Sábado, 20 de Diciembre de 2025

Xornal21.es
Viernes, 13 de Mayo de 2022 Tiempo de lectura:
TUI

Literatura e artesanía para celebrar as Letras Galegas en Tui

Este sábado comeza a XXIV Feira de Artesanía e o martes celébrase a XXIII Feira do Libro Galego

Literatura e artesanía tomarán esta ponte festiva as rúas e prazas de Tui con dobre celebración. Dende este sábado e até o martes a rúa Ordóñez, e as prazas do Concello e San Fernando acollerán a XXIV Feira de Artesanía, e o martes no Paseo da Corredoira celébrase a XXIII Feira do Libro Galego. Ambos eventos foron presentados esta semana na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, as concelleiras de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, e Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, xunto a José Manuel Salvado da Asociación de Artesáns de Galicia, Elena Rodríguez e Cani Carnero da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño, Pilar Fernández da libraría Iris, Javier Oliveria de Espazo Lector Nobel, Eloy Carrera, director e Samuel Solla, presidente da Banda de Música Popular de Tui, e Alicia González, vicepresidenta da Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei.  


O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, na súa intervención manifestou que “con esta programación o concello de Tui reflicte, unha vez máis, o seu compromiso coa dinamización de sectores importantes para o noso ámbito económico e cultural”.


Engadía que con esta programación o “Día das Letras Galegas convértese nunha programación mensual baixo o título de Tui en Letras 2022 para a posta en valor da nosa lingua e da nosa cultura” o que lle da unha maior dimensión ao 17 de maio, sinalaba. Mentres sobre a Feira de Artesanía indicaba que “duplica a súa presenza, pasa de dous a catro días,  nun intento de dinamizar un ámbito importante coma é o da cultura artesanal da nosa terra”. Enrique Cabaleiro agarda que novamente durante esta ponte festiva sexan  moitos o visitantes que se acheguen até Tui.  Boas perspectivas de afluencia á cidade  baseadas nos positivos datos que está a rexistrar a Oficina Municipal de Turismo, así coma o feito de que en abril “foron preto de 3 mil peregrinos os que saíron de Tui”.


XXIV Feira de Artesanía
A concelleira de Comercio e Mercado, Ana María Núñez, era a responsable de dar os datos da XXIV Feira de Artesanía se vai celebrar dende este sábado 14 de maio e até o martes 17 na rúa Ordóñez e nas prazas do Concello e San Fernando. Serán unha trintena de persoas artesáns de toda Galicia as que participarán durante catro días nesta iniciativa realizada en colaboración coa Asociación de Artesáns de Galicia.   Precisamente o seu presidente José Manuel Salvado agradecía ao Concello de Tui “a aposta pola artesanía de calidade, e tratamos de que a oferta da feira sexa da maior calidade posible, todos os obradoiros está inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía” e engadía que “estamos encantados de poder compartir esta actividade cos libreiros”.


Así nos diferentes postos poderemos atopar xoiería, carpintería, marroquinería, ourivaría, cestería, encaixe, instrumentos musicais, xoguetes, complementos de moda…. A artesanía local estará presente nos postos de catro persoas artesáns de Tui, ás que se sumarán a Asociación de Palilleiras do Baixo Miño que estará palillando  na rúa Ordóñez.


E tamén algúns dos artesáns e artesáns estarán durante estes días realizando os seus produtos na feira e ofertarán obradoiros para o público.  Cómpre destacar que na praza do Concello, en colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia, haberá sete obradoiros e demostracións de oficios durante a feira.


Amais Cucapuntoes realizará obradoiros de ganchillo nos que os participantes poderán elaborar unha funda de móbil, un bolso de rede, ou marcapáxinas de bolboreta. É recomendable inscribirse previamente en salomefmoldes@gmail.com, xa que as prazas son limitadas.


Non faltarán tampouco as actividades de animación co grupo Seixos Albos de Areas (sábado ás 12.30 h ), O Mosteiro de Pexegueiro (sábado ás 19 h), Santa Columba de Ribadelouro (domingo ás 12.30 h), A Insua de Caldelas (domingo ás 19 h) e as pandereteiras da Asociación Cultural San Telmo (martes ás 19.30 h ).  A gastronomía estará presente nestes días cun posto de cervexa artesá con Menduíña (sábado), Meiga (domingo) e Trisk-Ale (luns e martes), e coa empanadillas artesás de Vionkas Bake.


XXIII Feira do Libro Galego
O martes, 17 de maio, Día das Letras Galegas, celebrarase unha nova edición da Feira do Libro Galego coa participación das librarías locais Iris e Espazo Lector Nobel.  Nos andeis dos seus postos estarán presentes os libros do homenaxeado deste ano Florencio Delgado Gurriarán, xunto a grandes clásicos das nosas letras e novos e novas autoras. Na ofertan que presentarán ambos establecementos haberá títulos para todos os públicos e idades, cun amplo abano de xéneros, dende poesía, a novela, viaxes, ou cociña nos que haberá un 10% de descontos coma hoxe explicaban Pilar Fernández de Iris e Javier Oliveira de Espazo Lector Nobel.


A concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, salientaba que a Feira do Libro “está enmarcada en Tui en Letras unha programación que oferta 14 actividades de dinamización e de posta en valor da nosa lingua durante todo o mes”. Engadía que esta programación rematará coa celebración “dos 131  anos da conmemoración do primeiro acto público en lingua que foi en Tui” aludindo aos Xogos Florais de Galicia.


A escritora Sonia Mirón, autora de “Si tu quieres” o “Mi corazón en una caja de Zapatos” será a encargada de dar lectura ao pregón da feira o martes ás 11.30 h, asinando a continuación exemplares dos seus libros. Ás 12.30 h a actriz, narradora e directora teatral Bea Campos achegará o público o contacontos “Os tres porquiños”. Xunto a Manuel Campos presentará este espectáculo no que se mestura teatro, xogos tradicionais e música en directo.  Pola tarde, ás 18.30 h, será a quenda de Magín Blanco co seu espectáculo “Caderno de cores e cancións”, no que xunto ao músico Pablo Vidal, realizará un percorrido pola creación musical e literaria das cancións dende os trobadores.


Por último ás 21 h a Banda de Música Popular de Tui, a Banda de Gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e o Grupo de Baile Lembranzas da Terra ofreceran un concerto especial e inédito no que participarán un centenar de persoas destas agrupacións,  que se unen por primeira vez nun proxecto. O director da Banda de Música Popular de Tui, Eloy Carrera explicaba que durante algo máis dunha hora interpretarán “música de compositores galegos, e música galega, sobre todo música tradicional”.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.217

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.