O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou esta semana a decisión do Goberno de Alfonso Rueda de devolver máis de 22 millóns de euros de fondos europeos destinados á creación de prazas públicas de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Segundo Besteiro, esta acción evidencia a “incapacidade” do PP para xestionar os fondos e a súa aposta por un modelo que favorece ao sector privado en detrimento do público.
“Esta é unha mostra máis da incapacidade do PP para xestionar os fondos europeos e da súa aposta por un modelo que beneficia intereses privados por enriba do público. Xa o fixeron en Andalucía, é o modus operandi da dereita de Feijóo, á que pouco ou nada lle gusta o público”, declarou Besteiro.
A decisión de devolver os fondos europeos é o resultado dunha xestión ineficaz, xa que, a pesar de recibir 34,8 millóns de euros no ano 2021, o Goberno galego non foi capaz de crear as 3.417 prazas públicas prometidas na Conferencia Sectorial de Educación. A pesar de que aínda ten un ano para executar o compromiso, só logrou crear ou ampliar 205 prazas na rede pública en tres anos.
Os fondos devoltos, que formaban parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, tiñan como fin a creación de prazas públicas en zonas prioritarias, incluíndo áreas rurais e con risco de exclusión social. Con esta medida, o Goberno galego decide manter un sistema que privilexia os centros de xestión privada.
No momento actual, máis dunha terceira parte das prazas dispoñibles en Galicia pertencen á rede privada (13.552), outra terceira parte á pública autonómica (10.142) e case un 20% aos concellos. Neste contexto, o Goberno de Rueda compromete a súa financiación para a gratuidade das escolas infantís privadas en 2025, con 45 millóns de euros, o que para Besteiro evidencia un claro interese en favorecer o modelo concertado, perpetuando as desigualdades sociais.
Neste mesmo sentido, o líder socialista criticou tamén a disparidade no financiamento das escolas infantís. Mentres as empresas privadas reciben 310 euros por alumno ao mes, os concellos só reciben 93 euros, o que, segundo Besteiro, mostra unha política que "despreza o público e favorece sistematicamente intereses privados".
Besteiro tamén comparou a situación en Galicia co ocorrido en Andalucía, onde tamén se devolveron fondos europeos similares, pero os recursos foron redistribuídos a outras comunidades autónomas que solicitaron máis prazas públicas e gratuítas. "Galicia perde máis de 22 millóns de euros que poderían transformar a vida das familias galegas, especialmente nas zonas rurais e máis desfavorecidas. Mentres outras comunidades avanzan, aquí retrocedemos", afirmou o secretario xeral do PSdeG.
O PSdeG fixo un chamamento á cidadanía para defender un modelo educativo público, universal e de calidade. “Non podemos permitir que o PP siga desmantelando os servizos públicos, sexa en educación ou en sanidade. Galicia merece un goberno que poña ás persoas no centro das súas políticas”, remarcou Besteiro.
Normas de participación
Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
Normas de Participación
Política de privacidad
Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.129