Sábado, 21 de Febrero de 2026

Xornal21.es
Jueves, 06 de Abril de 2023 Tiempo de lectura:
O PORRIÑO

O Consorcio de Augas do Louro aproba novos proxectos de saneamento

Trátase de seis actuacións no Porriño e unha en Salceda de Caselas que darán servizo a preto dun cento de vivendas, beneficiándose máis de 300 veciños

Un total de 1.017.641,25 euros é a inversión que suman os sete últimos proxectos en materia de saneamento a executar polo Consorcio de Augas do Louro. O Comité, integrado polos alcaldes dos catro concellos que o integran (Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui) e un representante de Augas de Galicia, vén de aprobar nos últimos días seis das actuacións e a outra farao previsiblemente na convocatoria do vindeiro luns.


No Concello do Porriño executaranse un total de seis obras que darán servizo a 81 vivendas de distintas parroquias. Así, en Rebouza (Atios) levarase a cabo a instalación de 700 metros de tubaxe que conectarán á rede de saneamento a unha ducia de casas, beneficiando a máis de 40 veciños, cuxa inversión é de 145.436,17 euros.

Por outra banda, acometeranse catro actuacións, dúas en Atios (Portela de Souto e en A Rocha-Covelo), una en Pontellas (Igrexa-Centeáns Arrotea) e outra en Torneiros (San Roque-A Areeira), nas cales a inversión chega aos 310.846,18 euros, que suporán a posta en funcionamento de máis dun quilómetro de canalización, dando servizo a 19 casas e preto de 70 usuarios. E a de maior magnitude en canto a inversión e beneficiarios será a que se realice na estrada de Mosende a Tui, en Madorras, onde se proxectan seis colectores cunha lonxitude de 1.100 metros e unha estación de bombeo, ademais esta actuación permitirá anular un canon de vertido non autorizado da CHMS e poñer en servizo outros 1.200 metros lineais de canalizacións existentes posibilitando así a conexión á rede de medio cento de vivendas, entre as que se atopa tamén a Escola de Mosende, e preto de 200 habitantes; a inversión neste caso é de 450.460,17 euros.


No Concello de Salceda de Caselas, en Santa María de Picoña, localízase a outra actuación. Dará servizo a 11 vivendas dos barrios de Arrotea-Ataúde. Consiste na instalación e posta en funcionamento de 491 metros de tubaxe, que beneficiará a uns 40 veciños e cuxo importe é de 110.898,73 euros.


“Trátase de darlle á veciñanza un servizo básico que lle corresponde, que neste caso levamos a cabo con fondos propios do Consorcio, que non debemos esquecer que dependen dos recursos que aporta cada municipio, co pago dos impostos dos seus cidadáns, pero que dende todos os concellos debemos impulsar e dar prioridade a actuacións como estas, con axuda tamén doutras entidades supramunicipais, para dar resposta a todas as demandas”, explica o presidente do Consorcio de Augas do Louro, Alejandro Lorenzo, á vez que lembra que “as inversións continuaranse nos vindeiros meses: máis proxectos, licitacións e recepcións de obras que irán completando e tecendo toda a rede de saneamento dos catro municipios para dar servizo á totalidade da veciñanza”.


As actuacións aquí anunciadas prevense que no mes de xuño poidan comezar a executarse os traballos, quedando rematadas todas ao longo deste ano 2023.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.58

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.