Viernes, 12 de Diciembre de 2025

Xornal21.es
Viernes, 24 de Mayo de 2024 Tiempo de lectura:
TUI

Descubrindo o pasado xudeou de Tui co xogo de escapismo ao aire libre Eureka Reto Rural

O concello acolle o desafío ‘A comunidade xudía en Tui’, un dos escape rooms temáticos postos en marcha por Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

[Img #88760]Tui prepárase para acoller o terceiro desafío de ‘Eureka Reto Rural’, un programa de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño co que coñecer o territorio a través de xogos de escapismo temáticos, dixitais e ao aire libre. Unha emocionante aventura polas rúas do centro histórico da vila coa que todas e todos os participantes poderán coñecer o pasado xudeu e as curiosidades da comunidade xudía que viviu en Tui durante o século XI.


As xogadoras e xogadores deberán seguir as indicacións e pistas para ir resolvendo os diferentes desafíos e avanzar o seu percorrido por distintos puntos claves de Tui, o segundo conxunto histórico máis importante e grande de Galicia, con máis de 2.000 anos de antigüidade. Códigos numéricos, labirintos, anagramas... todo valerá para afondar na cultura e na historia xudía entre os muros e edificios da vila.  


Para adaptarse a todos os públicos e facilitar a participación de público familiar, o escape room modifica a súa hora inicial e sairá ás 18.00 horas da Praza da Catedral. Trátase dun percorrido circular con dificultade moderada e accesible para persoas con mobilidade reducida, aínda que a ruta conta con costas pronunciadas.

Recoméndase como sempre levar o teléfono móbil con batería suficiente e conexión a internet para poder realizar as probas, así como papel e lapis para usar en caso de necesitalo para a resolución dos retos.


As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro marcado na actividade. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Ademais de poder realizarse o día de estreo, este escape room permanecerá aberto e accesible para o público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para que calquera persoa poida desfrutar da experiencia.


A presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural, Sandra González, agradeceu a todas as persoas participantes nos primeiros desafíos de ‘Eureka Reto Rural’, confirmando “o grande interese que ten o público por experiencias turísticas diferentes e orixinais coas que poder coñecer o noso territorio dun xeito divertido e único. Son días de aventura e aprendizaxe realzando a visibilidade dos concellos dun destino turístico atractivo, unido, de gran beleza e histórica e culturalmente moi enriquecedor”.


A concelleira de Turismo de Tui, Ana Núñez, convida a todas as persoas a inscribirse “e formar parte desta experiencia única que nos levará a explorar o pasado e desvelar os segredos que resaltan a rica herdanza xudía na nosa cidade. Para nós é un verdadeiro orgullo que a nosa historia forme parte dunha iniciativa que permita coñecer dun xeito dinámico, interactivo e distinto o importante legado xudeu que atesoura Tui”.


Todos os xogos virtuais están deseñados para todas as idades e contarán cun premio para o grupo de persoas que complete a proba en menor tempo. Nesta ocasión o agasallo será un bautismo de surf con tres clases de iniciación de dúas horas na praia de Patos, en Nigrán, incluíndo o material necesario para cada sesión. Ademais, entre todas as persoas participantes sortearanse seis lotes de merchandising promocional do Concello de Tui.


As seguintes datas, concellos e temáticas dispoñibles tras Tui serán:
8 de xuño. Mos. ‘Festa da Rosa’.
15 de xuño. A Guarda. ‘A esencia mariñeira’.
22 de xuño. O Porriño. ‘Antonio Palacios’.
30 de xuño. Oia. ‘O mosteiro de Oia’.
6 de xullo. Gondomar. ‘O Conde no Camiño’.
12 de xullo. O Rosal. ‘O sector vinícola’.
14 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina’.
20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.
27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: As casas indianas’.
14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.
20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.60

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.