Miércoles, 10 de Diciembre de 2025

Xornal21
Miércoles, 12 de Septiembre de 2018 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

A Deputación pon en marcha unha “ambiciosa campaña informativa” para poñer en valor a Escola de Cantería

Carmela Silva animou á mocidade a matricularse na escola, que este ano oferta 35 prazas, e informou dos avances para conseguir a homologación do título

[Img #44474]

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Emprego, Montse Magallanes, visitaron esta semana a Escola de Cantería con motivo do inicio do novo curso. Durante a visita, a presidenta provincial deu a coñecer a posta en marcha “dunha ambiciosa campaña informativa” para dar a coñecer a Escola, así como novidades relativas á homologación oficial do titulo de Cantería e novas obras e exposicións postas en marcha coas pezas elaboradas polo alumnado do centro.

 

Segundo informou Silva, “a Escola de Cantería é unha referencia en España e queremos apostar por ela así como dar a coñecer a súa actividade para que se siga a manter a formación e a manter a profesión, un dos oficios máis antigos de Galicia”. Neste contexto, a presidenta provincial adiantou que “de xeito inmediato imos remitir unha carta a todos os centros de educación secundaria e FP que visitará un mestre canteiro para dar a coñecer ao alumnado a formación que se imparte na Escola de Cantería e as súas principais saídas profesionais”. Amais, tamén está previsto que en outubro se achegue ao cárcere da Lama para impartir formación (dous días á semana durante tres horas cada día), así como aumentar as visitas de colectivos e centros educativos, asistir a feiras do sector e organizar intercambios con outras escolas de oficios de España.

 

Nestes momentos, a Escola de Cantería mantén aberto o prazo de inscrición no centro, ofertando para este curso 35 prazas. “Quero animar á xente máis moza de toda Galicia para que se anime a matricularse na Escola de Cantería, dende a que se está a formar a persoas nun oficio creativo, con moita tradición e posibilidades”, destacou Carmela Silva.


En relación ao título de Cantería, a presidenta provincial informou que, nestes momentos, “estamos no proceso de tramitación das obras, nas que imos investir 400.000 euros, para acondicionar o centro para que cumpra con todos os requisitos legais para afrontar a homologación oficial do título de Cantería e recoñecer así a profesión, dando respostas ás peticións do alumnado”.

 

 

 

 

Un mestre canteiro visitará en outubro os centros educativos da provincia para explicar a formación que se imparte na Escola e as posibilidades profesionais do oficio

 

 

 

 

A presidenta da Deputación tamén aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo e a creación das alumnas e alumnas da Escola de Cantería.  Neste eido, Silva destacou que dende o 2016 entregáronse aos concellos da provincia 42 obras elaboradas polo alumnado da escola e que, de aquí a finais do 2018, se achegarán outras quince, “polo que non soamente formamos senón que tamén conseguimos embelecer todo o territorio da provincia”.

 

Tamén enxalzou a presidenta a mostra “Nado en Pedra”, composta por pezas elaboradas polo alumnado e que recorreu os concellos de Cambados, Nigrán, O Rosal, Pontevedra, A Guarda, Caldas, Santiago de Compostela e Silleda, onde se atopa nestes momentos. Ao respecto, Carmela Silva informou que “imos entregar unha peza a todos os concellos polos que pasou “Nado en Pedra” para que poidan tela permanentemente e agradecer a súa aposta por esta exposición”.

 

Xunto coa mostra “Nado en Pedra”, a Escola de Cantería tamén trasladou ata Vigo, a petición da CEP, a mostra “Formas e Figuras”, con pezas do alumnado.  Amais, Silva adiantou que “estamos a pensar xa nunha nova exposición para volver ofertar aos concellos da provincia”.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.126

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.