Martes, 14 de Octubre de 2025

Xornal21.es
Viernes, 28 de Septiembre de 2018 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Renda e Sánchez reclaman o recoñecemento oficial da profesión de Axentes de Igualdade e esixen o cumprimento da lei para transformar a sociedade

Ambas conferenciantes reflexionaron na Escola de Igualdade María Vinyals sobre o papel das persoas que desempeñan o posto de axente de igualdade e reivindicaron a súa profesionalización para rachar coa precariedade, temporalidade e decisións irresponsables

Mercedes Renda, presidenta da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega APAIOGA, e Inmaculada Sánchez, secretaria da Federación de Profesionais de Igualdade de Oportunidades FEPAIO e presidenta da Asociación Andaluza de Axentes de Igualdade APAAIO, protagonizaron a mesa redonda “Realidade das profesionais pola igualdade: evolución, situación actual, necesidades, recoñecemento e perspectivas”, no marco da xornada “Profesionais pola Igualdade” da Escola da Deputación de Pontevedra María Vinyals.

 

Tanto Renda como Sánchez, ambas axentes de igualdade, analizaron o papel das persoas que desempeñan o posto de axente de igualdade en Galicia e España, que segue sen estar recoñecido de xeito oficial. Tamén reflexionaron sobre ausencia de requisitos de formación ou experiencia imprescindibles para traballar como tal; algo que, segundo as protagonistas da mesa redonda, está a ocasionar precariedade, temporalidade e ata decisións irresponsables á hora de poñer en marcha políticas de igualdade.

 

Inmaculada Sánchez subliñou que ao igual que non podemos entender a saúde sen profesionais da saúde, tampouco podemos entender a igualdade ou a prevención da violencia machista sen persoas axentes e promotoras da igualdade. Deste xeito, Renda reivindicou a necesidade de contar con persoal especializado para o que recordou os inicios da profesión de axentes de igualdade no mundo e en España, cando se incluíu a comezos da década de 1990 no Catálogo Nacional de Ocupacións. Tamén repasou as propostas realizadas pola FEPAIO para acadar a certificación profesional ata a actualidade, momento no que a ANECA (Axencia Nacional para a Avaliación da Calidade das ensinanzas) non responde ao regulamento das profesións con formación universitaria e o recoñecemento do perfil profesional das axentes de igualdade atópase estancado.

 

Esta situación de estancamento, da que falou Sánchez, está a supoñer a falta de definición dos perfís das persoas profesionais que traballan en prol da igualdade así como a precariedade na súa contratación. Tamén un aumento do intrusismo profesional, coa consecuente suplantación de funcións e invisibilización da figura das persoas axentes de igualdade e promotoras de igualdade. En consecuencia, a conferenciante propuxo solucionar esta cuestión a través do desenvolvemento regulamentario da Lei Orgánica 3/2007 para a Igualdade efectiva de mulleres e homes, a través dun maior compromiso político coa igualdade, do recoñecemento dos estudos de especialización en materia de igualdade de xénero por parte da administración pública e da certificación do perfil de axente de igualdade de oportunidades, acreditado por un Máster Oficial dirixido ao deseño de políticas públicas de igualdade.

 

Pola súa banda, Mercedes Renda centrou a súa exposición en repasar a realidade das persoas profesionais pola igualdade en Galicia. Neste eido, recordou a traxectoria da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades de Galicia APAIOGA, que naceu no 2004 para promover a igualdade de oportunidades a través da realización de actividades, programas e proxectos, así como defender o perfil profesional de axente de igualdade e impulsar que se regule desde as institucións educativas e laborais.  

 

Renda reivindicou que no 2006 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición na que se establece a necesidade da figura profesional en materia de igualdade. Sen embargo, 12 anos despois, a certificación profesional de axentes de igualdade segue sen chegar o que está a ocasionar unha situación desfavorable para as profesionais que están a loitar contra as desigualdades. Por estes motivos, Renda demandou a profesionalización das axentes de igualdade e incidiu na importancia dunha formación específica teórica, de calidade, continua, metodolóxica, con perspectiva feminista, cunha duración suficiente e impartida por persoas especializadas.

 

Ao igual que demandou Inmaculada Sánchez, Mercedes Renda tamén pediu que se cumpran as leis, se desenvolvan e se doten de recursos para poder acadar a igualdade efectiva, así como se recoñeza o traballo das axentes de igualdade e aposte pola coeducación.

 

Xa pola tarde, o encontro continuou coa celebración de tres grupos de traballo, nos que se abordou a situación concreto das profesións no ámbito público, privado e educativo, partindo da experiencia persoal dos encargados de cada un dos obradoiros. Máis polo miúdo, “Profesionais pola igualdade no sextor público” foi impartido polo activista feminista Celso Taboada, especialista en feminismos, masculinidades, xénero, violencias de xénero, coeducación, plans de igualdade, corresponsabilidade e conciliación. Pola súa banda, o grupo de traballo “Profesionais pola igualdade no sector privado” foi dirixido por Marián Mur, licenciada en Dereito e Diplomada en materia de Dereitos da Muller e presidenta da Asociación de Integración e Promoción da Muller e da Asociación de Axentes de Igualdade de Castela a Mancha. Por outra banda, a encargada de impartir o obradoiro “Profesionais pola igualdade na educación” foi impartido por María Álvarez Lires, codirectora do Grupo de Investigación CIES da UVigo e vicepresidenta do Seminario Interdisciplinario de Estudos de Xénero da mesma universidade.

 

A xornada pechouse coa conferencia de Silvia Buabent Vallejo, directora do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e presidenta da Comisión de Igualdade e Dereitos Cívicos da Federación de Municipios de Madrid, titulada “A igualdade na axenda política e o papel das profesionais”. A poñente deu a coñecer e analizou as diferentes estratexias e políticas de igualdade que o actual goberno do Estado quere poñer en marcha de agora en diante.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.136

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.