Martes, 10 de Febrero de 2026

Xornal21.es
Jueves, 22 de Noviembre de 2018 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Carmela Silva: “Ita Xacol e Juventina son o exemplo máis claro de que as mulleres mudan o mundo”

A presidenta provincial recibiu ás dúas activistas indíxenas guatemaltecas e fixo fincapé na necesidade de cambiar “desde a igualdade porque as loitas por construír sociedades xustas só se van a gañar se as mulleres somos protagonistas”

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recibiu onte a Juventina López e a Manuela (Ita) Xocol, as dúas cooperantes indíxenas guatemaltecas que protagonizarán, ao longo destes días, a xira provincial “Mulleres que cambian o mundo” que percorrerá Pontevedra, Vigo, Bueu, Silleda, A Estrada, Lalín, Caldas, Vilagarcía e O Grove. Xuntas, e acompañadas da Coordinadora Galega de ONGD, clausuraron a exposición “Tecedoras de cambio”, da que López e Xocol son tamén protagonistas, e que nunha semana repartiu preto de medio millar de libros explicativos.

 

Carmela Silva enxalzou a Juventina López e Ita Xocol ás que incluíu no grupo de “mulleres potentísimas e empoderadas  que están decididas a cambiar o mundo”. Para a presidenta este acto foi “un dos máis fermosos destes tres anos e medio de goberno,  no que mulleres de diferentes continentes nos unimos para falar de que é necesario cambiar o mundo e de que hai que facelo desde a igualdade, coa participación da metade da poboación que somos as mulleres, cunha mirada plural e horizontal e entendendo que as loitas por construír sociedades xustas soamente se van acadar se as mulleres somos protagonistas”.

 

As dúas mulleres indíxenas tomaron a palabra para agradecer a oportunidade de trasladar a súa visión do mundo á sociedade pontevedresa. Deste xeito, López, activista, presidenta da Asociación Indíxena Agropecuaria Prodesarrollo Integral de Champerico, mediadora de conflitos, guía espiritual e indíxena mam, destacou que a través desta xira “temos a posibilidade de dar a coñecer a realidade que vivimos as mulleres que fomos discriminadas, humilladas, por ser mulleres, indíxenas, cun vestiario e idioma diferentes, coa nosa propia identidade cultural”.  Neste eido,  Juventina subliñou a necesidade de mudar o mundo “coa participación das mulleres, co noso empoderamento e maior incidencia nos espazos públicos e privados”.

 

[Img #47002]No caso de Ita Xocol, amais de amosar a súa satisfacción por poder compartir e defender a súa loita pola consecución de dereitos en Guatemala, enxalzou a necesidade de defender o dereito á comunicación como un xeito de dar a coñecer e fortalecer ás mulleres. Neste caso, Xocol, promotora dos dereitos das mulleres indixenas k´iche´en en Nahualá e presidenta da radio comunitaria “La Voz de Racantaj”, explicou que os medios de comunicación comunitaria en Guatemala están a sufrir ameazas e persecucións por parte do goberno, considerándoos ata “medios piratas”.

 

Pola súa banda a representante da Coordinadora Galega de ONGD destacou os principais obxectivos de “Mulleres que mudan o mundo”. Segundo a coordinadora, a través da xira de Juventina López e Ita Xocol preténdese dar a coñecer a “historia de vida” de Juventina e Ita, coa finalidade de “tomar a súa testemuña como referente do que debe ser a aposta por transformar o mundo no que vivimos que, lamentablemente, está cheo de desigualdades e inxustizas”.

 

A xira “Mulleres que mudan o mundo”, que protagonizan López e Xocol e arranca hoxe en Pontevedra, é, segundo destacou a presidenta da Deputación, un xeito de “espallar os sorrisos da xustiza e da igualade para que todas e todos sexamos moito máis felices que é o que os seres humanos buscamos na vida”.  Tras pasar por Pontevedra, Juventina López e Ita Xocol estarán hoxe en Vigo no Instituto O Castro pola mañá e na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo ás 19.00 horas. O venres 23 desprazaranse ata Bueu onde darán ás 19.00 horas unha conferencia na sala de exposicións Amalia Domínguez e o luns 26 de novembro estarán en Silleda (11.00 horas no Instituto Colmeiro) e A Estrada (16.00 horas visitarán a Cooperativa Ullama).  O vindeiro martes ás 12.30 horas continuarán a xira no Instituto Laxeiro de Lalín e ás 19.00 horas na Biblioteca Municipal de Caldas. “Mulleres que mudan o mundo” rematará o mércores 28 de novembro coas charlas no Instituto Castro Alobre de Vilagarcía (11.25) e na Sala das Cunchas do Concello do Grove (19.00 horas).

 

Amais de dar o pistoletazo de saída á xira “Mulleres que mudan o mundo” Silva, López e Xocol, xunto a representantes da Coordinadora Galega de ONGD, clausuraron a exposición fotográfica “Tecedoras do cambio. Historias de lideresas comunitarias que loitan por unha vida digna en América Latina, África e Asia”. A mostra, que rematou esta mañá no Pazo provincial da Deputación, presentaba imaxes de 23 mulleres lideresas que están a cambiar o mundo dende as súas comunidades.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.186

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.