Miércoles, 18 de Febrero de 2026

Xornal21.es
Miércoles, 03 de Abril de 2019 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Laura Freixas analiza na Escola de Igualdade María Vinyals a cultura patriarcal

“Eles aparecen como heroes, aliados e pais simbólicos” mentres que elas figuran como “nais biolóxicas, amantes, ou mulleres poderosas que suscitan o odio”

A presidenta de honra da Asociación Clásicas e Modernas, Laura Freixas, participou esta mañá na xornada “Muller e poder” da Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra que se celebrou no Castelo de Soutomaior. Durante a súa conferencia “Poderosas... e malvadas?”, a tamén escritora abordou os diferentes roles que adoitan desenvolver os homes e as mulleres na cultura. A escritora analizou por que fronte a idea de grandes heroes que ostentan o poder, atópanse mulleres poderosas que son ridiculizadas e odiadas a partes iguais.

 

“Sexa o que sexa o que fan co poder, os homes poderosos son celebrados”, explicou Freixas. “A cultura represéntaos como heroes, como grandes homes, como figuras positivas, nobres e idealizadas”. A escritora catalá, que fixo un repaso por distintos eidos culturais, detívose a analizar os tres roles que adoitan desenvolver as figuras masculinas prototípicas. A primeira que mencionou Freixas foi a de heroe, na que puntualizou que “se celebran as fazañas individuais masculinas como se o xesto dun só home, que podería ser o Cid ou James Bond, fose cambiar a historia”. Ademais, a escritora tamén alertou de que este tipo de figuras están presentes na literatura infantil mediante personaxes “tan simpáticos” como “Os Pitufos”.

 

As outras dúas facetas que mencionou Freixas foron a de homes como aliados e a de homes como pais simbólicos. No caso do primeiro rol mencionado, a escritora explicou que a cultura lexitima o concepto de sociedade “como unha organización que se divide en grupos de varóns que se alían e se enfrontan entre si”. No segundo caso, o relacionado coa paternidade, Freixas indicou que os “pais simbólicos son varóns que, teñan ou non un vínculo biolóxico, transmiten aos varóns máis novos o seu coñecemento, a súa riqueza, a súa clientela... Son homes que se representan como os creadores de todo: do deporte, da relixión ou da cultura popular”. Para iso, Freixas dou algúns exemplos como designar aos impulsores da Constitución como “pais”. “Isto só reforza a idea de que a creación é cousa de homes”, explicou Freixas.

 

Pero no caso das mulleres, a súa representación non ten roles análogos aos masculinos. “A muller só se representa como nai ou como amante. No primeiro caso, a nai é unha nai biolóxica e non simbólica, como os homes. É dicir, non é mestra nin sabia, senón altruísta e submisa”, continuou analizando Freixas. A escritora explicou que a “cultura patriarcal” presenta ás mulleres “como obxectos”. “Ten un interese persistente en desvalorizar, negar e borrar a maternidade”. Ademais, a relatora quixo facer referencia a que todo este tipo de mensaxes, nos que a muller aparece “deshumanizada e sen cabeza”, “transmiten a idea de que as mulleres existen para cumprir os proxectos alleos como, por exemplo, ocorre na xestación subrogada”. E non só iso, senón que Freixas fixo referencia a anuncios nos que se lexitima a violencia machista. Por outro lado, o segundo rol que a muller adoita desenvolver na cultura é o de amante. “Muller nova, sexi, compracente e submisa. A súa única identidade ou actividade é a de ser amante ou ser fantaseada como no caso da revista Playboy”, remarcou Freixas.

 

“Pero na cultura tamén hai mulleres poderosas que contradín ese ideal”, indicou a escritora. Pero tal e como o describiu, esas mulleres aparecen como “odiosas e ridículas”. “A cultura patriarcal invítanos a empatizar cos homes e, incluso, as mulleres que se dedican á política aparecen banalizadas. Porque o certo é que nunca son presentadas como aliadas, senón enfrontadas dunha maneira trivial e ridícula” salientou a relatora.

 

Pero fronte a todos estes roles que, segundo Freixas, perpetúan os estereotipos da cultura patriarcal, tamén hai alternativas. “Hai toda unha cultura creada por mulleres e na que se representan como persoas valentes. Temos a Isabel Coixet, a Sylvia Plath, a Ana Álvarez Errecalde, MAry BEard ou Chimamanda Ngozi”, enumerou a escritora. Freixas, para concluír, quixo poñer en valor a igualdade no mundo da cultura. “Hai que recordar que contidos culturais son importantísimos para modelar a comprensión da nosa vida porque, ao final, teñen unha importantísima influencia na comprensión da nosa sociedade actual”.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.11

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.