Miércoles, 10 de Septiembre de 2025

Xornal21.es
Domingo, 12 de Mayo de 2024 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

A Deputación abre este luns o prazo para inscribirse na ruta ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas”

A ruta, impulsada pola institución da man de SEO/BirdLife, terá lugar o 26 de maio e permitirá observar aves na Serra do Suído, ao seu paso polos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo

A Deputación de Pontevedra abre este luns 13 de maio, ás 9:00 horas, o prazo de inscrición para participar na cuarta ruta ornitolóxica do programa “Voando nas Rías Baixas”. Esta nova actividade impulsada pola institución provincial da man de Seo/BirdLife terá lugar o domingo 26 de maio na Serra do Suído, ao seu paso polos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo. As solicitudes permanecerán abertas ata o 14 de maio ás 12:00 horas ou ata completar a capacidade (25 prazas).

 

 

A Serra do Suído é un sistema montañoso da provincia de Pontevedra de alto valor ecolóxico, famoso pola presenza do lobo ibérico e das aves rapaces. Caracterizase polos altiplanos, nos que abundan os pastizais e o monte baixo de breixos, toxos e carqueixas, mentres que, na súa parte baixa, conta con vales e cursos de auga que discorren entre bosques autóctonos ben conservados. Na primavera o no verán os seus espazos acollen grandes aves rapaces, como o voitre leonado, a aguia calzada, o miñato abelleiro, a aguia cobreira ou o miñato. Sobre as pendentes do monte baixo campan a tartaraña cincenta e a gatafornela. Tamén é territorio do lagarteiro común e do falcón peregrino, e non faltan o picanzo vermello, a perdiz, o tordo charlo, a laverca e demais paxariños propios destes hábitats.

 

As persoas interesadas en participar poderán facelo a través do formulario publicado no portal web da Deputación. Poderase anotar a persoa solicitante xunto cun máximo de tres acompañantes. O percorrido, ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento como para a visita da zona na que ten lugar a actividade. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado, e cada participante terá á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle cadansúa guía.

 

O programa “Voando nas Rías Baixas” contempla en 2024, ademais dos tres percorridos xa realizados e este pola Lama, Fornelos e Covelo, outras tres rutas ornitolóxicas por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000: en xuño na praia da Lanzada (O Grove), en setembro nas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro no esteiro do río Miño (A Guarda).

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.129

Todavía no hay comentarios

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.