Martes, 23 de Septiembre de 2025

Xornal21.es
Miércoles, 03 de Mayo de 2023 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

As estratexias fronte ás superbacterias e a nanotecnoloxía centran a primeira charla de Aída Fernández Ríos

Esta primeira sesión, en formato webinario, estará impartida pola catedrática da USC Concepción González-Bello e pola xefa do grupo de Nano-Oncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago María de la Fuente

[Img #81790]Cunha dobre sesión sobre “Avances en novas terapias" arranca este xoves 4 de maio a cuarta edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que organizan a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias para achegar á cidadanía as ciencias e as aplicacións do coñecemento científico á sociedade, como coadxuvante do desenvolvemento socioeconómico. As charlas comezarán ás 19 horas e serán en formato webinario, coa intervención da catedrática de Química Orgánica do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela, Concepción González-Bello, que abordará as “Superbacterias. Retos e novas estratexias terapéuticas” e de María de la Fuente Freire, xefa do grupo de Nano-Oncoloxía e Terapeútica TraslacionaI do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que falará da “Nanotecnoloxía para o desenvolvemento de medicamentos innovadores e avanzados dando resposta a necesidades médicas non cubertas”.

 

En concreto, Concepción González Bello falará sobre os retos e as novas estratexias terapéuticas fronte ás superbacterias. Nesta liña, explicará como “os antibióticos son ferramentas terapéuticas fundamentais na loita contra as infeccións bacterianas. Con todo, a súa capacidade para curar estas enfermidades está agora en grave risco debido ás consecuencias do uso de antibióticos de amplo espectro na estabilidade do microbioma e a resistencia aos patóxenos. Estas bacterias evolucionan moi rápido para burlar a acción dos antibióticos, mediante mecanismos cada vez máis sofisticados e difíciles de abordar, en especial nos pacientes cun sistema debilitado”.

 

Tal como lembra a investigadora, a resistencia aos antibióticos alcanzou niveis tan alarmantes que a Organización Mundial da Saúde estima que en 2050 as mortes por resistencia aos antibióticos superarán ás causadas polo cancro. Así, para frear o impacto deste escenario na saúde humana e animal, as investigacións actuais céntranse no deseño de novas entidades químicas con “mecanismos de acción novos”, capaces de incidir sobre “nichos biolóxicos pouco explorados e ben definidos”, así como no desenvolvemento de “terapias combinadas” capaces de reducir o impacto da resistencia das bacterias aos antibióticos en uso clínico. Nesta conferencia amosaranse os retos aos que se enfronta a ciencia, así como os avances terapéuticos máis recentes neste eido.


María de la Fuente Freire centrarase na importancia da nanotecnoloxía para o desenvolvemento de medicamentos innovadores e avanzados co fin de poder dar resposta a necesidades médicas non cubertas. A investigadora incidirá en que “o potencial da nanotecnoloxía é un feito indiscutible que se fundamenta tanto nos nanomedicamentos que se atopan na clínica como no número de nanomedicamentos na fase de avaliación clínica, o cal aumenta ano tras ano”. “A aprobación das vacinas COVID-19 baseadas en ARN mensaxeiro e nanopartículas lipídicas supuxo outro punto de inflexión, que abre camiño no desenvolvemento de medicamentos innovadores en áreas como a oncoloxía e as enfermidades raras, entre outras”. Explica que no seu grupo de investigación traballan “para contribuír con novas tecnoloxías, deseñadas para o seu acceso á clínica e, polo tanto, e a máis longo prazo, con novos nanomedicamentos que poidan dar resposta a necesidades médicas reais”.

 

Charlas ata o 15 de xuño
O programa do ciclo abrangue un total de 13 conferencias entre este 4 de maio e o 15 de xuño, oito en formato webinario dirixidas á cidadanía en xeral e cinco presenciais en centros educativos da provincia, con temas como a seguridade alimentaria, as enerxías renovables, as comunicacións cuánticas, as aplicacións da intelixencia artificial, o Big Data e a xenómica. A inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias debe realizarse a través da web da Deputación (https://www.depo.gal/-/iv-ciclo-de-conferencias-cientificas-aida-fernandez-rios). Os participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.

 

O ciclo, que promoven conxuntamente a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias, xurdiu no 2020 como homenaxe á investigadora, bióloga oceanógrafa e académica Aida Fernández Ríos, falecida en 2015. A súa principal finalidade é difundir a ciencia e a tecnoloxía e espertar o interese do público por temas de actualidade científica con repercusións directas na sociedade, ao tempo que contribúen á educación e formación en igualdade, visibilizando a grandes referentes femininas do ámbito STEAM.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.17

Todavía no hay comentarios

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.