O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación da nova expedición da Ruta Quetzal que este ano reunirá, a partir de xuño, máis de 200 mozos de distintos puntos de España que coñecerán nesta viaxe de estudos e aventura varios emprazamentos galegos co apoio da Xunta.
“Desde hai anos cremos e apoiamos este proxecto pola súa capacidade de promover o destino entre os máis mozos e porque nos está axudando a reforzar a imaxe e o potencial turístico das vías que percorre”, indicou Xosé Merelles, quen felicitou á organización e tamén agradeceu a súa aposta por escoller novamente Galicia “para a que, de seguro, será unha das experiencias máis especiais para os participantes”.
O director de Turismo de Galicia salientou tamén a importancia desta iniciativa para o turismo galego “ao focalizar a acción nun público mozo, ao que lle estamos ensinando parte do noso destino coa intención de que poda volver visitarnos no futuro”, expresou.
A nova edición da Ruta Quetzal iniciará a súa aventura por terras galegas o 30 de xuño e despois atravesará o norte de Portugal ata chegar a Lisboa. Desde a capital portuguesa, regresará a España por Estremadura para percorrer parte da Ruta da Prata e, de novo en Galicia, continuará pola ruta xacobea e a Ribeira Sacra ata chegar á capital compostelana.
En concreto, a expedición de 2024 comezará en Vilanova de Arousa, onde os participantes poderán acompañar ás mariscadoras e visitarán algunhas das principais fábricas de conservas. Tamén coñecerán Catoira, Valga, Pontecesures, Sanxenxo, Illas Cíes e Baiona. Posteriormente, a aventura da Ruta Quetzal continuará en Portugal ata a súa capital, Lisboa, e, tras regresar a España a través de Estremadura, continuará por Castela e León para volver a Galicia desde O Cebreiro, a porta do Camiño Francés. Tamén coñecerán a Ribeira Sacra. Tras 13 días de expedición, a Ruta Quetzal culminará a súa viaxe en Santiago de Compostela.
Nas súas 31 edicións, a expedición percorreu América e Europa e participaron máis de 10.000 mozos procedentes de preto de 60 países de Europa e América.
Normas de participación
Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
Normas de Participación
Política de privacidad
Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.119