Domingo, 22 de Febrero de 2026

Xornal21.es
Miércoles, 27 de Febrero de 2019 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

A Deputación abre o prazo para participar nos cursos “A apicultura moderna e sostible”

Cofinanciado polo Fondo Social Europeo, o programa oferta accións formativas no Rosal, Vilaboa, Barro, Salceda, Ponte Caldelas e Ponteareas destinadas a capacitar a persoas desempregadas para poñer en marcha explotacións apícolas modernas

A Deputación de Pontevedra ten aberto o prazo de inscrición nos cursos “A apicultura moderna e sostible” enmarcados no proxecto “DepoApicultura e que se desenvolverán desde finais de marzo. A apicultura sostible como fonte de emprego rural”, é un proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo, con accións formativas nos concellos do Rosal, Vilaboa e Barro, de forma presencial, e Salceda de Caselas, Ponte Caldelas, Ponteareas e O Rosal, na modalidade semipresencial.  Os cursos, de 50 horas de duración, comezarán a finais de marzo.

 

Tanto os cursos presenciais como os mixtos, de 10 sesións presenciais e 40 a distancia, contarán con sesións teóricas e sesións prácticas. En canto á teoría a formación centrarase na apicultura moderna e na elaboración de plans empresariais, nas estratexias de busca de emprego e na preparación do CV. Pola súa banda, as sesións prácticas abordarán cuestións relativas ao estado das colmeas, á súa división, á preparación da colmea incubadora, á cría masiva de raíñas, á revisión e colocación de alzas, á extracción do mel, , á profilaxe e tratamentos sanitarios e á elaboración de produtos derivados do mel.

 

Máis polo miúdo o primeiro dos cursos presenciais en comezar terá lugar no Centro de formación A Mata do Rosal nas datas 26 de marzo e 9 de abril, 7 e 28 de maio, 11 e 25 de xuño, 9 e 30 de xullo e 3 e 10 de setembro. A casa da Xesta de Vilaboa acollerá tamén un curso presencial os días 27 de marzo e 10 de abril, 8 e 29 de maio, 12 e 26 de xuño, 1 e 31 de xullo e 4 e 11 de setembro. E finalmente Barro acollerá outro curso presencial na Casa Consistorial en San Antoniño os días 28 de marzo e 11 de abril, 9 e 30 de maio, 13 e 27 de xuño, 12 de xullo, 1 de agosto e 5 e 12 de setembro. Todos estes cursos desenvolveranse entre as 9 e as 14 horas.

 

No caso dos cursos semipresenciais terán lugar no centro social da Devesa de Salceda de Caselas, coa formación presencial os días 16 e 17 de abril; tamén no centro cultural de Ponte Caldelas, coas sesións presenciais os días 23 e 24 de abril; no Centro de desenvolvemento local de Ponteareas, coa formación presencial os días 14 e 15  de maio; e no Centro formación A Mata do Rosal, os días 21 e 22 de maio.

 

Cada un dos cursos, totalmente gratuítos, acollerá a un máximo de 22 persoas desempregadas. Deste xeito, aquelas interesadas en participar  en calquera das dúas modalidades de formación (presencial e semipresencial) poderán facelo a través de depoapicultura@depo.es.

 

O proxecto DepoApicultura “A apicultura sostible como fonte de emprego rural” ten por obxectivo capacitar ás persoas para a posta en marcha e mantemento dunha explotación apícola moderna, informando sobre as posibles orientacións produtivas e fomentando novas vías de xestión e comercialización mediante o emprego de novas tecnoloxías. Este proxecto conta cun orzamento de máis de 102.221,84 euros dos cales 68.582,43 euros achégaos o Fondo Social Europeo, outros 22.159,11 euros a Deputación de Pontevedra e 12.000 euros a Deputación de Zaragoza.

 

En liñas xerais, o programa vertébrase en tres eixos. O primeiro consiste nunha formación teórico-práctica sobre apicultura sustentable a través dos cursos “Apicultura moderna e sostible”  que se inician a finais de marzo. O segundo dos eixos consiste na creación dunha base de datos cas e cos participantes nestes cursos formativos dispoñible para as entidades ofertantes de emprego relacionadas co sector apícola. E en terceiro e último lugar, a creación dunha rede que aglutine a axentes implicadas e implicados no desenvolvemento rural.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.58

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.