Lunes, 17 de Noviembre de 2025

Xornal21.es
Martes, 22 de Marzo de 2022 Tiempo de lectura:
AS NEVES

Water of the future’promove hábitos sostibles no Día Mundial da Auga

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade áchase entre os impulsores desta iniciativa que inclúe desde un spot televisivo ata concursos fotográficos

Un camelo camiña pola cidade mentres unha voz alerta sobre a contaminación da auga e a escaseza deste recurso, vital para o ser humano. Entón, o camelo asoma a cabeza pola fiestra dun baño onde unha moza lava os dentes sen pechar a billa. Ela decátase do estrago e corta o fluxo, porque o animal pode sobrevivir máis de tres semanas sen auga, pero nós “non somos camelos”. Esta mensaxe de consumo responsable centra a campaña ‘Water of the future’, que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade impulsa canda entidades doutros oito países e que se lanza hoxe, Día Mundial da Auga, cun spot que será emitido en prime time na TVG e nas canles do grupo Atresmedia.

 

O vídeo circula xa polas redes sociais, nas que a campaña continuará activa a través de diferentes historias, datos e imaxes que buscan concienciar sobre a necesidade de protexer este elemento. O obxectivo central é situar na axenda pública a problemática da escaseza de auga a nivel global e as súas graves consecuencias, así como fomentar hábitos sostibles cos que cada persoa e cada comunidade pode contribuír a mitigar esta situación, desde encher ben a lavadora e o lavalouza ata reducir a inxestión de carne. Neste senso, chámase a atención sobre a pegada da “auga invisible”, aquela que se consume na produción das nosas roupas, alimentos, dispositivos, vehículos, etc.

 

A iniciativa encádrase no proxecto europeo ‘People & Planet’, que envolve a medio cento de concellos socios do Fondo Galego na realización de actividades para implicar á xente nova na loita contra o cambio climático. Neste marco, algúns dos Consellos Climáticos Xuvenís creados en catro municipios están a organizar as súas propias actividades para lembrarnos que sen auga, non hai futuro. No caso do Concello das Neves, por exemplo, alumnado do IES Pazo da Mercé creou unha exposición de murais elaborados con material de refugallo, mentres que no Concello da Guarda a rapazada convocou un concurso de fotografía.

 

Cómpre lembrar que, aínda que no noso día a día non percibamos a carencia de auga, a nivel global 21 das 37 reservas subterráneas están a esgotarse rapidamente e o 80% das augas residuais volven ao ecosistema sen seren tratadas ou reutilizadas. Ademais, a contaminación agravouse en case todos os ríos de África, Asia e Latinoamérica. Estímase que en 2025, non haberá bastante auga para que a agricultura produza alimentos suficientes para todas as persoas e que en 2050 a metade da poboación mundial vivirá en zonas afectadas pola escaseza de auga. Son só algúns dos datos que se ofrecen na campaña ‘Water of the future’, que entronca ademais cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en particular co ODS 6, que avoga por garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sostible.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.49

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.