Domingo, 08 de Febrero de 2026

Xornal21.es
Lunes, 05 de Noviembre de 2018 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

O Goberno da Deputación desprega a pancarta contra as violencias machistas no Pazo Provincial e da inicio aos actos para conmemorar o 25 de novembro

Carmela Silva asistiu no Rosal a última acción da III edición de Violencia Zero, que se completou pola tarde cunha performance “moi especial” no Centro Penitenciario da Lama na que as reclusas participaron de forma activa

O goberno da Deputación de Pontevedra despregou esta mañá a pancarta co lema “A Deputación de Pontevedra contra as violencias machistas” que marca o arranque das actividades para conmemorar o 25 de Novembro. Xunto co inicio dos actos conmemorativos do Día Internacional Contra as Violencias Machistas, hoxe tamén rematou, con actos no Rosal e no Centro Penitenciario de A Lama, a terceira edición de “Mulleres en acción. Violencia Zero”, o programa da Deputación para loitar contra as violencias machistas a través da arte, cuxa nova programación se presentará nos vindeiros días.

 

“Queremos que a loita contra as violencias machistas e pola igualdade estea presente ao longo de todo o ano e non quede limitada a dous días ao ano – manifestou a presidenta Carmela Silva. Por iso estamos a liderar o programa “Violencia Zero” que a través de 25 accións artísticas en 25 concellos da provincia espallou a necesidade de reivindicar que basta xa, que estamos fartas, que queremos unha vida en igualdade e deter este horror que padecemos as mulleres”.  

 

Deste xeito, O Rosal acolleu esta mañá “100% contigo” de Mar Caldas, a penúltima das accións artísticas da terceira edición, acción que, tal e como destacou a presidenta provincial, ten por obxectivo “berrar contra as violencias machistas e pola igualdade, dicir alto e claro que todas as persoas temos os mesmos dereitos e que as mulleres, que somos o 52% da poboación, queremos cousas tan sinxelas e lóxicas como a metade de todo”. Neste eido Silva recordou a posición das mulleres en ámbitos como o xornalismo, a xustiza, a economía ou a  empresa, onde son maioría e, sen embargo minoría nos postos de dirección e mando. “Pese a estar máis formadas, ter capacidade e ganas, vivimos nun sistema que nolo pon todo máis difícil”, destacou a presidenta.

 

Carmela Silva fixo fincapé en que esta desigualdade e o machismo vixente está a violentar ás mulleres a través da agresión verbal pero tamén da violencia física que ten, na súa cúspide, aos asasinatos de mulleres. Neste eido Silva recordou o nome das 53 mulleres asasinadas este ano e “o terrible modo” en que lles arrebataron a vida.

 

A presidenta tamén destacou o papel activo dos concellos implicados e dos centros educativos xa que “a educación é a ferramenta máis potente que existe para transformar as mentes e as conciencias”. Sen embargo, Silva amosou a súa preocupación por datos que reflexan que se multiplicaron por catro os casos de violencia entre a mocidade e que máis da metade das e dos adolescentes cre que os celos están relacionados con estar namorados e namoradas. “Todas e todos vós sodes o futuro, tamén o presente –dixo Silva dirixíndose á mocidade do CPI Manuel Suárez Marquier presente no acto-, está nas vosas mans a capacidade de construír un mundo mellor, máis feliz e digno, e para iso tendes que comprometervos contra a violencia machista”.

 

A peza “100% contigo”, de Mar Caldas, tivo como protagonistas a preto dun centenar de mulleres do Rosal. Deste xeito amosáronse fotografías das mulleres da vila que ían acompañadas da voz en off do alumnado que, en directo, presentaba a cada unha delas, indicando a súa profesión e explicando a todas as persoas que tiveron que coidar.  Deste xeito púidose ver no Rosal a mulleres da vila que traballan ou traballaron no campo, en adegas, no concello, mestras da vila, mulleres emigrantes, nais e tamén fillas, sendo a meirande parte delas coidadoras.

 

Xunto á acción desenvolvida pola mañá no Rosal, o Centro Penitenciario da Lama acolleu estaa tarde a última das pezas da terceira edición de “Violencia Zero” denominada “Pasillo”, de Isabel León, ata a que asistiu a deputada de Igualdade Isaura Abelairas.  Neste eido, a presidenta recordou que “alí se atopan cumprindo condena case un centro de mulleres” e asegurou que “segundo un estudo do Instituto da Muller e de Institucións Penitenciarias publicado en 2009, o 80% delas foron vítimas ao longo da súa vida das violencias machistas”.

 

Con “Pasillo” Isabel León quixo achegar ata as mulleres do Centro Penitenciario da Lama a importancia do amor como o poder e a forza das mulleres, en contraposición coa violencia, para saír dunha situación que as afoga. Deste xeito “Pasillo” fala da violencia que sofren as mulleres pero a través dunha acción non violenta na que o negro, simbolizando a violencia, e o branco, representando a bondade, foron as cores protagonistas. A acción artística discorreu arredor dun plástico negro, símbolo da opresión e da violencia, que conseguiu atravesar o corpo de León para sacar á luz o algodón branco, símbolo da suavidade e bondade que hai dentro de todas as persoas. Deste xeito, durante a peza “Pasillo”, as mulleres do Centro Penitenciario da Lama tomaron parte activa pisando o plástico negro, símbolo da violencia e da opresión, para axudar a dar paso ao corpo de Isabel León que, co algodón branco, representaba e o feito de que esa tenrura é capaz de traspasar e rachar coas violencias machistas.

 

“Pasillo” foi a última das intervencións artísticas de “Mulleres en Acción. Violencia Zero” que, este ano, reuniu o traballo de 25 artistas especializadas en modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición que hoxe rematou desenvolveuse ao longo do ano en 25 concellos da provincia: Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.186

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.