Lunes, 19 de Enero de 2026

Xornal21.es
Jueves, 23 de Abril de 2020 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

A Deputación e os festivais de cine crearán unha marca propia de audiovisual

Carmela Silva comprométese en flexibilizar as bases das axudas provinciais para manter a financiación dos festivais: “A cultura ten que ser un sector clave na saída da crise”

Traballar conxuntamente co sector na creación dunha marca propia do audiovisual da provincia, e instar ás administracións competentes como a Xunta de Galicia para o deseño dun Plan Estratéxico, foron compromisos anunciados hoxe pola Deputación de Pontevedra na primeira reunión que, de forma telemática, mantivo a presidenta Carmela Silva cos representantes da Asociación Proxecta, que agrupa aos principais festivais de cine da provincia.


A presidenta coincidiu cos portavoces da Asociación na necesidade de deseñar un novo modelo que estimule a colaboración público-privada, pero tamén a relación pública-pública cun maior entendemento entre as administracións á hora de elaborar guías, protocolos de actuación, ou no deseño dun plan estratéxico que se elabore pola Xunta de Galicia e no que participaría o sector e o resto das administracións como as Deputacións. “Hai moitas cuestións nas que necesitamos unha maior coordinación, eu son das que penso que debe deseñarse unha estratexia dende o global e logo aplicar as solucións concretas dende o local”. “Se non tomamos decisións agora”, continuou, “podemos ir á desaparición dalgúns proxectos nos que se leva traballando moito tempo para consolidarse”. “Eu estou preocupada e ocupada”, resaltou, “pero farei o posible para que non caia ningunha estrutura de acción cultural na provincia”. Neste senso defendeu a harmonización das subvencións culturais, cunhas bases similares entre tódalas administracións, “para que todos saibamos como e onde nos movemos”.  


Respecto á creación dunha marca propia do audiovisual, suporía incluír aos festivais de cine no relato provincial como “un potente instrumento que supón crecemento económico, emprego e unha diferenciación da nosa provincia”. Nese senso, a presidenta confirmou que a Deputación seguirá ao lado do sector nesta crise sociosanitaria causada pola pandemia de Covid19, que mantén moitas incertezas respecto á celebración destes eventos. Por iso, avanzou que “faremos todos os esforzos para que os festivais de cine poidan celebrarse”, comprometeu que a financiación vaise manter, e animou ás promotoras a que soliciten as axudas cuxo prazo xa está aberto e que se fará efectivo unha vez se levante o Estado de Alarma. “A cultura ten que ser un sector estratéxico na saída da crise e temos que axudar a manter as estruturas culturais”.

 

 

 

 

A Deputación avaliará implementar xunto aos concellos medidas que axuden en futuros protocolos: “a reputación e a seguridade serán fundamentais para manter as estruturas de acción cultural”

 

 

 


Por elo, a presidenta  comprometeuse a avanzar tamén nun novo instrumento de colaboración co sector, unha estrutura de traballo, que sirva ao desenvolvemento do sector na provincia, na que a Deputación financia ata 9 festivais de cine cun investimento de 130.000 euros, “unha cantidade de recursos moi importante que, amais, incrementamos case nun 50% desde que chegamos a esta institución, e máis importante aínda se o comparamos cos recursos que destinan outras administracións como a Xunta, cun orzamento moito maior”.


Carmela Silva tamén anunciou que “se traballará na maior flexibilización posible das bases das axudas”, aínda que tamén concordou co sector en que “temos que poñer a cabeza a pensar en como reorientar ou reinventar algúns dos eventos que poidan verse afectados”. Amais, transmitiu que a institución poderá realizar o anticipo do 50% das axudas que se soliciten, e que no caso de que algún dos festivais non se poda facer será a Deputación quen financie os gastos feitos. Tamén, en canto o requisito do número de anos consecutivos para poder acceder ás achegas do vindeiro ano, o ano 2020 non será contabilizado. Igualmente, a presidenta confirmou que avaliará xunto aos concellos a posibilidade de implementar medidas que poidan ser esixidas nos futuros protocolos de seguridade, desinfección ou hixiene nos recintos dos festivais.


O apoio da Deputación aos festivais de cine da provincia canalizouse o ano pasado en achegas aos eventos de Cans (O Porriño), Play-Doc (Tui), FIC Bueu, Novos Cinemas (Pontevedra), Curtas Film Fest (Vilagarcía de Arousa), Festival de Curtas Armadiña (Poio) e os dous grandes certames vigueses, é dicir o Festival Primavera do Cine e o Festival Internacional de Cine Inclusivo. Á convocatoria das subvencións deste ano 2020 xa se presentou tamén o vigués Galician Freaky Film Festival, polo que serán 9 os grandes eventos con financiamento provincial.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.149

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.