Viernes, 15 de Mayo de 2026

Actualizada Jueves, 14 de Mayo de 2026 a las 21:27:42 horas

Redacción / Xornal21.es
Viernes, 22 de Abril de 2022 Tiempo de lectura:
Provincia de Pontevedra

O Pazo Provincial transformouse nunha sala de concertos na II edición de “Descúbreas”

Cinco das mozas da I edición actuaron con alumnas e docentes das escolas de música nun recital conducido por Woyza que rematou coa emocionante interpretación de “Imagine”

O salón de plenos do Pazo Provincial transformouse hoxe nunha espectacular sala de concertos e no mellor escenario para presentar a II edición de “Descúbreas”, o programa da Deputación, impulsado por Regalamúsica, para amosar o talento feminino musical da provincia e as redes de mozas que xa se están a tecer entre as protagonistas. Un talento que tivo rostro, voz e son a través das potentes actuacións de Eva, Sara, Law, Sinner e Xía, cinco das oito rapazas que xa teñen iniciado a súa carreira musical tras participar na primeira edición. Elas, xunto a profesoras e alumnas de escolas de música, foron as protagonistas deste concerto exclusivo presentado por Woyza co que arranca a segunda edición que ten como obxectivos visibilizar e axudar ás mozas que queren dar os seus primeiros pasos profesionais. Como subliñou esta tarde a presidenta, Carmela Silva, “na súa primeira edición este programa foi un rotundo éxito, vós sodes a mellor das probas, e a segunda que iniciamos hoxe vai ser a da súa consolidación como referente na provincia”.

 

Carmela Silva subliñou o feito de que o catálogo de mulleres artistas creado a través de Descúbreas xa ten posibilitado a contratación de moitas delas para actuacións e destacou que, a pesar de levar só un ano, “este programa ten conseguido todos os seus obxectivos”. “Estamos moi orgullosas tanto do programa de mentorización como das iniciativas que están a desenvolverse na plataforma de Descúbreas para a visibilización de todo este talento que amosades. Este é un programa que naceu con vocación de continuidade, porque queremos realmente rachar con esa brecha que imposibilita ás mulleres ter carreiras profesionais neste eido cultural. E nesta segunda edición imos potenciar aínda máis toda a súa programación”. Este ano, como dixo a presentadora Woyza, unha das premisas é “recuperar o contacto entre todas, e que ese contacto sexa real, presencial e que as rapazas o sintan así; un dos pilares de Descúbreas é conseguir tecer vínculos de colaboración entre as mozas que comezan neste mundo, as escolas e as profesionais”.

 

Esta filosofía plasmouse esta tarde nesta gala única, para a que as cinco protagonistas prepararon as adaptación das cancións que gravaron e publicaron o pasado ano en todas as plataformas dixitais. Elas non só actuaron acompañando ás mozas mentorizadas, senón que tamén protagonizaron o estelar momento final coa emocionante interpretación conxunta do tema “Imagine”, de John Lennon. Antes dese momento, Eva puxo en escena “La última canción”, mentres que Sara interpretou “20 veces más”; Sinner, o tema “B.T”; Law, con “Veni, vidi, vici” e Xía a canción “Ya no”. Xunto a elas actuaron Rebel Spirit, formado por Raisha Méndez Guerra (Rai) , baixista e cantante; Soraya Adán (Sory), batería e Andrea Vieira, guitarra. Tamén as docentes María Pérez, pianista da Academia Compás de Vigo, amais de cantante e líder do grupo Soa, e Paula Rego, guitarrista e batería, profesora da Escola Bonobo de Pontevedra e batería de Agoraphobia. E sete das alumnas da escola Maison do Porriño, Laura González, Melani Lemos, Sara Losada, Carla Rodríguez, Nuria Vázquez, Laura Dios e Azahara Suárez, foron as encargadas de cantar a sorpresa final, que foi coreada polo abarrotado salón de plenos. Amais, ao longo da gala visionáronse tamén varios audiovisuais, entre eles o resumo da I edición, así como outro que dá voz ás alumnas de escolas de música e un vídeo das mellores cancións feministas feitas por artistas galegas.

 

A segunda edición

O concerto supón o pistoletazo de saída desta edición de “Descúbreas”, que naceu no 2021 co obxectivo de proporcionar ferramentas para terminar coa brecha de xénero que existe na industria. En marcha xa está o programa de titorización, que permitirá a 8 mozas ter acceso a un itinerario individualizado, así como á gravación dunha canción propia en estudio e á gravación e realización dun vídeo musical. Entre as mentoras estará este ano Salomé Limón, gañadora de cinco Latin Grammy amais de presidenta de PIAudio (Asociación Iberoamericana de Produtoras e Enxeñeiras de Audio). Únese a Raquel Seijo, de Sweet Nocturna e presidenta de Festivais de Galicia; Patricia Hermida, de Dotbeat e copresidenta do International Music Managers Forum (IMMF) e Wöyza.

 

Amais do proxecto de mentoring, o programa aporta outras ferramentas para a visibilización dispoñibles na súa páxina web, como o directorio de profesionais e escolas do que xa teñen xurdido algunhas oportunidades laborais para técnicas e artistas ou os videotutoriais e o foro para resolver dúbidas e axudar ás mozas a dar os seus primeiros pasos no seu proxecto musical. A plataforma ofrece tamén información e axenda de concertos con perspectiva de xénero.

 

Entre as novidades deste ano, atópase o fortalecemento dos vínculos con entidades que traballan na mesma liña e a colaboración en rede. Entre estas actuacións, xa o ano pasado, Descúbreas sumouse ao compromiso do proxecto europeo KeyChange, participou na Feira Internacional de Música BIME e participou recentemente no Encontro de Escolas ou Vira Fest de Portugal.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.152

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.