O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que nas vindeiras semanas se incorporarán 72 novos médicos de atención primaria a prazas de difícil cobertura a través do sistema de concurso que lles permite acceder á condición de persoal estatutario fixo sen necesidade de realizar un exame. De feito, mañá sairá publicada no Diario Oficial de Galicia a resolución do tribunal do proceso selectivo coa relación de aspirantes seleccionados e as súas puntuacións para proceder de inmediato á elección de prazas de difícil cobertura.
A partir do luns, abrirase o período de elección de praza de forma telemática entre os postos de difícil cobertura das distintas áreas sanitarias (23 prazas na área de Ourense, Verín e O Barco; 15 en Santiago de Compostela e A Barbanza; 11 en Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 8 en Ferrol, 7 en Vigo; 5 na área de Pontevedra e O Salnés e 3 na de Coruña e Cee).
O obxectivo é seguir traballando para paliar o déficit de profesionais que hai nalgunhas especialidades e cubrir prazas de difícil cobertura que levaban moito tempo vacantes, indicou o presidente. Ademais, tal e como lembrou Rueda, o persoal MIR da especialidade de médico de familia que terminou nos meses de maio puido optar a estas prazas. Dos 72 seleccionados a través deste proceso selectivo, tres deles son residentes que acabaron a súa formación hai só uns meses. “Galicia é a única comunidade que posibilita a un médico obter un posto fixo no mesmo ano en que finaliza a súa formación MIR”, salientou Rueda.
Co fin de axilizar a adxudicación de prazas, todos os aspirantes (incluídos os que non teñen a condición de seleccionados) poderán elixir as prazas da súa preferencia nun acto de elección telemático, para que no suposto de quedar prazas sen adxudicar entre os/as aspirantes seleccionados/as, se poida realizar a selección dun novo aspirante pola orde de prelación que resulte da lista definitiva entre aqueles/as aspirantes que teñan elixido os destinos non adxudicados.
Galicia segue a dar, pois, resposta á necesidade de minimizar o déficit de persoal en atención primaria, namentres o Goberno central non reforma a lexislación do Estatuto Marco de persoal estatutario dos servizos de saúde, tal e como acordou por unanimidade o Consello Interterritorial do Sistema nacional de saúde en abril de 2018.
A través da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario do Sergas, a sanidade pública galega contará con 178 novos médicos de familia con praza en propiedade en postos de difícil cobertura e que terán atención ordinaria en centros de saúde e dúas gardas ao mes nos puntos de atención continuada (PAC) de referencia, cun compromiso mínimo de permanecer nese posto durante dous anos. A estes 72 que se incorporarán proximamente, oito deles non traballaban ata agora na sanidade pública galega, hai que engadir os 106 postos que se convocaron por concurso no 2022.
Novas prazas por concurso-oposición
Ademais, a Consellería de Sanidade ampliará en próximas datas o prazo de convocatoria do concurso-oposición de médico de familia para incluír as prazas da oferta de emprego público de 2023 aprobada o pasado mes polo Consello da Xunta. Polo tanto, ás 150 prazas xa convocadas, sumaranse 121, facendo un total de 271 prazas ofertadas polo sistema de concurso-oposición nesta categoría. A Xunta continuará a materializar o seu compromiso de estabilización de emprego e desenvolverá os exames desta convocatoria no primeiro cuadrimestre do ano 2024.
Normas de participación
Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
Normas de Participación
Política de privacidad
Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.184