Miércoles, 08 de Abril de 2026

Actualizada Martes, 07 de Abril de 2026 a las 22:23:38 horas

Xornal21.es
Domingo, 01 de Octubre de 2023 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

O grupo socialista denuncia que Luís López ten "medo" de convocar aos alcaldes e alcaldesas

Carlos Font advirte da primeira fenda no modelo de financiamento regrado aos concellos coa aprobación dunha subvención “a dedo” para o Concello de Arbo

A punto de cumprirse os tres meses dende a toma de posesión de Luís López, o novo presidente da Deputación os socialists denuncian "segue sen atreverse a convocar aos alcaldes e alcaldesas da provincia a unha xuntanza informativa para poñer en común o modelo de financiamento municipal do próximo ano". O PSdeG-PSOE recordou  que "no ano 2015, trala chegada de Carmela Silva á Presidencia da institución provincial, esta xuntanza produciuse só 12 días despois da súa toma de posesión".


“López 84 días agochándose dos alcaldes e alcaldesas da provincia porque ten medo ás protestas que, sen dúbida, tería que escoitar e por iso dedícase a gañar tempo”, afirmou o voceiro socialista, Carlos Font, quen encadra dentro desta estratexia dilatoria “o mailing presidencial coa carta filosófica enviada aos 61 alcaldes e alcaldesas sen dicir nada concreto e pedindo relacións institucionais fluídas”.


Considera sintomático que o actual presidente teña preferido anunciar xuntanzas individuais “sine die” cos alcaldes e alcaldesas “porque o que se fala coas Alcaldías do PP tampouco teñen por que sabelo as demais”. Ademais afeoulle a López que despois de case 3 meses no despacho tan só tivera tempo de reunirse co alcalde de Pontevedra, a pesar de despregar neste tempo unha axenda institucional tan baleira que só contén “entregas de medallas e asistencia a procesións”.


Carlos Font rememorou que Carmela Silva tomou posesión como anterior presidenta provincial o 17 de xullo de 2015. Tan só 10 días despois convocou aos alcaldes e alcaldesas e a xuntanza celebrouse o 29 de xullo, é  dicir, só 12 días despois da súa chegada. Naquela primeira xuntanza, á que sucederon moitas outras durante os dous mandatos nos que ostentou a Presidencia, anunciou o nacemento do Plan Concellos para equilibrar o financiamento a todos os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia, poñedo así fin ao modelo de libre disposición de Rafael Louzán. A reacción do Partido Popular foi organizar un “escrache” institucional un par de meses despois, “okupando” o Pazo Provincial e coa participación, destacou Carlos Font, do actual presidente, daquela alcalde de Rodeiro.

 

Un presidente apocado, acomplexado e agochado
 “Luis López non se atreve  a facer o que fixo Carmela Silva porque ela podía dicir que a Deputación ía acabar coa maraña opaca de Louzán para financiar aos concellos e López non pode explicar, con luz e taquígrafos, o que lle mandan facer”. Font insistiu en que na Deputación “non hai mando en praza, senón mando a distancia, con Rueda na cúspide e os dous vicepresidentes despois”. O voceiro socialista concluíu que Luís López é un presidente “apocado, acomplexado e agochado”.


Carlos Font afirmou que o Goberno provincial púxose moi nervioso dende que o pasado día 18 rexistrouse a moción pola que o grupo socialista insta ao Goberno provincial a manter o Plan Concellos e todo o modelo regrado de financiamento municipal, asunto que se debaterá mañá no Pleno ordinario “nun día importante para o municipalismo desta provincia”. Lamentou que, a día de hoxe, os concellos sigan sen saber con cantos fondos van contar da Deputación para o ano próximo, rompendo así o que sucedeu durante os últimos 8 anos.


Por outra banda, o voceiro do grupo provincial do PSdeG-PSOE revelou que xa se produciu “a primeira fenda” no modelo regrado de atención aos concellos, toda vez que o Pleno de mañá aprobará unha modificación de crédito exprés para repartir a dedo unha subvención nominativa de 28.283 euros para o Concello de Arbo. A xustificación é que o Concello precisa deses cartos para completar unha achega estatal polos danos producidos nunha rede de pluviais durante un incendio acaecido o 30 de xullo de 2022 e que a cantidade vaise detraer da achega que lle corresponda “no Plan de Obras e Servizos de 2024”, cuestión que non está regulamentada nin nas bases do actual Plan Concellos nin en ningún procedemento da Deputación.


O grupo socialista pregúntase se se tería atendido igual a un alcalde do PSOE, do BNG ou independente diante dunha situación similar e engade que todos os concellos teñen situacións extraordinarias que atender. Por todo elo, Carlos Font, instou ao presidente da Deputación a enviar outra carta aos alcaldes e alcaldesas da provincia para informarlles de que se abre esta vía extraordinaria para todos/as, “porque o contrario sería un agravio comparativo”.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.163

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.