Lunes, 15 de Diciembre de 2025

Redacción / Xornal21.es
Martes, 30 de Enero de 2024 Tiempo de lectura:
PROVINCIA DE PONTEVEDRA

O pleno da Deputación esixe ao Goberno central que palíe a suba das peaxes nas autoestradas da AP-53 e AP-9

A sesión plenaria serviu tamén para aprobar por unanimidade a adhesión de Baiona ao convenio para a inspección e vixilancia en materia de residuos e a transferencia da titularidade de dous treitos da EP-7001 e EP-7203 ao Concello de Forcarei

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este martes solicitarlle ao Goberno central a liberación da peaxe da AP-53, que une Santiago e Dozón, ao mesmo tempo que reitera o seu rexeitamento contra a suba das peaxes desta autoestrada e tamén da AP-9, así como avanzar na transferencia da titularidade desta última á Xunta de Galicia. Sesións plenarias que serviron tamén para aceptar a encomenda do Concello de Baiona para sumarse ao servizo de inspección e vixilancia en materia de residuos municipais, ademais de dar conta da renuncia ao seu cargo como deputado provincial do voceiro do grupo socialista, Carlos López Font.

 

 

O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, foi o encargado de defender a moción contra a suba das peaxes nas autoestradas que discorren pola provincia, a AP-9 e a AP-53. “Co inicio do 2024 confirmouse unha vez máis unha nova suba das peaxes na autoestrada estatal, a AP-9, que acada o 6,55 %. A esta suba súmase tamén a efectuada na AP-53 que chega ao aumento do 5,07 % nas tarifas entre Santiago de Compostela e Lalín”, lamentou o deputado, quen denuncia o “agravio comparativo” que están a padecer os galegos con respecto ao resto de autoestradas de competencia da administración central, “posto que a tendencia é rebaixar as peaxes, todo o contrario do que se está a aplicar en Galicia”. Neste sentido, desde o grupo provincial do PP instan o Goberno central a seguir o exemplo da Xunta, que conxelou por segundo ano consecutivo as autoestradas autonómicas entre Vigo e Baiona e entre A Coruña e Carballo ou que iguale o treito da AP-53 entre Dozón e Santiago co que une Ourense e Lalín, que o goberno autonómico mantén gratuíto.

 

Por estes motivos, propuxeron ao pleno unha proposta de acordo, que saíu adiante cos votos do grupo do PP e do BNG, consistente en expresar o rexeitamento da corporación provincial contra a suba de peaxes do Goberno central, esixirlle ao Goberno de España os correspondentes avances na transferencia a Galicia da titularidade da autoestrada AP-9 e solicitarlle tamén a liberación da peaxe do treito da AP-53 entre Santiago e Dozón para igualala coa autoestrada autonómica que chega a Ourense.

 

Unanimidade houbo para aprobar a unión do Concello de Baiona ao convenio para que a Deputación de Pontevedra asuma a prestación do servizo de vixilancia e inspección en materia de residuos. Un acordo que busca mellorar as cifras de separación de residuos para cumprir coa normativa europea do que xa forman parte quince concellos da provincia e que dispón dun orzamento de preto de medio millón de euros. Tamén votaron a favor os deputados dos tres grupos da corporación provincial para o cambio de titularidade en favor do Concello de Forcarei de catro treitos, dous antigos da EP-7001 e outros dous da EP-7203.

 

 

Antes, o presidente da Deputación, Luis López, deu conta da renuncia ao seu cargo de deputado provincial do voceiro do PSOE, Carlos López Font, que deixa o seu posto pola súa presentación como candidato ás vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia. Unha renuncia que suscitou palabras de recoñecemento dos voceiros do resto de grupos, Jorge Cubela (PP); e César Mosquera (BNG). A nova voceira do grupo socialista será a viguesa Ana Laura Iglesias, mentres que o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, será o substituto de López Font na corporación.

 

A xornada rematou coa celebración dun segundo pleno extraordinario no que se debateron dúas mocións presentadas polo grupo socialista que non saíron adiante. Unha na que esixían a licitación inmediata da primeira fase das obras da EP-2702 entre Amoedo e Os Valos, no concello de Pazos de Borbén; e outra relacionada coa vertedura de microplásticos no litoral galego para que a Deputación de Pontevedra aprobe un plan específico de axudas para os concellos afectados pola chegada dos pellets.

 

 

 

 

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.60

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.