Miércoles, 18 de Febrero de 2026

Xornal21.es
Jueves, 26 de Enero de 2023 Tiempo de lectura:
O PORRIÑO

A Xunta recibe 7 ofertas para a humanización de Buenos Aires e Progreso no Porriño

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar na primavera esta actuación na PO-329 ao paso polo centro urbano do municipio, para tela rematada a finais do 2023, xa que conta cun prazo de execución de 5 meses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 7 ofertas de empresas para executar as obras de humanización das rúas Buenos Aires e Progreso do Porriño, que suporán un investimento da Xunta de case 1 M€.

 

Trátase da contratación das actuacións necesarias para acometer a reforma integral da estrada PO-329 ao seu paso polo centro urbano, na que a Xunta proxecta a transformación desta vía autonómica nunha rúa na que os coches ceden protagonismo en favor dos peóns.

 

[Img #79961]

 

O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é comezar as obras na primavera, para telas rematadas a finais do 2023, xa que contan cun prazo de execución de 5 meses.  

 

Mediante este contrato, intervirase nun treito de case 700 metros desta vía autonómica, na que se reforzará a seguridade a pé dos veciños, ademais de mellorar a accesibilidade e tamén o aspecto estético deste treito da vía, favorecendo a súa mellor integración urbana.

 

Máis en detalle, os traballos consistirán na execución de beirarrúas máis anchas, para o que se reducirá un pouco a anchura dos carrís de circulación; na reordenación das zonas de aparcadoiro en todo o treito de actuación; na renovación dos pavimentos, tanto das beirarrúas como dos aparcadoiros; e na rehabilitación da calzada.

 

Completarase a intervención coa dotación de mobiliario urbano: disporanse bancos, papeleiras, xardineiras e árbores; ademais de mellorar a iluminación con 22 novos puntos de luz e con 12 reforzos luminosos nos pasos peonís, para garantir unha maior seguridade.

 

 

 

 

Intervirase nun treito de case 700 metros da vía autonómica para reforzar a seguridade peonil, mellorar a accesibilidade e a estética da vía e favorecer a integración urbana

 

 

 

 

Os traballos proxectados polo departamento de Infraestruturas da Xunta dividiranse en cinco treitos, en función das necesidades de actuación detectadas en cada un deles.

 

No primeiro tramo, entre as dúas interseccións coa rúa dos Muíños, que chega ao comezo do peche protexe as vías do tren, aumentarase o ancho da beirarrúa, reducíndose os carrís e deixando as prazas de aparcadoiro na marxe dereita.

 

No segundo treito, desde o comezo do peche de Adif ata o paso a nivel, reordenarase a sección actual da calzada para aumentar o ancho das beirarrúas, manténdose tamén aquí os aparcadoiros na marxe dereita.

 

O tramo tres vai desde o paso a nivel ata o cruce coa rúa Ponte do Valo, onde se proxecta unha plataforma compartida a nivel, de sentido único de circulación desde o mesmo paso a nivel ata a rúa Avelino Villasuso.

 

No cuarto treito, que descorre cruzando o río Louro e pasa baixo a autovía A-55, vaise mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándose á normativa de accesibilidade.

 

E no quinto treito, que acaba na glorieta da PO-331, reordenarase a calzada para gañar espazo para os peóns, reducindo o dos carrís, ademais de dispoñer sitio para os contedores e aparcadoiros.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.11

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.