Sábado, 24 de Enero de 2026

Xornal21.es
Sábado, 06 de Octubre de 2018 Tiempo de lectura:
A GUARDA

8 alumnos comezaron voluntarios do proxecto «A Guarda, Mar de Sal»

Despois do inicio das escavacións o pasado 24 de setembro, esta semana 8 alumnos das Universidades de Coimbra, Vigo e Santiago incorporáronse aos traballos de escavación arqueolóxica das Salinas do Seixal e de Camposancos, enmarcado no Proxecto «A Guarda, Mar de Sal».

 

Mar Cortegoso,  directora das escavacións, manifestou a súa ledicia porque xente nova e formada teña esta oportunidade única de traballar nestas escavacións, recalcando que para moitos deles esta é a primeira vez que realizan un traballo de campo nunha intervención deste tipo. Segundo explicou, os alumnos están a traballar como persoal en formación atendendo ás explicacións e aprendendo día a día as tarefas de escavación e rexistro, propias dunha escavación arqueolóxica. Esta semana comezaron tamén as labores de debuxo de parte da zona escavada, actuación enmarcada no proxecto que servirá para documentar a morfoloxía da salina.

 

A escavación, dirixida por Mar Cortegoso e levada a cabo pola empresa P&A Arqueólogos, conta para a súa execución con persoal contratado, conforme ao convenio que regula a actividade arqueolóxica en Galicia. A participación de alumnado en prácticas é unha actividade que permite complementar a formación especializada co respecto á profesionalización da arqueoloxía.

 

O avance das escavacións é extraordinario e, pouco a pouco, van saíndo á luz moitas partes deste complexo salineiro do Seixal, coma as estruturas que delimitan as zonas de cristalización do sal e os pavimentos. Debido ao éxito acadado na zona escavada, os responsables dos traballos barallan ampliar a zona de estudo coa realización de sondaxes na contorna.

 

O vindeiro sábado día 13 de outubro realizarase a primeira visita guiada a estas escavacións, que correrá a cargo de Agustín Ferreira. As persoas interesadas en asistir poden realizar a súa inscrición a través do enderezo electrónico anabam.anabam@gmail.com ou no teléfono 616 180 557.

 

«A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que se levará a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de D. Brais Currás.

 

O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un  medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.

 

O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.

 

O proxecto contempla a escavación arqueolóxica, traballos de topografía e prospección, documentación fotogramétrica, rutas guiadas, restauración e consolidación, instalación de paneis informativos, análise edafolóxica, datación por OSL, un proxecto de ciencia cidadá que botará a andar o próximo ano, deseño dunha páxina web, e a edición dunha guía arqueolóxica cos resultados dos traballos.

 

Coa presente actuación A Guarda recuperará os traballos arqueolóxicos na zona do Seixal, buscando tanto ampliar a zona escavada no ano 2015, como manter visible unha superficie ampla dos restos de salinas que existen nesta zona, aproveitando ademais a existencia da senda litoral, para darlle un maior protagonismo e visibilidade ao xacemento, cunha interesante revalorización cultural e turística deste entorno.

 

As salinas da Guarda, segundo as escavacións realizadas no ano 2015 no Seixal, poden formar parte dun complexo salineiro de cronoloxía romana de maiores dimensións. A datación destas estruturas inda non está definida. O proxecto arqueolóxico permitirá descubrir a súa verdadeira extensión e coñecer con precisión a súa cronoloxía.

 

O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74,496,68€, repartidos en dúas anualidades(2018 e 2019). Proxecto GALP7-066.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.184

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.