
O Campionato Xunta de Galicia de Montaña regresa esta fin de semana, os días 17 e 18 de agosto, coa celebración da quinta edición da Subida a Taboadela. A proba contará cun récord de participación, con 65 equipos inscritos na liña de saída.
A cita ourensá reunirá aos principais favoritos ao triunfo final, así como nas diferentes agrupacións, nun certame patrocinado polo World RX de Montalegre. Jacobo Senín parte como gran candidato á vitoria, aos mandos da Nova Proto, tendo como principais rivais a Alexis Vieitez e o ourensán Jesús López.
Na categoría de carcross, Alfonso "Pisko" Ventín, Beni Porto e o ourensán Abrahán Vázquez protagonizarán unha nova batalla, nunha categoría con dez participantes. Ademais, o becado da FGA, Mateo García, competirá nesta proba co seu LaBase, estreando o patrocinio do World RX de Montalegre.
Entre os carrozados, espérase máxima emoción coa presenza dos Porsche de Jorge Pérez e Javier Carballo, o Mitjet de Rubén Blanco, e o Volkswagen Golf TCR de Francisco Javier Álvarez, que se estreará en Galicia, entre outros vehículos de alto nivel.
En regularidade, hai cinco equipos inscritos, garantindo unha categoría onde a igualdade e a emoción estarán aseguradas.
Os horarios da competición comezan o venres 16 de agosto ás 18:30 horas coas verificacións optativas. Para aqueles que non pasen por este trámite, as verificacións obrigatorias serán o sábado de 09:00 a 12:00 horas.
A proba iniciará o sábado 17 de agosto ás 15:00 horas coa primeira manga de adestramentos, seguida das dúas primeiras ascensións oficiais. O domingo 18 de agosto, a partir das 09:00 horas, celebrarase a segunda manga de adestramentos, seguida das dúas ascensións oficiais restantes.
A entrega de premios terá lugar ao remate da proba na Praza do Concello de Taboadela.
Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.