o seu espírito de sempre, ese agroglamour que xunta o achegamento ás últimas novidades culturais e cinematográficas e a celebración da identidade da aldea. Así, o primeiro día do Festival acollerá a proxección de Versogramas, un documental sobre o fenómeno da videopoesía dirixido por Belén Montero e Juan Lesta, que presentarán o filme xunto con Antón Reixa e a poeta e produtora Celia Parra. Pero ao tempo que se presta atención a esa nova tendencia, o mércores segue a ter lugar en Cans a Noite dos veciños e veciñas: a partir das 22:00, logo da homenaxe do Festival aos veciños Chelo Casalmorto e Constante Romero, o Torreiro acollerá a actuación das Pandereiteiras de Cans e os acordeonistas Acordecans ou a presentación do xurado dos veciños e dos guías dos camiños, ademais da estrea de Dona Sara: a mestra rebelde. Este documental, realizado por persoas da aldea no marco do proxecto Cans303, céntrase na figura de Sara Quinteiro, que foi mestra en Cans durante varias décadas. Co gallo da estrea espérase reunir alí a moitas das súas antigas alumnas para completar a recuperación desa memoria local, un dos obxectivos primordiais deste proxecto que dota aos habitantes de Cans das ferramentas e coñecementos necesarios para crear pezas audiovisuais.

 

[Img #41482]

Día literario en Cans

En paralelo a ese protagonismo da veciñanza, a programación do día inaugural do Festival de Cans destaca pola atención prestada á literatura. Ademais da proxección de Versogramas ás 17:00 no Baixo de Bugarín, ás 19:00 terá lugar no mesmo espazo a Final de ‘Ollo de Vidro’, o concurso de booktrailers que o Festival impulsou este ano partindo da iniciativa da canle de YouTube Recoméndoche un libro. Os creadores e creadoras destas pezas audiovisuais resumen en poucos minutos o contido dun libro utilizando todo tipo de recursos imaxinativos para poñer imaxes ás palabras, e optarán a diversos premios outorgados por un xurado. Completa o programa literario o roteiro cinéfilo-literario que conducirá o escritor Carlos Meixide, autor da novela xuvenil Cans, ambientada na aldea. Meixide partirá ás 11:00 dende a Rotonda do Can para realizar estes paseos o mércores, xoves e venres, levando ás persoas asistentes polos enclaves que aparecen no seu libro e inundándoo de interesantes anécdotas e referencias cinematográficas.

 

Pioneiros

Tamén ocuparán o mércores, xoves e venres os Coloquios AISGE, promovidos pola entidade de xestión de dereitos dos intérpretes. O encontro inicial leva o título de Pioneiros no oficio de interpretar e protagonizarano dous nomes fundamentais no teatro e o audiovisual galego: Manuel Lourenzo (de actualidade polo seu papel de Terito en Fariña) e Pilar Pereira repasarán os diferentes retos afrontados pola profesión ao longo da súa dilatada carreira. Completa a programación do mércores a realización en directo do programa de Radio 3 El séptimo vicio, onde a xente de Cans volverá ser protagonista, e a apertura no Centro de día de Torneiros da exposición Cans Senior, na que maiores de máis de 25 centros de día de toda Galicia reinterpretaron a icona do festival: a silueta do Can de Cans.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.149

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.