Miércoles, 22 de Abril de 2026

Actualizada Miércoles, 22 de Abril de 2026 a las 11:01:38 horas

Xornal21.es
Miércoles, 08 de Marzo de 2023 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

A Deputación e a Axencia europea de control da pesca abordan novas vías de colaboración

Carmela Silva e Susan Steele acordan a posta en marcha dun programa de plantación de árbores nos concellos para compensar a pegada de carbono e a utilización de espazos da sede viguesa para actividades da EFCA

Dúas institucións presididas por primeira vez por dúas mulleres, Carmela Silva á fronte da Deputación de Pontevedra e Susan Steele na Axencia Europea de Control da Pesca, radicada en Vigo, afianzan a súa relación coa apertura de vías de colaboración e traballo que se traducirán en novas iniciativas. As dúas responsables mantiveron un cordial encontro na sede provincial viguesa, no que xa se avanzou a posta en marcha dun novo proxecto medioambiental para frear a pegada de carbono e a utilización de espazos no edificio da rúa Chao para actividades da Axencia. Con Carmela Silva de anfitrioa, a directora executiva da EFCA percorreu as tres plantas do inmoble onde puido desfrutar das exposicións que actualmente se poden ver na sede viguesa como centro cultural de referencia da cidade, e o traballo administrativo e de emprendemento que se realiza a través de SmartPeme, o servizo ORAL ou o Rexistro provincial.

 

A sostibilidade e o medio ambiente foi un dos puntos centrais do encontro xa que ambas institucións porán en marcha, en consonancia coas directrices europeas, un ambicioso proxecto para diminuír a pegada de carbono mediante a plantación de árbores en concellos da provincia coa intermediación da Deputación. Trátase dun programa que se implementará para compensar cada viaxe que se faga por parte da Axencia Europea de Pesca coa plantación de especies en espazos públicos da provincia e no que tamén Areeiro intervirá no asesoramento. “Ambas administracións estamos plenamente comprometidas co medio ambiente –dixo a presidenta provincial– cun relato que tamén comprometa a sociedade, polo que é necesario establecer vínculos e adoptar acordos que sigan a amosar o noso respectivo obxectivo medioambiental”. Susan Steele referiuse tamén a este concepto, que definiu como “glocal” e amosou a plena disposición da Axencia a colaborar nesta iniciativa “de xeito moi especial”, moi en consonancia con iniciativas europeas que se están a desenvolver.

 

 

 

 

A Presidenta da Deputación amosou ante a directora da Axencia o seu interese por acoller unha oficina de información europea

 

 

 

 

Por outra banda, Carmela Silva mostrou tamén a súa “total disposición” a que a Axencia Europea de Pesca poida utilizar algún dos espazos da sede viguesa da Deputación a fin de desenvolver algunha das súas moitas actividades. De feito, recordou Carmela Silva, esta sede non só está funcionando en Vigo como mera sede administrativa, “senón que desde que naceu, a idea era que puidésemos ceder espazos á cidade e hoxe moitísimos colectivos usan estas instalacións”. Nese ámbito, a Deputación e a Axencia avanzaron tamén na posibilidade de que a sede provincial de Vigo poida acoller nun futuro un punto de información europea para toda a provincia. Trataríase dun centro informativo, avalado pola Unión Europea, para amosar á cidadanía todas as cuestións relativas ao funcionamento de programas europeos. A convocatoria para poñer en marcha estes espazos, desde deputacións ou concellos, está prevista para o 2025, e ambas mandatarias indicaron o seu interese en poder concorrer.

 

Na reunión, a presidenta tamén quixo poñer en valor o feito de que sexa unha muller a responsable dun organismo europeo de tanta relevancia como é a Axencia de Pesca. “É moi importante visibilizar a mulleres como Susan Steele –sinalou– porque as mozas necesitan referentes e que unha muller dirixa esta axencia ten moita importancia. Necesitamos que as nenas e mozas saiban e vexan que as mulleres xa estamos nos grandes postos de decisión en todos os eidos”.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.217.8

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.