Miércoles, 11 de Febrero de 2026

Xornal21.es
Miércoles, 05 de Diciembre de 2018 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Máis de 1.600 persoas en 22 concellos da Provincia participaron nas charlas de “Tempo de saúde”

A Deputación de Pontevedra organizou esta iniciativa, en colaboración co Colexio Oficial de Médicos e Médicas, para achegar á cidadanía temas cotiáns de saúde

O ciclo “Tempo de Saúde”, organizado pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Colexio Oficial de Médicos e Médicas de Pontevedra, chegou a máis de 1.600 persoas nun total de 22 concellos da provincia. “Cifras que avalan o noso compromiso cos veciños e coas veciñas de Pontevedra e que ratifican que para este Goberno provincial o prioritario sempre son as persoas”, explicou a deputada provincial de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, que fixo hoxe balance desta iniciativa posta en marcha este ano por primeira vez. Rivas cualificou como “auténtico éxito esta iniciativa, cuxo obxectivo principal quedou máis que superado e non era outro que concienciar aos veciños e veciñas da provincia en temas de saúde moi habituais que lles afectan ou lles poden afectar directamente. Superamos con creces as nosas expectativas e iso é o que nós queremos, dende a Deputación o importante sempre é traballar para as persoas”.

 

“Tempo de saúde” consistiu nunha serie de charlas e coloquios en distintos municipios da provincia, impartidas por profesionais médicos especialistas en cada materia. Dirixíronse a tres tipos de público: terceira idade, xuventude, así como a usuarios e usuarias e familias de entidades de iniciativa social e sociosanitaria, aínda que todas as accións estaban tamén abertas ao público en xeral, “e o bo é que en todas elas participou moita xente e abriuse un construtivo diálogo e debate entre profesionais e público, que é o que nós queríamos”, destacou a deputada.

 

As accións formativas destinadas á xuventude contaron coa participación duns 1.100 estudantes de 10 centros educativos da provincia. Centráronse en dúas temáticas: “Nutrición e saúde” en Nigrán, O Porriño, A Guarda, Cambados, Lalín e Poio; e “Prevención de enfermidades de transmisión sexual” en Catoira, A Estrada, Redondela e Silleda. Rivas resaltou a importancia destas últimas charlas “moi interesantes para a mocidade para achegarse a unha temática da que cren ter moita información, pero os datos e as estatísticas estannos alarmando de que non é así en absoluto”.

 

As charlas para a terceira idade chegaron a preto de 600 persoas de 8 concellos da provincia. Trataron tamén dúas temáticas: “Trastornos depresivos e ansiedade” en Ribadumia, Tomiño, Caldas de Reis, Cerdedo-Cotobade e A Illa de Arousa; “Hospitalización a domicilio e telemedicina” en Ponteareas, O Grove e Marín.

 

 

 

 

O ciclo pecharase a próxima semana en Vigo e en Pontevedra con dúas actividades dirixidas ás persoas usuarias e familias de entidades de iniciativa social e sociosanitaria

 

 

 

 

Grazas á colaboración do Colexio Oficial de Médicos e Médicas de Pontevedra, cada iniciativa contou coa presenza dun profesional médico especializado nas distintas temáticas, procurando sempre que fosen doutores e doutoras da zona onde se desenvolveu a charla, “buscando así a proximidade entre as persoas asistentes e os e as profesionais, propiciando un clima axeitado para o diálogo e o debate”, sinalou a deputada. En total, participaron 13 profesionais da medicina con avalada traxectoria profesional en cadansúa área médica.

 

“Tempo de saúde” pecharase a vindeira semana con dúas charlas en Vigo e en Pontevedra, dirixidas sobre todo a persoas usuarias e familias de entidades de iniciativa social e sociosanitaria da provincia. Desenvolveranse tamén outros dous relatorios en Cuntis e en Salceda de Caselas, que non puideron ter lugar en datas anteriores.

 

“Enfermidades raras e neurodexenerativas” será o tema a tratar en Vigo o vindeiro martes, 11 de decembro, no salón de actos do edificio do Antigo Reitorado. Participarán o doutor Alberto José Rivera Gallego, do Servizo de Medicina Interna do CHUVI e Carmen López Rodríguez, especialista en Psicoloxía Clínica e directora da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, “unha auténtica referente na actualidade en canto a enfermidades raras”. A deputada provincial salientou ademais que esta acción versará sobre unha temática non tratada en ningunha outra charla, “xa que é un tema de moito interese e moi demandado polas familias”.

 

En Pontevedra falarase de “Trastornos depresivos e ansiedade” o xoves, 13 de decembro, no salón de actos do Museo de Pontevedra. No relatorio estarán a profesora de Psicoloxía Médica e Neuropsicoloxía da Universidade Autónoma de Madrid, Alejandra Vallejo-Nágera, e o actual xefe do Servizo de Psiquiatría do CHOP, Alfonso Casas Losada. Estas dúas últimas accións que pecharán o ciclo “Tempo de Saúde” diríxense especialmente ás entidades de iniciativa social, pero como todas as demais estarán abertas ao público en xeral.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.218

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.