Lunes, 11 de Mayo de 2026

Actualizada Domingo, 10 de Mayo de 2026 a las 22:12:17 horas

Xornal21.es
Martes, 10 de Mayo de 2022 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Volven os Rías Baixas Fest “dos sorrisos e gran formato”

Carmela Silva: “Estes festivais son espectaculares: son música, territorio, paisaxe, orgullo do que somos e o risco que asume tanta xente que pon a alma, as ideas e horas e horas de traballo para ter algo tan extraordinario como este proxecto”

Este 2022 vai ser o ano para “recuperar os sorrisos e o gran formato” nos Rías Baixas Fest, os sete festivais da marca da Deputación que posicionan a Pontevedra Provincia a nivel nacional e internacional como destino singular e que encherán o territorio do 2 de xuño ao 11 de setembro de música, gastronomía, deporte urbano, sostibilidade, igualdade e, por suposto, de talento. Nun acto celebrado baixo o magnolio do xardín do Pazo Provincial, a presidenta Carmela Silva e os e as representantes das promotoras dos festivais e representantes municipais dos concellos onde se celebrarán os eventos, deron hoxe o tiro de saída aos Rías Baixas Fest, que engloban o PortAmérica, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal, Sonrías Baixas, O Marisquiño e Revenidas. A presentación estivo amenizada coa actuación de Carolina Rubirosa, que interpretou o tema “O teu camiñar”, co que esta semana representará a Galicia no Festival Internacional Liet de Dinamarca.

 

“Precisamos de alegría e felicidade e non hai nada como a cultura para desfrutar da boa vida”. Así se expresou a presidenta da Deputación que cualificou como “espectaculares” os sete festivais e fixo un recoñecemento ás súas promotoras e promotores, “xente que pon a alma, as  ideas, e horas e horas de traballo para ter algo tan extraordinario como os Rías Baixas Fest, que está a construír un proxecto que é envexa nacional e internacional”. Carmela Silva lembrou, que despois da pandemia, “este é o ano de recuperar os sorrisos e de dicirlle á xente que fomos capaces de manter os festivais, algo que era imprescindible, porque sería unha fonda irresponsabilidade non facelo. E este ano por fin puidemos recuperar ese gran formato para que moita xente poida vir e poidan ser felices”. Engadiu a presidenta provincial que os Rías Baixas Fest son música, “pero tamén territorio, paisaxe, orgullo do que somos, gastronomía, que aquí é diferente porque está vinculada ás nosas tradicións e a unha relación coa terra que tanto nos dá”. E son gastronomía e turismo sostible, no que amais de “abrir as portas” aos e ás visitantes á provincia “para que desfruten e nos coñezan”, tamén se busca que a “a xente máis próxima se sinta orgullosa do que somos”.

 

Carmela Silva destacou así mesmo a aposta dos Rías Baixas Fest pola igualdade, e agradeceu neste senso que abran as portas ás novas artistas musicais do programa provincial Descúbreas, “tendo unha relación co propio sentir do festival”. E tamén subliñou o compromiso coa sostibilidade, “porque todas e todos os promotores aman profundamente esta provincia e amala é coidala e respectala, facer que poidamos conservala e mellorarala a nivel medioambiental”. Concluíu desexando sorte a Carolina Rubirosa na súa participación no Liet en Dinamarca, lembrando que as mulleres están a protagonizar “un novo rexurdir” cultural para Galicia. “Houbo unha Xeración Nós que foi fundamental, e hoxe hai unha xeración Nosoutras, de grandes mulleres na música, na escrita, o teatro ou o cinema”.

 

A volta á normalidade centrou tamén as intervencións de Jordi Lauren, director do Festival SonRías Baixas, e de Ana San Román, do Festival PortAmérica, que falaron en nome de todos os eventos. Recordaron que a pandemia “púxonos ante un reto que criamos inasumible durante moitos meses” e Lauren agradeceu neste senso o “apoio incondicional” da Deputación á marca dos Rías Baixas Fest, “da que xa podemos falar como plenamente consolidada”. Estes festivais “son unha ferramenta de cohesión social e orgullo territorial; son, sobre todo, identidade territorial”. Apuntou neste senso que amais de observar estes eventos en clave nacional e internacional, “é importante facelo tamén en clave de turismo interno e de proximidade, e convencer a xente da lado que ten unha alternativa de ocio de moita calidade”. O director do Sonrías Baixas subliñou que “vimos dun período  de desacougo e  temos que volver convivir e reactivarnos de verdade. A verba coa que me quedo este ano é a de ilusión: volvemos vivir e a traballar con ilusión e estamos desexando abrir as portas e recibir a milleiros de persoas con ilusión”. Pola súa banda, Ana San Román puxo o foco nos festivais como polo de atracción turística, “porque temos un destino único que combina costa e interior, cun patrimonio histórico, cultural, un turismo natural precioso e unha gastronomía coa que podemos contar en todos os festivais”.

 

Os Rías Baixas Fest arrancarán co PortAmérica que se celebrará do 2 ao 4 de xuño en Portas e Caldas, a cuxos alcaldes tamén fixo un recoñecemento a presidenta “por seren capaces de aunar o interese dun territorio por riba do local e traballar conxuntamente para que este festival puidera seguir crecendo desta forma exponencial”. O calendario seguirá en xullo, onde do 15 ao 17 se celebrarán o Atlantic Fest (Vilagarcía) e o Vive Nigrán, e do 22 ao 24 o Sinsal na illa de San Simón. Agosto comezará co Sonrías Baixas (Bueu), que se celebra do día 4 ao 6, mentres que do 12 ao 14 será a quenda do Marisquiño de Vigo. Por último, do 7 a o 11 de setembro terá lugar Revenidas en Vilaxoán (Vilagarcía). Todos con carteis espectaculares. “Como a xente non se apure –lembrou Carmela Silva- van quedar fóra e non van poder participar destes marabillosos festivais que son un orgullo”.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.217.78

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.