Jueves, 22 de Enero de 2026

Xornal21.es
Sábado, 16 de Mayo de 2020 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Areeiro recomenda a renovación dos tratamentos contra o mildio nas viñas

O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso fitosanitario no que tamén aconsella realizar o primeiro tratamento fronte ao oídio en viñas sensibles e advirte sobre outras enfermidades en distintas árbores e cultivos

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que volve constatar o avance do mildio nas viñas e recomenda a renovación dos tratamentos contra esta enfermidade en canto sexa posible, salvo que se teñan feito nas últimas xornadas.

 

O persoal especialista da EFA explicou que condicións meteorolóxicas como as da última semana, con períodos de humidade e temperaturas nocturnas elevadas, son moi favorables ao desenvolvemento do fungo, e teñen como resultado contaminacións de xeito continuo. Así, nas fincas de seguimento de Areeiro constatouse a presenza de síntomas en todas as viñas, aínda que de diferente intensidade, desde algunhas que apenas o tiñan nas follas a outras plantas con avance en manchas antigas e tamén algúns acios afectados. Amais, recibíronse moitas consultas de persoas propietarias de predios con variedades de diferente sensibilidade incapaces de frear o avance da enfermidade, pese a reducir os intervalos de tratamento a menos de oito días.

 

Coas previsións climatolóxicas para os vindeiros días, que anuncian unha mellora do tempo, Areeiro recomenda renovar os tratamentos, con especial coidado ao aplicalos e advirte ás persoas viticultoras da necesidade de manter ben segada a cuberta vexetal, se a hai, en especial nas viñas en formacións máis baixas.

 

Doutra banda, o aviso fitosanitario referiuse tamén ao oídio. Aínda que a EFA non observou aínda os primeiros síntomas nas viñas revisadas, apunta que no caso das variedades máis sensibles ou con historial de danos en todas as campañas é aconsellable aplicar un tratamento antes do inicio da floración, cando comeza a máxima sensibilidade do acio ao patóxeno, aproveitando a realización de posibles intervencións antimildio. No resto de variedades recomenda incrementar a vixilancia, porque coas condicións climatolóxicas previstas para os próximos días probablemente comecen a aparecer os primeiros síntomas.

 

No que atinxe ao black-rot, Areeiro apuntou que a presenza da enfermidade non foi tan evidente como a pasada semana, aínda que se observou un incremento dos síntomas característicos desta enfermidade nas follas das plantas abandonadas e tamén nalgunhas das sometidas a tratamentos. Non se detectaron síntomas en pampos ou en peciolos, pero é previsible que aparezan, tamén en acio, pola continuidade das condicións meteorolóxicas favorables desde hai semanas e ao feito de que poden manifestarse tempo despois da infección.

 

Por esta razón, o centro dependente da Deputación recomenda para o control desta patoloxía calquera tratamento antimildio e/ou antioídio nas próximas semanas con  funxicidas que tamén teñan acción fronte a black  rot.  Amais, apunta a necesidade de respectar o número máximo de aplicacións por campaña de cada produto e as súas doses e non empregar sempre as mesmas materias activas para evitar a aparición de resistencias. Tamén advirte que no caso desta enfermidade xeralmente hai máis síntomas nas plantas cultivadas cando teñen preto vides sen cultivar, polo que aconsella así mesmo a súa retirada para reducir o nivel de inóculo.

 

Doutra banda, no caso da botrite, Areeiro advirte que a consecuencia dos ventos que ten habido neste inicio de campaña, nalgunhas viñas quedan pampos secos nas propias plantas, e sobre eles pode instalarse este fungo. Aínda así, o tempo máis seco que se prevé para os próximos días non lle resultará favorable, e tamén permitirá que os restos das primeiras flores vaian desprendéndose, aínda que mentres haxa elevada humidade poidan quedar adheridos.

 

No que se refire ás pragas de artrópodos, a EFA subliña que houbo capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas de todos os predios, aínda que non  se observaron aínda ningún niño das eirugas, e detectouse a presencia de síntomas moderados de erinose nalgunhas viñas.

 

O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades noutras árbores, cultivos e froitos. Así, no caso da maceira, esta semana a EFA detectou que avanzaron os síntomas do moteado, polo que aconsella non descoidar a protección das plantas, en especial das variedades máis sensibles, para evitar danos á froita en formación. Tamén advirte que a mellora do tempo que se prevé a partir deste venres 15 de maio probablemente favorecerá o desenvolvemento da couza da mazá.

 

No que se refire ao marmelo, a primavera tan húmida está a provocar que xa nalgúns haxa certa perda de follas a consecuencia do Entomosporium maculatum, polo que se recomenda unha aplicación funxicida. Tamén constatáronse os primeiros síntomas do oídio, aínda que moi leves.

 

Doutra banda, no caso dos cítricos, o bo tempo pode favorecer a formación de brotes tenros, que a súa vez atraerán a pulgóns e moscas brancas, que xa están empezando a aparecer. E nalgunhas plantas xa hai ovos, ninfas e adultos da psila africana. Neste senso, a EFA sinala que se non hai moitos brotes afectados e a árbore non se vai ver prexudicada, a eliminación destes contribúe a limitar as poboacións da praga.

 

No que atinxe á pataca, Areeiro destaca que será moi importante renovar canto antes as plantas se non se fixo ultimamente, ante a posible ameaza do mildio pola humidade dos días anteriores. E, doutra banda, nalgunhas plantacións obsérvanse xa danos por escarabellos, polo que a EFA aconsella aplicar un tratamento.

 

A melloría do tempo que se espera pode favorecer así mesmo a aparición de pulgóns e outros chupadores en varios cultivos e, neste senso, o persoal especialista apunta que convén incrementar a vixilancia, porque son máis sinxelos de controlar nos momentos iniciais.

 

Por último, no que atinxe ao buxo, atopáronse novos síntomas da Cylindrocladium buxicola nalgunas sebes. Para a súa contención, como sinala o persoal de Areeiro, é fundamental combinar as medidas de retirada das follas secas cos tratamentos funxicidas. E no que se refire á Cydalima perspectalis, aínda se poden observar algunhas eirugas grosas nalgunhas sebes, pero menos que a semana anterior segundo as observacións da Estación. Tampouco se recolleron adultos no exterior, pero seguen a nacer na poboación do laboratorio da EFA.

 

Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e os datos aportados por técnicos e viticultores. Areeiro destaca que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.149

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.